Lugo bótase á rúa para esixir "igualdade" na atención sanitaria

Cabeceira da manifestación CC-BY-SA Que non che rouben o corazón

Moita xente, demasiada como para responder á instrución dun único partido político. O núcleo da campaña do 24-M na cidade de Lugo estaba no serán deste xoves e non era un mitin, un debate ou calquera outro acto de partido. Era unha manifestación que, efectivamente, foi apoiada por todas as forzas políticas diferentes do PP. Pero o combustible da maquinaria que anegou de persoas indignadas as principais rúas da cidade da Muralla non foi outro que as verbas do máximo responsable dos populares galegos e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que en febreiro de 2011 empeñou a súa palabra para prometer os servizos que faltaban no flamante Hospital Lucus Augusti. Catro anos despois a unidade de hemodinámica, que atende infartos, funciona só en horas de oficina no HULA, onde aínda non foron instaladas a radioterapia nin a medicina nuclear.

Segundo a plataforma Que non che rouben o corazón, sustentada por colectivos sociais e veciñais, foron máis de 15.000 persoas as que secundaron a convocatoria, apenas sete mil menos das que lle votaron ao PP nas últimas eleccións municipais na cidade. Milleiro arriba ou abaixo o certo é que os veteranos do lugar aseveran que a deste xoves foi unha das meirandes manifestacións da historia dunha cidade tradicionalmente pouco dada a botarse á rúa e na que as mobilizacións máis amplas responderon a cuestións que aconteceran fóra -o 23-F, o 11-M ou o naufraxio do Prestige, por exemplo- ou a asuntos vinculados ao deporte local, como un polémico descenso do Breogán a finais dos 80.

Pero desta volta o tema afecta ao máis íntimo e persoal, a saúde, nun dos territorios máis envellecidos do país. Os milleiros de quilómetros que as persoas que sofren cancro teñen que percorrer cada mes para recibiren os seus tratamentos ou as máis de dúas horas que leva chegar dende as comarcas da montaña ata A Coruña para tratar unha arteria afectada por un accidente coronario eran, para os presentes, motivos dabondo como para coller a pancarta e poñer a camisola vermella que simboliza o movemento de protesta. Pódelle tocar a calquera. Se cadra, comentábase durante a protesta, estes factores foron infravalorados nos cuartes xerais dos populares galegos, cuxo líder pasea este venres polo centro de Lugo co seu candidato á alcaldía, Jaime Castiñeira, principal damnificado político deste conflito.

Os máis veteranos do lugar aseveran que a deste xoves foi unha das meirandes manifestacións da historia de Lugo

O alcalde, o presidente da Deputación e líder do PSdeG, os candidatos á alcaldía polo BNG, Lugonovo ou ACE, apoiaron coa súa presenza unha marcha que escurece o horizonte dos populares para o vindeiro domingo. Á fronte da comitiva varias coroas de flores lembraban as persoas que "xa non están" e que, segundo a organización, poderían ter unha oportunidade se o HULA contase cos servizos prometidos. "O que estamos reivindicando é a nosa saúde e mais a vida de todos os lucenses, estamos pedindo igualdade co resto dos galegos", sinalaron o remate da mobilización, ante a sede administrativa da Xunta na cidade.

"Non estamos utilizando os enfermos, o que queremos é denunciar o que sofren"

No acto final a voz da presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello, serviu para expresar os motivos da multitude. "Os lucenses non somos cidadáns de segunda división" nin se conforman con "palabras", di, xa sexan "boas palabras por parte do presidente da Xunta" ou "palabras insultantes da conselleira de Sanidade". O que se pediu este xoves é o mesmo que se leva esixindo dende hai catro anos: "que un lucense non morra de infarto cardíaco porque o tratamento chegou tarde, que un enfermo de cancro sufra o menos posible, sen ter que ir todos os días á Coruña atravesando Galicia de leste a oeste". "No estamos utilizando os enfermos -subliña- o que queremos é denunciar a situación de angustia e sufrimento que sofren".

"Onde preferiría o señor Feijóo que se lle manifeste un infarto ás cinco da tarde? En Becerreá ou na Praza do Obradoiro?"

Conscientes das críticas lanzadas dende a contorna do PP, que na propia xornada da manifestación atribuíu a protesta esencialmente aos socialistas, Bermello advirte de que a reivindicación da plataforma está "por riba dos intereses políticos e partidistas". "Onde preferiría o señor Feijóo que se lle manifeste un infarto agudo de miocardio ás cinco da tarde, en Becerreá ou na Praza do Obradoiro? E a señora conselleira? No Courel ou na Praza de María Pita?", pregunta. Parte das respostas, este domingo.

A protesta, vista dende a Muralla ao seu paso pola rúa do Teatro CC-BY-SA Que non che rouben o corazón
Remate da manifestación, ante a Xunta CC-BY-SA Que non che rouben o corazón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.