A Xunta saltou un paso "esencial" da lei de transparencia ao ocultar pactos cunha empresa sanitaria estadounidense

Fragmento do "anexo" ao convenio entre Sanidade e Medtronic que a Consellería se negou a entregar á Asociación de Pacientes CC-BY-SA Praza Pública

O pasado outono a Consellería de Sanidade denegou á Asociación de Pacientes e Usuarios do Clínico de Santiago acceso á documentación que pedira para coñecer integramente os acordos asinados polo Servizo Galego de Saúde coa empresa sanitaria estadounidense Medtronic, en virtude dos cales a multinacional pode "testar" os seus produtos e servizos en hospitais públicos galegos. O Goberno galego amparouse na necesidade de protexer o "segredo comercial" e "propiedade industrial" da compañía para non divulgar os "anexos" cos detalles dos convenios con Medtronic para os hospitais de Santiago, A Coruña e Lugo. Ante a negativa, a asociación acudiu á Comisión da Transparencia, organismo dependente da Valedora do Pobo, onde o Sergas volveu defender a negativa á entrega da documentación. Pero tamén evidenciou que saltara un trámite estipulado pola lexislación vixente en materia de transparencia. Un paso que para a Comisión da Transparencia é "esencial".

Como informou Praza.gal, os documentos que a Xunta denegou ao colectivo de pacientes e tamén ao Parlamento revelan que, ao contrario do indicado na parte dos convenios que si é pública, a entrada de Medtronic en hospitais públicos tamén trae consigo a posta á disposición da compañía estadounidense de diñeiro e persoal da sanidade pública galega. Esta era, precisamente, unha das sospeitas da asociación e por iso acudiu á Comisión de Transparencia, que resolveu sobre o caso a finais de maio -case medio ano despois, aínda que a lexislación fixa que debera facelo nun máximo de tres meses-. Na súa resolución, á que tivo acceso este diario, a Comisión estima a reclamación da asociación pero non lle concede acceso directo aos papeis ocultados. A razón é esa devandita "omisión".

A parte dos convenios que a Xunta se nega a divulgar revela que o Sergas pon cartos e persoal nos seus convenios con Medtronic

Segundo consta no expediente, o pasado 5 de xaneiro a Vicesecretaría Xeral da Consellería de Sanidade remitiu á Comisión de Transparencia o expediente sobre a denegación de información á asociación de pacientes. Nela o departamento dirixido por Jesús Vázquez Almuíña detalla que "por omisión involuntaria, non se deu traslado previo das solicitudes á parte conveniante a efectos de presentación de alegacións". Isto é, non preguntou a Medtronic se permitía ou non revelar os anexos dos seus pactos co Sergas, aínda que a lei manda facelo. Aínda así, denegounos por "cautela".

Reiniciar o proceso

Fragmento do acordo da Xunta con Medtronic referido aos equipamentos cedidos, incluído no "anexo" ao convenio que Sanidade se negou a publicar

O Goberno galego tiña a obriga legal de preguntar á empresa sobre a publicación dos documentos, pero non o fixo e denegouna por iniciativa propia

Esta "omisión" non é, daquela, só unha falta de cortesía coa empresa e vai máis alá da evidencia de que Sanidade protexe o "segredo comercial" e a "propiedade industrial" de Medtronic sen que a multinacional o pedise. Como lembra a Comisión, neste procedemento é aplicable, ademais da lei galega de transparencia do ano 2016 -que substituíu a de 2016-, a norma estatal na materia aprobada en 2013. Esta lexislación de hai media década estipula que se, como neste caso, "a información solicitada pode afectar a dereitos ou intereses de terceiros, debidamente identificados", a Administración ten que lles conceder "un prazo de quince días para que poidan realizar as alegacións que estimen oportunas". A Xunta tiña, daquela, a obriga legal de consultar con Medtronic sobre a entrega destes documentos.

Segundo o ditame da Comisión da Transparencia, o trámite que Sanidade non realizou é "esencial", porque "ten como finalidade que a Administración conte cos elementos suficientes para valorar" se "deben prevalecer os dereitos ou intereses da empresa" ou "se, pola contra, debe prevalecer o dereito á información pública". Ao "negar o acceso a unha parte da información que a Asociación de Pacientes considera fundamental" sen cumprir ese paso fixado pola lei, di a Comisión, a Consellería incorreu nun "vicio de forma" -segundo Sanidade, "involuntario"- que fai necesario "retrotraer" o expediente "ao momento no que dito trámite foi omitido".

Unha nova resposta "xustificada e proporcional"

A Generalitat catalá asinou con Medtronic un acordo practicamente idéntico e publicouno en internet

Ten, daquela, que consultar con Medtronic e despois, volver resolver se entrega ou non a documentación. Cabe agardar que nos aspectos a valorar a multinacional terá en conta que outro goberno, o catalán, asinou con ela un acordo practicamente idéntico que leva anos publicado integramente no sitio web da Generalitat de Catalunya

Nese punto, ademais, a actuación da Xunta debe ser "xustificada e proporcional", tendo como última opción a denegación íntegra do documento. Así, explica a Comisión, se unha vez cumpridos todos os trámites "non fose posible o outorgamento do acceso á totalidade da información", a Administración ten o deber de "conceder o acceso parcial, previa omisión da información afectada polo límite" e "indicando ao solicitante a parte da información que se omitiu, agás que resultase unha información distorsionada ou que careza de sentido".

Con estes argumentos a Comisión da Transparencia "estima" a reclamación da Asociación de Pacientes do CHUS contra a denegación do acceso aos documentos e insta a Consellería de Sanidade a que, unha vez "finalizado o trámite de audiencia" que antes non fixo, responda novamente ao colectivo "nun máximo de 15 días hábiles" dende o "respecto aos límites" fixados nas leis de transparencia estatal e galega. Ademais, o Goberno galego terá que remitir á propia Comisión unha copia desa mesma información para que este organismo valore se, á segunda, a Xunta actuou correctamente.

O conselleiro de Sanidade, nunha intervención pública ante Feijóo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.