0 Gardados para despois

A Xunta admite que o horario de oficina da unidade de infartos en Lugo impediu tratar a tres de cada catro doentes

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Tiven sorte de aguantar a viaxe á Coruña". O pasado febreiro Pedro Díaz, veciño de Lugo que sufrira un infarto pouco tempo atrás, explicaba deste gráfico xeito a través dunha carta como se viu afectado polo horario de oficina da unidade de hemodinámica do Hospital Lucus Augusti, o servizo de atención a infartos que viña operando dende a súa apertura no ano 2014 unicamente de 8 da mañá a 3 da tarde, de luns a venres. Poucas semanas despois da difusión desta misiva o Servizo Galego de Saúde confirmaba que se dispuña a ampliar horario desta unidade a cal, tras sete anos de protestas cidadás, pasou a estar operativa ata as dez da noite, tamén nas fins de semana.

Segundo os cálculos do propio hospital, o novo horario permitiría que arredor de "dous terzos" das persoas que sufran un infarto na área de influencia do HULA -a práctica totalidade da provincia lucense- fosen atendidos neste hospital, mentres que o terzo restante tería que seguir sendo enviado á Coruña. Invertiríase deste xeito, explicaba a xerencia do complexo, a proporción que se viña rexistrando, con só un terzo de doentes tratados en Lugo. Fronte a estes cálculos xenéricos a oposición parlamentaria continuou a reclamar as cifras exactas e, concretamente o PSdeG lucense, esixiunos formalmente baixo a advertencia de reclamalos nos tribunais se a Xunta non os divulgaba.

Dende mediados de 2015 ao outono de 2017 rexistráronse 276 casos de pacientes con infartos na área de Lugo; deles só 73 "recibiron tratamento" na hemodinámica do HULA e o resto foron enviados á Coruña

Aínda que non no prazo regulamentario -un mes como máximo- e non de xeito íntegro -as cifras íntegras dende 2014 e ata 2017-, a Consellería de Sanidade si vén de facer chegar estas cifras aos socialistas. Faino baseándose en información tirada do Rexistro galego de Infarto (Regaliam), unha base dependente do Sergas creada en 2015, poucos meses despois de que datos estatísticos oficiais acreditasen que a mortalidade por infarto na provincia de Lugo duplicaba a media estatal. Malia ser incompleta, a información fornecida pola Xunta á deputada do PSdeG Concepción Burgo certifica que os pacientes con infartos que tiveron que ser trasladados á Coruña mentres a hemodinámica lucense abriu en horario de oficina foron practicamente un de cada catro, isto é, máis dos dous terzos estimados.

Apenas un cuarto das persoas infartadas en Lugo puideron ser atendidas no Lucus Augusti, que este ano ampliou o horario da hemodinámica ata as dez da noite

Atendendo á resposta rexistrada no Parlamento este 28 de maio, dende o 1 de xuño de 2015 -cando entrou en vigor o Regaliam- e ata setembro de 2017 -período no que Sanidade dá os datos por "validados"- rexistráronse "na área de Lugo" un total de 276 casos de pacientes con infartos. Deles, só 73 "reecibiron tratamento de anxioplastia primaria na sala de hemodinámica do Hospital Lucus Augusti de Lugo". Os restantes 203 "foron trasladados ao Hospital Universitario da Coruña". Isto implica, daquela, unha proporción global do 26% de doentes atendidos en Lugo.

Segundo os datos achegados pola Xunta á socialista Burgo en ningún dos tres anos observados -só un deles completo- se chegou realmente ao "terzo" de pacientes (33%) tratados na hemodinámica lucense, como veu sinalando o Sergas de xeito máis ou menos xenérico. En 2015 a proporción quedou no 24% e nos dous anos seguintes, na contorna do 26% e do 27%. O valor medio, daquela, roldaría o 25,6%. Así, calquera dous dous cálculos amosa que practicamente tres cuartas partes das persoas infartadas foron enviadas á Coruña.

Prometida por Feijóo para 2011

A promesa lanzada por Feijóo na inauguración do hospital marcou as reclamacións veciñais e políticas a prol da hemodinámica 24 horas

Alén das cifras a Consellería insta a ter en conta que "ademais da anxioplastia primaria" a pacientes que sofren infartos, na sala de hemodinámica do Lucus Augusti "realízanse numerosos procedementos terapéuticos distintos", como "electrofisioloxía, extracción do corpo estraño intravascular, inserción de balón intraaórtico de contrapulsación" ou "anxioplastias en arterias periféricas renais, entre outros". Ademais, advirte, a "decisión de derivar os pacientes con infarto á sala de hemodinámica é xestionada" polo 061, que "xestiona a ambulancia máis adecuada para realizar o traslado do paciente dende o lugar do infarto á unidade de hemodinámica máis próxima".

O pano de fondo das protestas cidadás e políticas para reclamar o servizo, da ampliación do horario e da propia instalación do servizo de hemodinámica no hospital lucense cómpre buscalo na inauguración do propio complexo o 26 de febreiro de 2011. Naquel acto inaugural o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que os pacientes que precisasen este servizo, así como os que ata ese momento eran desprazados para recibir tratamentos oncolóxicos, ían "poder ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano", isto é, en 2011. O certo é que os servizos pendentes para atender doentes de cancro non chegaron ata 2016 e a hemodinámica comezou a funcionar en 2014, pero co devandito horario de oficina.

Desactivar os subtítulos Activar os subtítulos

Feijóo promete a posta en marcha de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear no Hospital Lucus Augusti de Lugo antes da fin de 2011

© Xunta

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.