0 Gardados para despois

O Sergas ultima unha ampliación do horario de atención a infartos en Lugo tras sete anos de protestas cidadás

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O vindeiro luns, 26 de febreiro, fará exactamente sete anos dende que Alberto Núñez Feijóo inaugurou o Hospital Lucus Augusti, o centro que substituíu na capital lucense a asistencia que prestaba o deteriorado complexo hospitalario Xeral-Calde. Naquel acto solemne o presidente da Xunta formulou unha promesa moi concreta: "Os pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poderán ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano", isto é, de 2011. Aquela promesa aglutinaba os principais servizos pendentes do hospital lucense: radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica. Os dous primeiros chegaron ao HULA en marzo e agosto de 2016 e no caso da hemodinámica, o servizo que atende as persoas que sofren un infarto, está aberto dende comezos de 2014, aínda que só en 'horario de oficina', de 8 a 3 e de luns a venres. Sete anos despois esa restrición está a piques de mudar, aínda que só parcialmente.

Feijóo prometera na inauguración do hospital a apertura do servizo de hemodinámica antes da fin de 2011

Segundo puido saber Praza.gal de fontes sanitarias, no hospital de Lugo está a ultimarse a inminente ampliación do horario da unidade de hemodinámica, aínda que sen chegar polo momento á apertura 24 horas que viñeron reclamando durante os últimos sete anos plataformas veciñais, organizacións sanitarias, partidos políticos da oposición galega e as principais institucións lucenses, Concello e Deputación. As fontes consultadas por este diario indican que esa ampliación, que cadraría practicamente de xeito exacto co sétimo aniversario da inauguración do HULA, traerá consigo que esta unidade preste servizo ata as 22 horas de cada día e despois peche ata a mañá seguinte. Nese período nocturno os pacientes infartados que o precisasen terían que seguir sendo trasladados a outros hospitais -o máis frecuente é que sexan enviados á Coruña-. As mesmas fontes indican que dende o hospital se está a trazar ademais un cronograma que implicaría, nunha seguinte fase sen determinar, implantar a reclamadísima apertura continuada.

O servizo inaugurouse en 2014 con atención en 'horario de oficina' e agora abrirá ata as dez da noite

Esta mudanza chega despois non só de sete anos de mobilizacións practicamente continuas, senón tamén despois de que, durante os mesmos anos, o Goberno galego e o PPdeG defendesen que o modelo de apertura en 'horario de oficina' atendía de xeito adecuado as necesidades da unidade de hemodinámica do HULA á que chegan doentes non só da cidade de Lugo, senón de toda a provincia. Neste sentido, a Consellería de Sanidade condicionou durante os últimos anos calquera cambio no modelo aos resultados tirados do Rexistro Galego de Infarto (Regaliam), unha base de datos dependente do Sergas creada a comezos de 2015, pouco despois de que os datos do INE acreditasen que a mortalidade por infarto na provincia de Lugo duplicaba a media estatal.

Esta mesma semana o PSdeG lucense esixía formalmente a través do Parlamento por décimo cuarta vez coñecer os datos completos do Regaliam baixo a advertencia de que, se Sanidade non atendía desta volta a petición, esixirían os documentos a través dos tribunais. A única información ao respecto feita pública polo Sergas ata o momento, na primavera de 2016, acreditaba que as diferenzas no tempo de atención aos infartos de miocardio en Lugo superaban a hora e vinte a respecto do punto de Galicia no que esta doenza é atendida con máis axilidade, a cidade de Santiago.

Sanidade confirma que a ampliación do horario é inminente e atinxirá tamén á sala de hemodinámica de Ourense

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, confirmou este mércores no Parlamento a devandita ampliación do horario da sala de hemodinámica lucense ata as dez da noite e avanzou ademais que a mesma medida será adoptada en Ourense. Almuiña asegurou ademais, en resposta a unha pregunta do PP, que os datos acumulados no Regaliam tras 25 meses de funcionamento son "moi positivos". Este diario consultara á Consellería de Sanidade sobre os detalles da decisión, así como a respecto da súa intención por divulgar os datos completos do rexistro e o departamento autonómico remitiuse este mércores á intervención parlamentaria do conselleiro.

A inminente ampliación parcial do horario de apertura do servizo de hemodinámica no Lucus Augusti anúnciase poucas semanas despois de que, como informou Praza.gal, a reclamación pública sobre este servizo fose reavivada pola carta aberta dun paciente que tivo que ser trasladado á Coruña ao sufrir un infarto un domingo ás sete da tarde. Neste sentido, a Federación Veciñal e outras entidades da cidade xa avanzaran a súa intención de emprender novas mobilizacións para esixiren a apertura continuada.

Chega ademais nun momento no que as carencias sanitarias de Lugo se presentan, xunto á cuestión das infraestruturas pendentes, como un dos principais lastres electorais para o PP na cidade e na provincia, fixadas na estratexia electoral dos populares como prioritarias, toda vez que levan lonxe do poder municipal dende 1999 e a súa eventual recuperación sería clave para poderen optar ao seu outro gran albo, a Deputación provincial, que non gobernan dende 2007 coa excepción dun poucos meses en 2015.

Desactivar os subtítulos Activar os subtítulos

Feijóo promete a posta en marcha de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear no Hospital Lucus Augusti de Lugo antes da fin de 2011

© Xunta

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O PSdeG liga o novo horario da hemodinámica á "proximidade dunha cita electoral" e reitera a esixencia de abrila as 24 horas

"O ultimato parece surtir efecto inmediato". O secretario xeral do PSdeG en Lugo, Álvaro Santos, saíu ao paso da inminente ampliación do horario do servizo de hemodinámica no Hospital Lucus Augusti para advertir do mantemento das reivindicacións dos últimos sete anos, así como da advertencia que el mesmo lanzara apenas un día antes de que o conselleiro Vazquez Almuiña confirmase que a atención aos infartos no HULA terá agora sete horas máis, ata as dez da noite: os socialistas, advirte, manteñen a esixencia da apertura 24 horas e seguen a reclamar os datos completos sobre os infartos na provincia de Lugo e, de non obtelos, reclamaranos nos tribunais.

"Non cesaremos no traballo para que os lucenses conten co servizo de hemodinámica as 24 horas, que é o que sempre defendemos", resalta Santos, quen censura que na apertura do HULA "o PP privase os lucenses desta prestación" malia os "informes científicos que acreditan a súa necesidade", dende a Sociedade Española de Cardioloxía ata "as propias recomendacións do xefe de Cardioloxía" do hospital lucense, Carlos González Juanatey, que defendeu publicamente que a apertura continuada tería "un impacto indubidable" nas taxas de mortalidade e atención aos pacientes que padecen un infarto.

Álvaro Santos: "O PP só parece atender as reclamacións dos lucenses cando imos aos tribunais ou saímos á rúa"

"O PP só parece atender as reclamacións dos lucenses cando imos aos tribunais ou saímos á rúa", conclúe o tamén voceiro do goberno da Deputación, a cuxo xuízo a explicación das sete horas adicionais na hemodinámica do HULA cómpre buscala na "proximidade dunha cita electoral", a das vindeiras eleccións municipais. Non en van, lembra Santos, o propio servizo de hemodinámica, que Feijóo prometera para 2011, non chegou ata estar "ás portas das municipais"; igualmente, a radioterapia "foi anunciada en vésperas" daqueles comicios, aínda que "non a puxeron en marcha ata 2016", e "apenas un mes antes das eleccións autonómicas, o PP decidiu pór en marcha a Medicina Nuclear". Todos estes servizos, resalta, Feijóo garantíraos para 2011.

Alén do PSdeG lucense, no ámbito do Parlamento a reclamación da hemodinámica 24 horas foi secundada tamén por En Marea tras coñecer os novos plans da Consellería. "É fundamental que se cumpra a petición da veciñanza e que esta unidade traballe as 24 horas, porque a veciñanza de Lugo non ten por que ter menos dereitos que a do resto de Galicia", subliñou a deputada Eva Solla. Se Sanidade accede a publicar todos os datos sobre a incidencia dos infartos, agrega, ficará demostrada "a procedencia de ter aberto moito antes aq uenda de tarde" e tamén que cómpre que hemodinámica sexa, ao cabo, un "servizo permanente".