Arquivada a última causa contra Besteiro, que queda sen freos xudiciais para a política

José Ramón Gómez Besteiro, nunha rolda de prensa en 2014 como secretario xeral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

José Ramón Gómez Besteiro queda limpo de causas xudiciais. Máis de seis anos despois de dimitir como secretario xeral do PSdeG por mor das imputacións que a agora sancionada xuíza Pilar de Lara ditara contra el por diversos asuntos abordados nas súas etapas de concelleiro de Urbanismo e de presidente da Deputación de Lugo, o xulgado de instrución número dous da cidade da Muralla vén de arquivar a que lle quedaba, a Operación Pulpo, que precipitara definitivamente a súa dimisión en marzo de 2016. Besteiro queda deste xeito sen freo xudicial ningún para a actividade política.

O xulgado arquiva o caso Pulpo, lanzado pola xuíza De Lara e que precipitou a dimisión de Besteiro como secretario xeral do PSdeG en 2016

Nun auto ditado o pasado 19 de decembro, a xuíza que tivo que asumila tras o reparto dos macrosumarios de De Lara entre diversos xulgados, Sandra Piñeiro, conclúe que nesta causa "non aparece debidamente xustificada" a "perpetración de delito ningún" a respecto do investigado. Isto é as "presuntas adxudicacións ilícitas" da Deputación de Lugo con Besteiro á fronte na contratación e desenvolvemento do programa turístico Lugo KM0, que incluía contratos con empresas de transporte do grupo Monbús.

José Ramón Gómez Besteiro, anunciando a súa dimisión como secretario xeral do PSdeG en 2016 CC-BY-SA Praza Pública

O amplo material do sumario, sinala a maxistrada, "non permite constatar indicio algún racional de criminalidade". Así, por exemplo, "acollendo o criterio policial" a xuíza De Lara "reiterou en diversas resolucións xudiciais" que na xestión dese programa se produciran múltiples irregularidades, dende un sistema de contratación dos servizos de buses que non fora "correcto" ata que foran "adxudicados ilicitamente" a empresas participadas polo dono de Monbús, Raúl López.

"Afírmanse irregularidades e ilicitudes, puntos escuros e/ou sospeitosos, pero os mesmos non son dabondo para configurar un xuízo indiciario de responsabilidade criminal (...) para reputar minimamente xustificada a perpetración de delito", afirma a xuíza

"Afírmanse irregularidades e ilicitudes, puntos escuros e/ou sospeitosos, pero os mesmos non son dabondo para configurar un xuízo indiciario de responsabilidade criminal fronte aos investigados nin para reputar minimamente xustificada a perpetración de delito", resume o auto. Deste xeito, desbota o tráfico de influencias por non haber "ningún indicio obxectivo" de que a Deputación pretendese "beneficiar" a López, descarta a prevaricación porque "non toda omisión dun trámite legalmente esixido pode ser cualificado" e tamén deixa claro que "non se advirten indicios de malversación de caudais públicos".

Nun contexto no que, ademais, as "análises patrimoniais" aos acusados "non permiten inferir indicio ningún"  de que se enriquecesen ilegalmente, "non nos situarían as dilixencias practicadas ante ningún dos delitos analizados nin ante delitos de suborno nin doutros delitos contra a Administración pública". Por todo isto, a xuíza arquiva o caso tanto para Besteiro como e as restantes persoas investigadas, entre as que se atopan o propietario de Monbús e persoal da Deputación lucense.

Besteiro (á dereita da imaxe), con Formoso e outros cargos e ex-cargos socialistas na festa do PSdeG celebrada en outubro de 2022 en Oroso CC-BY-NC-SA PSdeG

O recurso pendente ante a Audiencia xa foi resolto

O propio auto advirte de que trata dun arquivo provisional -como é habitual- e de que o caso estaba pendente, na Audiencia Provincial de Lugo, dun recurso de apelación interposto contra algunhas das decisións do xuíz instrutor na causa matriz. Pero a a imputación de Besteiro no caso Pulpo fica anulada. Fontes consultadas por Praza.gal confirman que ese recuso xa foi resolto polo que,  a falta das comunicacións que correspondan, a súa liberación das causas pendentes é xa un feito.

Nos últimos meses, Besteiro participou en varios actos encabezados polo actual secretario xeral do PSdeG, Formoso, con quen mantén estreita relación, igual que con Pedro Sánchez

Neste escenario, Gómez Besteiro non ten xa impedimento xudicial ningún para a actividade política. Nos últimos meses, o ex-secretario xeral participou en diversos actos do PSdeG encabezados polo actual secretario xeral, Valentín González Formoso, con quen mantén unha fluída relación persoal e política. Así, por exemplo, foi destacada a súa presenza na XI Festa Socialista celebrada pola dirección galega do partido o pasado setembro, así como no último Congreso Nacional e tamén noutros eventos a nivel local. 

En todos estes anos, Besteiro -cuxos vencellos co actual presidente do Goberno de España e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, son tamén estreitos- optou por un baixo perfil público, sen intervencións mediáticas ou de partido. A súa contorna veu sinalando que calquera posibilidade de participación política no PSdeG estaría condicionada ao arquivo das causas xudiciais que o atinxían, o que vén de suceder, toda vez que a outra causa que o afectaba, o caso Garañón, foi arquivada en 2021.

O propio Formoso foi, precisamente, un dos primeiros dirixentes en transmitir este mércores os seus parabéns a Besteiro. "Logo de tanto tempo de espera e de escarnio, hoxe non podo máis que expresar a miña alegría, e diría tamén que a de todo socialismo galego, de que finalmente se faga xustiza co compañeiro e amigo José Ramón", sinalou o secretario xeral do PSdeG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.