Só un terzo das persoas que sofren infartos en Lugo poden ser atendidas a tempo

Asistentes á conferencia de González Juanatey © Deputación de Lugo

A poboación lucense, como era de agardar, non dá infartado só en horario de oficina. Despois de anos de reivindicacións en xaneiro de 2014 comezaba a funcionar no Hospital Lucus Augusti de Lugo a sala de hemodinámica, a gran reivindicación sanitaria dos colectivos veciñais, sociais e políticos lucenses xunto aos servizos de radioterapia e medicina nuclear. Esa posta en marcha, prometida por Feijóo -igual que a do resto de servizos- para 2011, produciuse só de maneira parcial. A unidade para atender infartos funciona unicamente de 8 da mañá a 3 da tarde e de luns a venres. Así, en torno ao 60% dos casos seguen tendo que ser atendidos noutros hospitais, esencialmente na Coruña, incrementándose así o seu risco de falecemento, segundo se admite dende o Servizo de Cardioloxía do HULA.

O xefe deste servizo, o prestixioso cardiólogo Carlos González Juanatey, ofreceu este xoves unha conferencia no salón de actos da Deputación de Lugo, espazo que foi mostra da sensibilidade que existe na cidade e na provincia a respecto da reivindicación do hospital, toda vez que rebordou asistentes, algo pouco habitual nos actos que alí se organizan. Na súa intervención González Juanatey ratificou unhas cifras que o PP chegou a negar no Parlamento, e que indican que só 1 de cada 3 infartos da provincia se producen nese rechamante horario de oficina e, polo tanto, unicamente un terzo poden ser atendidos no tempo recomendado, menos de 120 minutos, nunha doenza na que, destaca, "o que hai que facer é correr" tras os primeiros síntomas.

"Fai falta hemodinámica 24 horas", resume o xefe de Cardioloxía do HULA

Segundo González Juanatey a apertura da sala de hemodinámica durante as 24 horas en Lugo tería un "impacto indubidable" nos índices de mortandade das persoas que sofren infartos, máis aínda tendo en conta que as doenzas do corazón son unhas das máis frecuentes nesta contorna xeográfica. "Fai falta hemodinámica 24 horas", resume, nun contexto no que o impacto económico da apertura sería "perfectamente asumible" para o Servizo Galego de Saúde, toda vez "o custo sería o de contratar un hemodinamista máis" porque no HULA xa "o temos todo: a estrutura e o volume de casos, porque nun ano fixemos máis dos que nos correspondían".

Posible demanda contra a Xunta

Dado que, alén da instalación da Radioterapia, datada agora para 2015, a Xunta non ten entre os seus plans abrir a unidade de hemodinámica durante as 24 horas a batalla por este servizo podería pasar da política aos tribunais. Esta, cando menos, é a intención que anunciou durante o coloquio posterior á conferencia o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez. O tamén deputado provincial do PSdeG asegura que acudiu á charla para "comprobar que o das dúas horas era mentira", pero o cardiólogo non só refutou ese prazo, senón que "di que para loitar contra o infarto o mellor é correr". "Se un veciño de Lugo ten grave risco de non chegar a tempo, un da Montaña moitísimo peor", toda vez que é "practicamente imposible" chegar en 120 minutos dende esta comarca ata A Coruña.

O alcalde de Becerreá subliña que "representantes políticos da Montaña" valoran reclamar os servizo nos tribunais

Neste escenario, anuncia Martínez, "representantes políticos da Montaña luguesa estamos estudando a vía xudicial para demandar á Xunta e reclamar os servizos sanitarios iguais que os dos resto dos galegos". Esta acción, sinalan, concretaríase nunha demanda contra o presidente da Xunta e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, nun intento máis de explicitar que "esta Xunta nos condena a morrer".

A palestra do cardiólogo estivo introducida polo presidente da Federación Veciñal Lucense, Jesús Vázquez, que lembrou que González Juanatey leva "máis dunha década" sinalando a "necesidade de que a provincia de Lugo conte cunha unidade de hemodinámica". Na mesma liña, o presidente da Deputación lucense, José Ramón Gómez Besteiro, recalcou que o cardiólogo iniciou con esta reclamación "unha senda que despois seguirían outros moitos profesionais médicos.

Juanatey (esquerda), con Besteiro e Vázquez © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.