Novo revés xudicial para o secretario xeral do PSdeG asinado pola xuíza Pilar de Lara. Case ao mesmo tempo que José Ramón Gómez Besteiro recibía o aval do líder do PSOE, Pedro Sánchez, para concorrer ás primarias pola candidatura á presidencia da Xunta a titular do xulgado número 1 de Lugo ditaminaba o levantamento parcial do segredo de sumario da coñecida como 'Operación Pulpo', que instrúe dende 2013 á procura de presuntas irregularidades nun programa turístico da Deputación de Lugo. Noutro auto coa mesma data De Lara decidía citar como investigado -antiga imputación- a Besteiro e a seis persoas máis, entre elas o empresario Raúl López, presidente de Monbús. Ante esta decisión, o líder socialista decidiu convocar unha Executiva Nacional extraordinaria do PSdeG para este sábado ás cinco da tarde, segundo confirman fontes consultadas por Praza.gal
A orixe deste caso, que indaga na xestión de fondos dun programa Deputación denominado 'Kilómetro Cero', está na denuncia de dúas traballadoras da institución provincial, que no seu día iniciaran accións contra o xefe de protocolo da institución provincial, Juan Carlos Fernández Pulpeiro, quen xa daquela tivo que declarar como imputado. Ano e medio despois de incautar abondosa documentación do devandito plan turístico, a xuíza cita a Besteiro como investigado para responder por seis presuntos delitos de "suborno, prevaricación, tráfico de influenicas, fraude ás Administracións Públicas, fraude de subvencións e delito continuado de malversación de caudais públicos".
A maxistrada cita o socialista como investigado por seis presuntos delitos para o vindeiro 11 de maio
A xuíza impútalle estas presuntas condutas delitivas ao socialista mentres mantén sobre el as imputacións do caso Garañón. Nesa investigación, que xa fora arquivada e cuxa instrución retomou tras unha denuncia dun construtor, De Lara indaga na legalidade dunha operación urbanística da etapa de Besteiro como edil de Urbanismo en Lugo.
Segundo transcendeu do contido do sumario, que se estende por máis de 8.000 folios, a maxistrada dubida da legalidade das adxudicacións á empresa Monbús e do uso de parte das subvencións do Kilómetro Cero, sufragado con fondos europeos. Parte dos receos iniciais sobre a xestión deste plan ligáronse aos pagamentos en metálico realizados por Fernández Pulpeiro, que o funcionario admitiu, se ben argumentando que foran realizados porque así o esixían algunhas das empresas que colaboraban no proxecto. Agora a xuíza mantén que parte dos fondos foron dedicados a sufragar "gastos sociais" de persoal da Deputación que considera "de dubidosa legalidade", ademais de recear das propias adxudicacións.
De Lara imputa o empresario Raúl López e cinco cargos e excargos da Deputación lucense
De Lara cita a Besteiro para o 11 de maio, un día despois da declaración de Pulpeiro, responsable de Protocolo dende a etapa de Cacharro Pardo e a quen agora lle imputa cinco delitos: prevaricación, tráfico de influencias, fraude ás Administracións Públicas, malversación e facilitación d einformación privilexiada. Neses días e nos seguintes a xuíza cita, igualmente como investigados, ao exsecretario da Deputación -actual secretario do Concello de Lugo, a interventora do ente provincial, a exdirectora de comunicación, un asesor en materia de fondos europeos e mais ao empresario Raúl López, a quen investiga por suborno, tráfico de influencias, fraude ás Administracións Públicas, fraude de subvencións e uso de información privilexiada.
"Inadmisible indefensión"
Besteiro subliña que as dilixencias comezaron "por causas alleas á miña persoa" e lamenta descoñecer "os motivos polos que a mesma xuíza me volve chamar como investigado"
Apenas dúas horas despois de transcender o auto chegou a reacción do secretario xeral do PSdeG. "Lamento unha vez máis a inadmisible indefensión á que estou exposto", di Besteiro, quen indica a través dun comunicado que se "vén de enterar" desta "nova citación por parte da xuíza Pilar de Lara" que, destaca, "foi emitida con data de hoxe, 11 de marzo de 2016", a respecto "dunhas dilixencias iniciadas hai tres anos por causas alleas á miña persoa".
"Lamentablemente -di o socialista- polo de agora non podo dar ningún tipo de explicación nin achegar información sobre este tema", toda vez que "está baixo segredo de sumario" e "non teño acceso aos motivos polos que a mesma xuíza me volve chamar como investigado". "Cando dispoña dalgún dato máis -agrega- estarei, coma sempre, á disposición da cidadanía e dos medios para aclarar todo o que sexa oportuno". Isto, recalca, é "o que xa fixen no seu día nunha rolda de prensa sen precedentes no noso país".
Reacción da Deputación
Este movemento por parte de De Lara tivo tamén reacción dende a Deputación de Lugo, que nun comunicado defende que a institución "actuou sempre conforme á legalidade, axustándose aos procedementos e expedientes e superando todas as auditorías externas, así como controis do Tribunal de Contas, do Ministerio de Administracións Públicas e do Poder Xudicial", di. Estes autos, subliña, "correspóndense, exactamente, coas dilixencias" iniciadas en 2013 "por un presunto caso de acoso laboral entre dous traballadores desta Administración.
A Deputación subliña que se lle están a atribuír a Besteiro viaxes pagadas durante o mandato de Cacharro
Nesta liña, o goberno da institución subliña a súa "plena confianza no labor e traballo levado a cabo polo anterior Goberno provincial". Nun segundo comunicado o goberno provincial advertiu, asemade, que "se lle están a atribuír accións do goberno provincial de Francisco Cacharro (1983-2007)" ao equipo de Besteiro, toda vez que as viaxes supostamente financiadas a destinos como Eurodisney ou a India "son anteriores a 2006). "É máis, baixo a presidencia de Gómez Besteiro o goberno provincial anulou a partida de viaxes para funcionarios e fillos de funcionarios que ata entón, co PP, había na institución", subliña.