A mortalidade por infarto en Lugo duplica a media estatal

Entrada do Hospital Lucus Augusti CC-BY-NC-SA PSdeG

Os infartos e a súa incidencia na mortalidade levan sendo unha constante no debate político da provincia de Lugo dende hai varios anos. A promesa de instalación no Hospital Lucus Augusti dunha unidade de Hemodinámica -especializada en atender este tipo de doenzas-, formulada polo presidente da Xunta hai xa catro anos, e a súa posterior apertura dende comezos de 2014 só en horas de oficina -de 8 da mañá a 3 da tarde, de luns a venres-, é un dos múltiples motivos de indignación na cidade e na provincia lucense a respecto da atención sanitaria. Mentres a Consellería de Sanidade teima en negarse a que este servizo abra as 24 horas do día os últimos datos de mortalidade aguilloan aínda máis a mobilización cidadá. Atendendo ás cifras do INE a taxa de mortalidade por infarto agudo de miocardio en Lugo duplica a media estatal.

A unidade que atende estas doenzas no HULA só abre en horario de oficina

Segundo os datos máis recentes, correspondentes ao 2013 e publicados hai poucos días, nese ano, o último sen hemodinámica en Lugo, morreron no conxunto de Galicia un total de 1.283 persoas por infarto agudo de miocardio, case a metade (525) na provincia da Coruña, algo máis de 300 en Pontevedra, 263 en Lugo e 184 en Ourense. Esta distribución vén sendo unha tendencia estable nos últimos anos; arredor do 40% das mortes por infarto corresponden á Coruña, en torno ao 20% en Lugo, un 15% en Ourense e o resto, en Pontevedra, con escasas variacións ano a ano. No entanto, tanto a estabilidade na evolución como o reparto varía se o indicador ao que se atende é a taxa de mortalidade, isto é, o número de persoas que morren por infarto por cada 100.000 habitantes.

En Lugo producíronse 76 mortes por cada 100.000 habitantes, fronte ás 46 da media galega e as 35 da estatal

A partir da información do INE é posible coñecer que nese 2013 a taxa de mortalidade por infarto en Lugo foi de 76,01 mortes por infarto por cada 100.000 habitantes. Trátase dunha cifra avultada en si mesma que o é máis ao ser comparada co do resto de provincias, pero máis aínda coa media galega e moito máis se a referencia é a media española. Concretamente, a taxa lucense duplica sobradamente a española, que quedou en 35,5, e supera en case trinta puntos a galega, de 46,39. Asemade, a mortalidade da poboación lucense por infarto tamén está moi por riba da provincia galega máis semellante en termos de poboación, a de Ourense, que presenta 56 destes casos por cada 100.000 habitantes. 

A taxa de Lugo destaca entre as demais pola súa magnitude de 2013 pero tamén pola súa evolución nos últimos anos, nos que o número de mortes por infarto minguou en todos os ámbitos. No último ano completo no que o Lucus Augusti non funcionou, en 2010, a taxa de falecementos por esta causa en Lugo era de 61,96 por cada 100.000 habitantes. No terceiro ano do HULA, o 2013, a taxa aumentara case un 23%, ata os devanditos 76,01. Mentres, na outra provincia interior, Ourense, pasouse de 65,33 casos en 2010 a 56,32 en 2013, unha redución superior ao 13% . Nas provincias atlánticas o panorama foi de estabilidade, aínda que cunha lixeira tendencia á baixa: Na Coruña pasouse de 49,37 a 46,12 casos e en Pontevedra, de 32,62 a 32,56.

Advertencia dende o propio hospital

Estes datos véñenlle poñer base numérica non só ás reclamacións da plataforma que vén reclamando a instalación dos servizos pendentes no HULA, senón tamén ás advertencias lanzadas dende o propio hospital e, máis concretamente, polo seu Servizo de Cardioloxía. Nesta liña, o xefe deste servizo, o doutor Carlos González Juanatey, aproveitou unha conferencia na Deputación lucense a finais de xaneiro para evidenciar que a apertura da unidade de Hemodinámica durante as 24 horas tería un "impacto indubidable" nas taxas de mortalidade, toda vez que na actualidade só un terzo das persoas que sofren un infarto en Lugo poden ser atendidas a tempo e nesta doenza "o que hai que facer é correr" tras a aparición dos primeiros síntomas, salientaba.

O xefe de Cardioloxía do HULA cre que a apertura da unidade as 24 horas tería un "impacto indubidable" nas cifras de mortalidade

A información do IGE chega, ademais, pouco despois de que a plataforma veciñal recorrese ao Valedor do Pobo para tentar obter datos detallados de mortalidade por infarto na provincia, toda vez que os Sergas llelos nega sistematicamente. "Queremos saber cantas persoas morreron, cantas foran desprazadas ou cantas morreron no desprazamento", sinalaba o pasado febreiro en declaracións a Praza o coordinador da plataforma, José Manuel Carballo.

O PSOE pregúntalle polos datos ao Goberno central

Con estes datos na man a petición de explicacións cara á Xunta vai continuar e vaise estender tamén cara ao Goberno de España. Neste caso farao a través da deputada do PSOE Margarita Pérez Herraiz. Por medio dunha pregunta xa rexistrada no Congreso dos Deputados a parlamentaria socialista insta o Goberno central a aclarar se "cre que hai algunha posible xustificación" para que, malia á evidencia de sufrir unha maior mortalidade, "na provincia de Lugo non haxa un servizo de hemodinámica as 24 horas do día".

Manifestación polos servizos do hospital lucense CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.