0 Gardados para despois

A Xunta só fai públicos os seus pactos con empresas se alguén o pide malia ter obriga legal de divulgalos todos

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Transparencia pasiva só baixo demanda activa. Esa é a liña de actuación da Xunta desde finais do pasado ano, data desde a que o Goberno galego non volveu facer público por iniciativa propia, como lle esixe a súa propia Lei de Transparencia, ningún dos centos de acordos que asina cada mes con outras administracións, empresas ou asociacións. No que vai de ano a web do rexistro público de convenios, na que deben aparecer todos eses acordos que asina acotío, só amosa dous, e os dous foron alí colgados só despois de que os solicitase Praza.gal a través de senllas peticións expresas de transparencia.

O Goberno galego leva máis de medio ano sen actualizar o seu rexistro de convenios obrigado pola lei de transparencia, no que os dous únicos publicados nos últimos meses fórono tras peticións de Praza.gal

En 2016, por exemplo, a Xunta asinou un total de 1.632 convenios con todo tipo de entidades, boa parte deles cun custo económico ou unhas obrigas determinadas para a Administración galega. En 2006 o bipartito de PSdeG e BNG estableceu que a través dunha páxina web calquera cidadán puidese coñecer o concepto e o importe de cada acordo, pero para acceder a cada texto íntegro había que solicitalo de xeito expreso. En 2016 o PP aprobou unha nova Lei de Transparencia autonómica que estableceu que ese rexistro de convenios debe facer público o texto íntegro de todos os acordos e a memoria económica que os xustifica. Pero a aplicación dese precepto está a acumular importantes demoras.

Incluso nos convenios que divulga a Xunta pode ocultar partes de xeito discrecional, como fixo ao esconder que o centro de drons de Rozas podería afectar a unha ave en perigo de extinción, dato que Defensa non tivo problema en divulgar

A lei non estableceu prazos para esa publicidade activa, polo que na práctica as reiteradas demoras da Xunta en actualizar ese rexistro fan que a situación actual sexa similar á do bipartito. Para ter acceso a un convenio hai que solicitalo e agardar. E incluso así, a Xunta pode ocultar partes do texto de xeito discrecional, como fixo cun convenio para o centro de investigación de drons en Rozas do que ocultou que o complexo podería afectar a unha ave en perigo de extinción, dato que pola contra non tivo problema en divulgar o Ministerio de Defensa.

O rexistro de convenios leva meses sen actualizarse e os últimos acordos colgados nel de xeito sistemático datan de decembro do ano pasado. Ante esa lentitude, neste tempo Praza.gal reclamou ter acceso a dous acordos concretos dos centos asinados nestes meses a través doutra vía distinta á da web do rexistro de convenios, a de formular unha solicitude expresa de acceso a información pola vía de transparencia.

En maio este diario reclamou o convenio asinado o 22 de xaneiro entre a Vicepresidencia da Xunta e a Secretaría de Estado de Xustiza en materia de formación de diverso persoal da Administración de Xustiza. E Este mesmo mes de xullo este diario tamén solicitou ter acceso ao convenio asinado o 29 de maio coa empresa Indra para a cesión a esta dun espazo na Cidade da Cultura. A resposta ás dúas solicitudes directas de información por parte do Goberno galego foi a de publicar aos poucos días eses dous acordos na web do rexistro público de convenios. Eses dous son os os únicos convenios que alí figuran desde decembro do ano pasado.

A lectura dos convenios permite comprobar que o seu texto é o suficientemente ambiguo como para non resultar problemático para o Goberno galego

Por outra banda, a lectura dos dous convenios permite comprobar que o seu texto é o suficientemente ambiguo como para non resultar problemático para o Goberno galego. O convenio con Indra, por exemplo, contempla que a empresa pague un alugueiro polo espazo da Cidade da Cultura que ocupe o seu Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras Sociosanitarias (CETISS), pero non se especifica o importe, que se remite a unha tramitación posterior.

Compromisos de Indra para ocupar un espazo na Cidade da Cultura recollidos no convenio asinado coa Xunta

Nos acordos de Sanidade coa multinacional Medtronic o Sergas divulgou a parte xenérica do convenio, pero ocultou os anexos que especificaban gastos para as arcas públicas

Non é a primeira ocasión, non obstante, que o Goberno galego pon en práctica esta mecánica, dando en divulgar a parte máis ou menos xenérica dun convenio e relegando a un trámite posterior os detalles a través de engádegas ou anexos. Mostra disto son, por exemplo, os acordos pechados polo Sergas coa empresa estadounidense Medtronic, que permiten á compañía multinacional testar algúns dos seus produtos e servizos en hospitais públicos.

Como revelou Praza.gal, a Consellería de Sanidade si publicou a parte xenérica pero non fixo o mesmo cos "anexos" correspondentes ás operacións acordadas para cada hospital, documentación que seguiu ocultando mesmo cando lle foi solicitada formalmente pola Asociación de Pacientes do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS). Mentres que a parte pública do convenio sinalaba que o acordo non tiña custo económico para a Administración, os anexos si especificaban que a sanidade pública puña cartos e persoal dos seus centros. Neste caso, ademais, a Consellería que dirixe Jesús Vázquez Almuiña deu en saltar "un paso esencial" da lei de transparencia estatal, segundo ditaminou a Comisión de Transparencia de Galicia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.