0 Gardados para despois

O relato en primeira persoa de ter un infarto en Lugo fóra de 'horas de oficina': "tiven sorte de aguantar a viaxe á Coruña"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O 26 de febreiro de 2011 o presidente da Xunta inaugurou o novo hospital de Lugo. No discurso inaugural do Lucus Augusti Alberto Núñez Feijóo lanzou un "compromiso" concreto: "os pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poderán ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano". Esta promesa supuña levar á realidade algunhas das peticións máis reiteradas por colectivos sanitarios, veciñais e políticos lucenses: instalar no HULA os servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear.

A Xunta anunciara a hemodinámica do hospital lucense para 2011, pero comezou a funcionar en 2014 e non abre todo o día

Durante estes anos a promesa presidencial foi cumpríndose parcialmente e entre atrasos. A medicina nuclear non comezou a funcionar ata agosto de 2016, apenas un mes antes das eleccións galegas, e a radioterapia fora anunciada novamente en vésperas das municipais de 2015, pero non se puxo en marcha ata marzo do propio 2016 e mediante unha doazón da Fundación Amancio Ortega. O servizo dos prometidos que leva máis tempo instalado é o de hemodinámica, o que atende os infartos de miocardio. Abriu en 2014, pero só está operativa en 'horario de oficina', isto é, de 8 da mañá a 3 da tarde e de luns a venres. O resto do tempo os pacientes de Lugo e provincia teñen que seguir sendo desprazados a outros hospitais, fundamentalmente ao da Coruña.

Esta viaxe é a que se viu obrigado a facer recentemente Pedro Díaz, un lucense que sufriu un infarto contra as sete da tarde mentres paseaba. Cando chegaron os síntomas había catro horas que a hemodinámica do HULA pechara e faltaban máis de doce para que volvese abrir, polo que tivo que ser enviado ao hospital coruñés. Pedro resume nesta carta aberta a súa experiencia:

Son un paciente de cardioloxía porque hai unhas semanas e sen previo aviso deume un infarto. En principio non era nada previsible, xa que non tiña ningún factor alarmante de risco, pero deume. Eran as sete da tarde e estaba dando un paseo, a partir de aí entrei a formar parte dunha gran familia de afectados que, coma min, sufrimos a enfermidade. Moitísima xente menor de 50 anos que sen motivo aparente se ve de fronte co final. Xente igual ca ti, que estás lendo a carta e que tampouco o esperas. Eu tiven a sorte de poder chegar ao HULA e aguantar despois o desprazamento ata chegar ao CHUAC.

Cando che dá un infarto como o meu vanche quedar lesións e o tempo que tarden en abrirche a arteria será fundamental. Vaiche custar entender como é posible que se en Lugo temos un servizo de cardioloxía formado por profesionais preparados para atenderte sen necesidade de perder tempo nun desprazamento que pode ser vital, o Sergas enfróntate a un risco innecesario. Pódovos asegurar que tanto en cardioloxía como en rehabilitación, o HULA está preparado e conta cun equipo de profesionais excelente, só falta que lles deixen traballar.

Seguramente é unha decisión cunha gran carga política, por iso cando haxa eleccións eu tamén o terei en conta; o que fagas ti, será cousa túa.

Pedro Díaz

Os primeiros datos oficiais acreditaron que os infartos eran tratados en Lugo 80 minutos máis tarde que en Santiago, onde o procedemento era o máis áxil de Galicia

Esa "carga política" do conflito en torno ao servizo de hemodinámica de Lugo resultou evidente nos últimos anos. Vén sendo obxecto de disputas electorais en cada campaña dende que abriu o HULA e estivo na cerna de numerosas mobilizacións cidadás, aguilloadas por datos estatísticos como os que, a comezos de 2015, acreditaron que a mortalidade por infarto na provincia de Lugo duplicaba a media estatal. Apenas dous meses despois da publicación daqueles datos a Xunta anunciou a posta en marcha do Rexistro Galego de Infarto (Regaliam), dependente do Sergas. Da análise dos seus datos, anunciaran, dependería a apertura ou non as vinte e catro horas do servizo de hemodinámica de Lugo e mais do de Ourense, que tampouco ofrece horario continuado.

Na primavera de 2016 Sanidade ofreceu os primeiros datos do Regaliam e esas cifras oficiais acreditaban diferenzas de máis dunha hora e vinte na atención aos infartos entre Lugo e, por exemplo, a cidade de Santiago, onde a atención era máis rápida. Así e todo, o Sergas chamara a tomar os datos con cautela e subliñara que os dispares tempos de atención entre territorios non tiñan "influencia sobre a mortalidade doa pacientes segundo a súa localidade de residencia".

Sanidade reiterou o pasado decembro que manterá o horario parcial porque a atención en Lugo "cumpre cos estándares de calidade"

Esta consideración contrastaba coa reiterada dende o hospital lucense polo seu xefe de Cardioloxía, Carlos González Juanatey. Nunha conferencia pronunciada a comezos de 2015 o especialista concluíra que só un terzo dos infartos que se producen en Lugo poden ser atendidos no tempo adecuado -menos de 120 minutos- e amosábase seguro de que a apertura da unidade de hemodinámica durante as 24 horas tería un "impacto indubidable" nas taxas de falecementos. Cando aparecen os primeiros síntomas do infarto, ilustrara, "o que hai que facer é correr".

Durante estes anos, así e todo, a posición da Consellería de Sanidade continuou a ser a mesma. Así, a mediados do pasado decembro o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, reiterou no Parlamento que a "asistencia aos pacientes que sufriron un infarto na provincia de Lugo cumpre cos estándares de calidade" para "a mortalidade tras a anxioplastia aos 30 días", isto é, "menor do 5%". A apertura da hemodinámica as 24 horas "non é unha cuestión económica", resaltou Aboal, quen asegurou que "se nalgún momento" o "grupo de expertos" que analiza os datos do Regaliam "propón a ampliación da cobertura horaria" en Lugo, "entón se dotarán os recursos físicos e humanos necesarios". Naquela mesma sesión a deputada socialista Concepción Burgo, que formulara a pregunta, reiterara a reclamación da apertura total e mais a esixencia de que os datos do rexistro sexan públicos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.