O 18 de marzo de 2016 era Venres de Dores, pórtico dos días en que a Igrexa católica conmemora a paixón, morte e resurrección de Xesucristo. "Xa non son secretario xeral do PSdeG", dixo aquel día José Ramón Gómez Besteiro aos medios de comunicación nunha ateigada sala de prensa do partido. Facíao unha semana despois de ser citado como investigado -imputado- na Operación Pulpo pola xuíza Pilar de Lara, a mesma que meses antes o imputara no caso Garañón, xusto cando estivera a piques de ser designado senador.
Marchar era "o mellor para o meu partido e para o meu país", declarara Besteiro. Abríase así un período de interinidade e, sobre todo, de incerteza no PSdeG apenas dous anos despois de que, con case o 80% de apoio en eleccións primarias, o político lucense chegase á secretaría xeral como o dirixente no que a formación tivo postas máis esperanzas por retornar á Xunta dende o ex-presidente Touriño.
O que no partido foi interinidade e incerteza en Besteiro foi silencio, cando menos cara á opinión pública. Con Xoaquín Fernández Leiceaga como candidato á Xunta, primeiro, e con Gonzalo Caballero como secretario xeral e cartel electoral, despois, o que fora presidente da Deputación de Lugo evitou calquera declaración pública aínda que internamente poucos dubidaban do seu peso. O mesmo cando o seu amigo Valentín González Formoso, con quen mantivo estreita relación nestes anos, gañou a secretaría xeral en 2021 .
Besteiro optou polo silencio ante a opinión pública dende aquel Venres de Dores de 2016. Racharao de vez para tomar posesión como delegado do Goberno de España nun acto que está a xerar inusitada expectación
Así, en silencio e con escasas e medidas aparicións públicas, continuou cando a pesada carga da decena de delitos que lle imputaban comezou a alixeirar ata desaparecer. De Lara foi sancionada en 2020 por atrasar e acumular macrocausas. En febreiro de 2021, a Audiencia de Lugo arquivaba as acusacións do caso Garañón por consideralas baseadas en "meras sospeitas". E en decembro de 2022, outro xulgado lucense facía o mesmo coas da operación Pulpo ao non velas "minimamente xustificadas".
Besteiro quedaba sen freos xudiciais para o retorno á política, pero seguía en silencio. Tamén cando o propio Formoso evidenciaba que ía "estar onde queira estar" e que se ese posto era a candidatura á Xunta, el só se limitaría a facilitalo. O "que" semellaba claro: Besteiro ía volver agás no caso de que non quixese. Faltaba o "como" e o "cando" e esas incógnitas despexáronse esta semana. Ás portas doutra Semana Santa, sete anos despois.
Na liña dos ruxerruxes que rodeaban o PSdeG dende comezos de ano, o retorno é vía Goberno de España, cuxa delegación asume en substitución de José Miñones, novo ministro de Sanidade, posto para o que tamén soara Adriana Lastra, ex-vicesecretaria xeral do PSOE. O nomeamento quedou plasmado no BOE e Besteiro comezou a exercer, pero aínda cun silencio público que rachará este vindeiro luns, co acto de toma de posesión no Palexco da Coruña. O escenario fai prever unha maior dimensión que se fose celebrado na sede da Delegación un evento para o que non falta expectación.
Ninguén afirma, pero ninguén nega xa que Besteiro vaia ser candidato á Xunta mentres agroman as cábalas sobre as primarias que o terían que ratificar: a máis tardar, xusto á volta do verán. Mentres, da contorna da dirección do PSdeG choven os eloxios: dende o seu perfil electoral ao seu bo entendemento co BNG
Besteiro aínda non dixo nada, pero a súa volta xa logrou electrizar boa parte do partido e da súa contorna. Tamén á actual Executiva nacional que encabeza Formoso. Lonxe de considerárense cuestionados, no equipo do tamén alcalde das Pontes -e aspirante á reelección- ven o partido "reforzado", de volta no centro do escenario político e sumando referentes públicos. Gañan poder no Goberno de España e... Tamén un candidato á presidencia da Xunta?
Ninguén o afirma, pero xa ninguén o nega e pola compostelá rúa do Pino mesmo agroman as cábalas: Formoso xa avanzou que as primarias á presidencia da Xunta serían despois das eleccións municipais e todo apunta a que as xerais se celebrarán na primeira metade de decembro. Daquela, o PSdeG ten que ter candidato xusto antes ou xusto despois do período vacacional do verán. Algunhas fontes mesmo afinan máis o tiro: Besteiro xa podería ir como candidato á Xunta ás vindeiras festas do San Froilán de Lugo, que se celebran nos primeiros días de outubro. E todo, dende un cargo, a delegación gobernamental, que de seu leva aparellado estar pegado ao territorio.
"Branco e en botella", ilustra un alto dirixente socialista para referirse ás posibilidades de que Besteiro acabe sendo candidato. Na dirección ven claro que é o seu mellor perfil electoral tanto no eido urbano como na Galicia vilega e rural e e engaden outro elemento: a súa experiencia de entendemento e de goberno co BNG, co que compartiu dous mandatos consecutivos de boa sintonía na Deputación de Lugo, cuxo actual presidente, José Tomé, tampouco ocultaba a súa satisfacción tras a confirmación do nomeamento que supón o retorno de Besteiro: "É un gran día para Galicia, un gran día para o PSOE e un moi mal día para o PP".