José Ramón Gómez Besteiro aproxímase a unha encrucillada política. Case dous anos e medio despois de chegar á secretaría xeral do PSdeG está a piques de convocar as primarias para decidir a candidatura á Presidencia da Xunta e faino ollando a varias frontes: a estatal, co posible intento de Pedro Sánchez para formar goberno; a interna, tras a frustrada operación de exdirixentes que procuraron propiciar a súa remuda; e a xudicial, na que di agardar que a imputación no caso das torres do Garañón decidida pola xuíza Pilar de Lara o pasado verán deixe de "xogar" no panorama político. El, subliña, xa realizou todo "un striptease económico e patrimonial" ante un caso que vincula cun PP "que sabe que o seu ciclo se acaba".
O 2016 é un ano marcado en vermello no calendario político galego que chega, ademais, despois dun longo ciclo electoral. Como o afronta?
Van ser uns meses moi longos que se abriron despois do 20 de decembro, cun escenario para o que disque todos estabamos preparados, pero semella que uns máis preparados ca outros. A min isto lémbrame a aquilo que lle preguntaban a un senador republicano sobre a razón pola que volvera gañar Obama; el dicía: “Nós pensamos que a sociedade era como O show de Bill Cosby, pero en realidade era como Modern Family”. Agora está pasando algo similar; supostamente todo o mundo estaba preparado para o pluralismo político pero agora algúns piden volver votar porque non lles gustou o resultado. Pero os cidadáns diréxonnos que nos poñamos de acordo, non que lles pidamos unha segunda opinión. E por iso se debe traballar na construción dun goberno alternativo a partir dun resultado que é un “non” rotundo ao PP, ao que, tamén aquí en Galicia, se lle perdeu o respecto. E por iso se abre a posibilidade irreversible dun cambio en Galicia que vai marcar a axenda política dos vindeiros dez meses.
Como abordaría o PSdeG unha eventual repetición das xerais?
Eu no último Comité Nacional reflexionei sobre a palabra coherencia e falei do que supuxo a perda da coherencia para nós, facendo un cambio constitucional que levou os votantes a pensar que PP e PSOE eramos o mesmo. E esa incoherencia arrastrámola cinco anos. Pedro Sánchez sitúa tres puntos: a reforma constitucional, posición contra o terrorismo internacional e firmeza ante a declaración secesionista de Catalunya. Así nos presentamos a unha campaña electoral na que nos posicionamos fronte ao PP e tamén fronte a Ciudadanos nun contexto moi complexo para o Partido Socialista. Que fixemos despois do 20-D? Seguimos no marco da coherencia, priorizando a axenda social. Como afrontaríamos unhas posibles segundas eleccións? Mantendo a coherencia, mentres todo o mundo sabe que do PP non pode esperar nada, mentres Ciudadanos terá que dicir se a súa axenda de reformas pesa máis que ser unha muleta do PP e Podemos, se a súa axenda social está por riba da territorial.
Nese Comité Nacional houbo críticas á dirección do PSdeG centradas na súa persoa. Como as interpreta?
Eu distinguiría a cantidade da calidade nas intervencións nese Comité Nacional. Algúns crían que o Partido Socialista ía ter peores resultados, que ía ter menos deputados. Por iso non é extraño que fracasasen algúns dos movementos que houbo despois do 20-D, porque lles faltaba sentido común.
"No Comité Nacional cada un represéntase a si mesmo e, sen negar o dereito á discrepancia, deben ter en conta que, para ter peso, hai que ter autoridade para falar"
Algúns deses movementos aos que se refire partiron de antigos dirixentes da primeira liña do partido...
Cando un está no Comité Nacional represéntase a si mesmo. Aí non hai categorías. E, como sempre en política, hai que ter autoridade e tamén potestade. Por exemplo, co nomeamento de Patxi López no Congreso dos Deputados, ninguén lle nega a autoridade, que é o que hai que perseguir ter. E algúns, dende o meu punto de vista e sen negar o dereito á discrepancia, deben ter en conta que, para ter peso, hai que ter autoridade para falar.
A pasada semana tivo que ir declarar aos xulgados de Lugo pola súa imputación. Agardaba chegar ao ano electoral pendente deste procedemento?
"Todo o mundo vai entendendo que se fixo unha imputación 'exprés' ante a posible votación sobre o Senado, da cal o PP tamén foi cómplice"
Era previsible que puidese ser así polos antecedentes dese xulgado. Eu acudín fiel á cita, como debía, e quedou claro que non é que non quixese declarar, senón que non me deixaron máis remedio que non facelo, porque nunha declaración un debe estar asistido polos seus avogados, que están familiarizados cunha suposta macro causa de 18 tomos. Eu, como avogado de oficio que fun, sei que un avogado ten que ter coñecemento da causa para exercer dun xeito normal. Sentíndoo moito, expliqueille á xuíza que me parecía absurdo que, levando 180 días agardando para declarar, xustamente o 12 de xaneiro, cando os meus avogados teñen un xuízo, semella que se acabe o mundo e non existe outro momento. Despois un pódese preguntar por que non se cambiou, o que eu deixo aberto aos lectores intelixentes, cando outros actos nestas mesmas dilixencias se cambiaron de datas. Pero eu creo que todo o mundo vai entendendo que foi o que pasou con esta imputación exprés o 3 de xullo, cando despois o 31 de xullo aínda faltaban documentos por pedir. Todos os feitos posteriores fan pensar que se fai unha imputación exprés ante a posible votación sobre o Senado, da cal o PP tamén é cómplice. Todo o mundo ten claro cal foi o xogo que se fixo. O pasado está aí para analizalo e eu non son dos que di "te lo dije" ou "díxencho".
Vostede a que atribúe esas coincidencias ás que se refire?
Dicía un veciño meu de Castroverde: “Non interesa”. Efectivamente, haberá que profundizar en por que non interesa. O PP sabe que o seu ciclo se acaba e erroneamente interpreta que a súa liña de ataque se debe centrar no Partido Socialista. Hai un Partido Popular que non entende estes tempos, cun presidente que xa non é relevante, senón titubeante, en permanente fuxida ante calquera tema comprometido.
Dáse algún prazo persoal en caso de que os prazos xudiciais sigan a alargarse?
"Se os tempos xudiciais e políticos coinciden haberá que facer unha análise social profunda"
Vai haber un horizonte de toma de decisións nas eleccións primarias. Nese momento nos poremos ante a decisión que adoptarei, baseada na profunda responsabilidade. Non vou abandonar o camiño da responsabilidade. Eu agardo que os temas xudiciais non xoguen nisto porque senón a análise social sería máis profunda. Sería unha desas cousas que se analizan dentro de varios anos, sobre se os tempos xudiciais e políticos coinciden ou se é conveniente facelos coincidir. Cando chegue o momento serei unha persoa absolutamente responsable.
Agora mesmo, en xaneiro de 2016, séntese con forza para ser candidato?
Totalmente. Agora mesmo, en xaneiro de 2016, afírmoo de forma contundente. En febreiro haberá un Comité Nacional extraordinario no que falaremos de cousas moi importantes, como unha plataforma programática que poremos ao servizo de toda a sociedade. Trátase de como imos chegar a unhas eleccións nas que quero que haxa primarias, non como aconteceu hai catro anos, cando situacións internas non se axeitaron para que houbese primarias. Todos o lembramos e todos os militantes de ben saben que non se debe producir esa situación.
Nos últimos meses aludiu á necesidade de reconectar coa xente moza que, se quere votar en clave de esquerda, olla cara ás mareas en Galicia ou cara a Podemos no ámbito do Estado. Como pensa facelo?
"A sesión de entretemento debe rematar: hai que lle dicir á xente como imos solucionar os seus problemas"
Primeiro, co camiño da coherencia, que o Partido Socialista volva facer o que se espera del. Iso ten que reforzarse con posicións claras sobre o que se quere facer en España e en Galicia. Para nós o criterio é a reconstrución social, porque o efecto da crise é moi forte e porque nesta discusión sobre bipartidismo ou máis forzas políticas late o fracaso dunha xeración, na que os pais non son quen de explicarlles aos seus fillos que foi o que aconteceu para ter unha carreira, dous másters, tres idiomas... E estar traballando de recepcionista nun hotel. Temos que competir en facer mellor as cousas tendo claro o que queremos facer; o proxecto socialista só pode triunfar con esa bandeira social tamén ante esa xente que non lembra quen foi Felipe González, á que lles estoupou diante esta crise e que ve só aos socialistas como xente moi maja que fixo grandes cousas no século XX. E trasladando a mensaxe de que non hai que ter só referentes orgánicos, tamén referentes sociais. A sesión de entretemento debe rematar e hai que lle dicir á xente como imos solucionar os seus problemas.
Entretívose demasiado o PSdeG dende 2009, cando Feijóo chega ao goberno, mentres se configuraba un amplo espazo político á súa esquerda, primeiro no Parlamento e despois nos concellos?
Iso responde á realidade social na que se producen fenómenos como o 15-M e nunha longuísima crise ante a que non hai case resposta por parte do Estado. Non é unha crise dos partidos, é unha sociedade máis madura como foi antes noutros países. E, sobre todo, a crise económica fixo cidadáns primeiro máis egoístas e despois, máis solidarios. É o que nos toca vivir e, dentro disto, o Partido Socialista ten que aparecer como un vehículo de responsabilidade e de solucións ás grandes preguntas. Ábrese un espazo no que temos que ser moito máis claros sobre o que queremos e podemos facer.