O vindeiro luns, 26 de febreiro, será o sétimo aniversario da inauguración do Hospital Lucus Augusti polo presidente da Xunta, acto no que Alberto Núñez Feijóo asegurara que antes do remate daquel ano, o 2011, "os pacientes con doenzas do corazón ou de cancro" que ata ese momento tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña", ían "poder ser atendidos no seu hospital público de Lugo". A mención de Feijóo ás enfermidades cardíacas referíase á posta en marcha da sala de hemodinámica do HULA, que non abriría ata 2014 e en 'horario de oficina', de 8 da mañá a 3 da tarde e de luns a venres. Dende este 26 de febreiro a unidade ampliará a súa apertura ata as 22 horas de cada día da semana e o propio hospital calcula que arredor dun terzo dos doentes continuarán, sete anos despois, a ser trasladados.
Como avanzou Praza.gal, no hospital lucense traballábase dende hai meses nunha ampliación que os profesionais do propio centro reclamaban dende a súa propia apertura ao consideraren que ofrecer o servizo de maneira continuada tería un "impacto indubidable" na atención, benestar e supervivencia da poboación que sufrise un infarto en calquera punto da provincia lucense. Este pasado xoves, un día despois de que o conselleiro de Sanidade bosquexase os novos plans no Parlamento, os responsables do HULA compareceron ante a prensa para detallar a noticia e tamén para confirmaren que durante estes sete anos dous de cada tres doentes susceptibles de seren atendidos na sala de hemodinámica tiveron que ser trasladados -o máis habitual, á Coruña- por estar pechada.
Os responsables do HULA revelan que dende a apertura da hemodinámica en 'horario de oficina' dous de cada tres doentes tiveron que ser trasladados
Segundo o xerente do HULA, Ramón Ares, dende que en 2014 a hemodinámica foi inaugurada co devandito horario de oficina, "case 500 pacientes de Lugo foron tratados en Lugo, se necesidade de trasladalos fóra da provincia". Este dato complétase co das persoas que si tiveron que ser enviadas á Coruña. E o certo, admitiu Ares en comparecencia conxunta co xefe de Cardioloxía, Juan Carlos González Juanatey, é que "dous terzos" dos doentes quedaron fóra do horario de atención. Co novo modelo de apertura, de 14 horas diarias, o hospital aspira a que dous de cada tres pacientes xa poidan ser atendidos no HULA, mentres que "outro terzo", calcula, seguirá a atopar a porta pechada.
O hospital non é quen de precisar cando podería chegar a extensión do servizo ás 24 horas, malia non ser "cuestión de cartos" e aínda que Feijóo a prometeu na inauguración do centro, hai sete anos
A decisión de ampliar o horario pero non facelo de vez para as 24 horas do día chega, segundo Ares, a partir da análise que o Sergas fai dos datos do Rexistro Galego de Infarto de Miocardio (Regaliam), a base de datos activada por Sanidade en 2015, pouco despois de que datos oficiais do INE acreditasen que a mortalidade por infartos na provincia de Lugo duplicaba a media estatal. Ese mesmo rexistro oficial, resalta Juanatey, amosa que os infartos agudos de miocardio viñan sendo atendidos agora en Lugo, de media, uns 160 minutos despois de que a persoa doente perciba os primeiros síntomas. Isto supón, explica o cardiólogo, que o hospital lucense estivese uns 40 minutos por riba do limiar establecido polas sociedades científicas para unha atención correcta. Co novo horario, di, agardan poder "cumprir os estándares dos 120 minutos", o que tería unha "transdendencia importante".
Ambos facultativos evidencian que "levou o seu tempo" conseguir unha ampliación de horario sobre a que Ares evita aclarar se a Xunta podería, nun horizonte próximo, autorizar a súa estensión ás 24 horas do día. O xerente dá en admitir que "durante a noite" tamén se producen infartos en Lugo e provincia e que nin sequera é "cuestión de cartos" poder ter aberta de maneira permanente unha unidade que, afirma Juanatey, está ao máximo nivel no que atinxe aos seus recursos técnicos e profesionais. O investimento para a apertura permanente sería escaso, di o xerente -só implicaría máis gardas localizadas durante a noite-, pero esta está condicionada a que a considere oportuna a comisión do Sergas que avalía os datos do Regaliam.
"Queda un terzo para que o PP nos considere cidadanía de primeira"
Álvaro Santos (PSdeG): "Reclamamos que funcione as 24 horas, a hora na que poidamos sufrir un infarto é incontrolable"
Os detalles da ampliación do horario foron retrucados xa dende o PSdeG lucense, que apenas vinte e catro horas antes do anuncio lanzara á Xunta un "ultimato" para que lle facilite e divulgue os datos completos do Regaliam referentes a Lugo, que a formación leva reclamando sen éxito dende a creación do rexistro. "Temos dereito a saber se o capricho do PP de atrasar a hemodinámica 24 horas custou ou condicionou a vida dalgún veciño", di o secretario provincial dos socialistas, Álvaro Santos, quen advirte de que coa nova medida aínda queda "un terzo", á vista das explicacións ofrecidas, "para que o PP nos considere cidadanía de primeira".
Olalla Rodil (BNG): "É un insulto á intelixencia que as posibilidades de supervivencia sigan dependendo da hora na que se sufra un ataque cardíaco"
Alén de que o "ultimato" de acudir aos tribunais se a Xunta non fai públicos os datos poida ter "surtido xa algún efecto", di Santos, que a unidade de hemodinámica abra ata as 10 da noite "non é o noso obxectivo". "Reclamamos e necesitamos que funcione as 24 horas dos sete días da semana, queremos ser atendidos con todas as garantías", toda vez que, evidencia, a hora do día na que "poidamos sufrir un infarto" é "un feito incontrolable".
Nun sentido semellante, a deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil, considerou un "insulto á intelixencia" o "novo capítulo da serie que relata o maltrato do PP ás persoas que viven en Lugo", no que "non lles importa subministrar a atención sanitaria a contagotas". A poboación lucense, subliña Rodil, "seguirán tendo un servizo deficiente e dependendo da hora na que sufran un ataque cardíaco" para ter máis ou menos "posibilidades de supervivencia". A apertura total, resalta a nacionalista, é "unha decisión política" para que estas instalacións deixen de "estar paradas", agora durante as noites.