Lugo liderou a mortalidade por infartos en Galicia mentres a unidade que os trata abriu en horario de oficina

Accesos do Hospital Lucus Augusti Dominio Público Ajuanta

unha de cada catro persoas que sufriron un infarto na área de Lugo entre xuño de 2015 e setembro de 2017 puideron ser tratadas no Hospital Lucus Augusti. As tres restantes foron enviadas á Coruña porque a sala de hemodinámica, servizo que atende estas doenzas, só abría en horario de oficina -de 8 da mañá a 3 da tarde, de luns a venres-. A propia Consellería de Sanidade deu en admitir estes datos o pasado maio, tres meses despois de que o Servizo Galego de Saúde dese en ampliar o horario deste servizo ata as dez da noite de cada día, fins de semana incluídas, tras sete anos de protestas veciñais e políticas a esixir a apertura durante as 24 horas. Durante ese tempo Lugo liderou a mortalidade por infarto en Galicia.

A información a respecto do número de persoas tratadas en Lugo (73) e trasladadas á Coruña (203) no devandito período procede do Rexistro Galego de Infarto (Regaliam) e o Sergas achegoullos hai poucos días ao PSdeG, que os reclamaba dende hai anos. Os socialistas pediran tamén coñecer datos de mortalidade e os que os Sergas forneceu ratifican a tendencia que xa apuntaban outras fontes; coa hemodinámica en horario de oficina, a mortalidade por infarto en Lugo era a máis alta de Galicia.

Nomeadamente, no conxunto de persoas atinxidas por un infarto, a taxa media de mortalidade nos primeiros 30 días foi para o conxunto de Galicia nese período do 3,6%. Mentres, en Lugo a proporción era do 4,6%, case dous puntos por riba das áreas sanitarias cunha menor mortalidade, Santitago e Pontevedra, ambas no 2,9%. No caso dos doentes que foron tratados cunha Intervención Coronaria Percutánea (ICPP), tamén coñecida como anxioplastia -un dos procesos aplicados nas salas de hemodinámica-, a mortalidade lucense tamén era a maior, do 3,6%.

O PSdeG lucense ofrece "asistencia xurídica gratuíta ás familias" para que "coñezan as medidas legais que poden emprender" por mor das "consecuencias" de que a hemodinámica non abra as 24 horas

Unha vez recibidos estes datos, así como os referidos aos dispares tempos de atención entre áreas sanitarias, o PSdeG lucense dá por "constatado" que "a decisión política de Feijóo de non dotar a provincia de Lugo de hemodinámica as 24 horas supuxo graves consecuencias para os lucenses", en verbas do seu secretario provincial, Álvaro Santos. Por iso, avanza, o propio partido "ofrece ás familias lucenses asistencia xurídica gratuíta para que coñezan as medidas legais que poden emprender" por mor das "consecuencias persoais causadas por non contar co servizo de hemodinámica as 24 horas".

"Que lle pode dicir o PP a todas as familias da nosa provincia que engrosan a media de mortalidade?", pregúntase Santos, quen avanza que o PSdeG "continuará facendo presión e empregando todos os recursos que están ao noso alcance para que a Xunta dote o HULA" deste servizo con apertura continuada. "Non hai escusas para non facelo", máis aínda cando os datos o avalan e "os propios profesionais" do hopsital "están reclamando a súa inmediata implantación", conclúe o socialista.

Mentres, dende o Sergas, respóndese á intervención do PSdeG asegurnado que é "absolutamente falso" que "na provincia de Lugo se produza unha maior mortalidade que no resto de Galicia" por mor dos infartos. "Non hai diferenza ningunha entre a taxa de mortalidade entre os pacientes de Lugo e os do resto de Galicia", advirte Sanidade, que como en anteriores ocasións salienta que a atención a estas doenzas en Lugo "cumpren cos estándares" recomendados polas sociedades científicas, que ubican o limiar no 5%. 

Álvaro Santos (segundo pola esquerda), cos deputados José Antonio Quiroga, Concepción Burgo e Luis Álvarez, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo
© Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.