Foi a xuíza máis mediática da última década en Galicia. A instrutora de casos de tanto impacto como a operación Carioca, que destapou unha sórdida trama de explotación e maltrato de mulleres en locais de prostitución. Tamén de sumarios que espallaron as sospeitas sobre a actuación de numerosos cargos públicos, como a a operación Pokémon ou os casos Pulpo, Garañón e Cóndor. E disponse a abandonar o xulgado de instrución número 1 de Lugo por orde do Consello Xeral do Poder Xudicial agás que o Tribunal Supremo o evite in extremis.
O pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial rexeita por unanimidade o recurso da maxistrada contra a sanción por "desatención no exercicio das competencias xudiciais", que implica a perda do seu destino no xulgado dende o que instruíu operacións como Carioca ou Pokémon
O pleno do Consello Xeral de Poder Xudicial vén de rexeitar por unanimidade o recurso da maxistrada contra a sanción pola que o pasado marzo lle impuxera unha suspensión de sete meses "por unha falta moi grave de desatención no exercicio das competencias xudiciais", segundo confirman fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ao superar o medio ano, a consecuencia máis relevante é que De Lara perde o seu destino en Lugo. Xa non seguirá sendo a titular do xulgado dende o que instruíu todos estes casos, algúns deles afectados por relevantes demoras que, segundo o Consello, son atribuíbles á propia maxistrada.
A xuíza, cuxo avogado veu mantendo nos últimos meses que as desatencións e dilacións indebidas que lle atribúe o Consello do Poder Xudicial ou non se produciron ou non son atribuíbles ao seu traballo, esgota deste xeito a vía administrativa e "a sanción será executiva unha vez notificada", explican as mesmas fontes. Non obstante, agregan, De Lara aínda pode interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante a Sala Terceira do Tribunal Supremo, ante a que pode pedir, como medida cautelar, que lle suspendan a sanción ata que resolvan sobre o fondo da cuestión.
Unha inspección por xerar "incrementos ficticios de traballo"
A ratificación da sanción conclúe un proceso que comezou en marzo de 2018. Daquela o Consello do Poder Xudicial ordenou inspeccionar o xulgado dirixido por De Lara. As pescudas producíranse en maio dese ano e concluíron que a xuíza cometera "desatención ou atrasos inxustificados" das causas que instrúe. Tamén a acusaban de xerar "incrementos ficticios do volume de traballo" cun "manifesto abuso procesual".
A inspección ao xulgado de De Lara concluíu que a xuíza incorrera en "atrasos inxustificados" e nun "manifesto abuso procesual", acusacións que a maxistrada sempre negou
Estas imputacións por parte do Consello foron aplaudidas por algunhas das persoas que se viron implicadas en casos instruídos por De Lara e aínda inconclusos. Cargos políticos de diversas cores acusárana formalmente durante os procedementos de prolongar indebidamente as investigacións, algunhas das cales acabaron sendo arquivadas cando chegaron a outras instancias. Esa foi, por exemplo, a decisión que tomara a Audiencia provincial de Lugo sobre as acusacións de suborno contra o ex-alcalde de Lugo, Xosé López Orozco.
Mentres, non obstante, a xuíza continuou sendo notablemente eloxiada dende diferentes instancias por perseguir prácticas corruptas. Do mesmo xeito, tras ser imposta a sanción agora confirmada, produciuse unha concentración na súa defensa por parte de colectivos que reclaman profundar na rede de proxenetismo destapada no caso Carioca.
De Lara pechou o caso que afecta a Orozco e Besteiro no día previo á ratificación da sanción
Orozco, precisamente, foi xunto ao ex-líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, un dos atinxidos por unha das últimas decisións da xuíza De Lara. O pasado martes, apenas vinte e catro horas antes do que acabou sendo a ratificación da sanción, transcendía que a xuíza viña de pechar a instrución do caso Garañón, decidindo propoñer que sexan xulgadas por varios delitos un total de once persoas, entre elas os antigos dirixentes socialistas lucenses e varios funcionarios. Tanto Besteiro como Orozco recorrerán a decisión.