Como fixa o artigo 10 do Estatuto de Autonomía, co inicio da nova lexislatura estatal ao Parlamento galego correspóndelle designar "os senadores representantes da comunidade autónoma galega" segundo as regras do artigo 69 da Constitución, isto é, un mínimo dun senador e outro máis por cara millón de habitantes -ou fracción-. No caso galego, tres.
O Parlamento galego debera elixir xa tres postos no novo Senado, o PP afirma que o adía porque non chegou a petición formal e a oposición cre que os populares agardan polo resultado das municipais
O asunto pairou sobre a reunión que a Xunta de Portavoces da Cámara galega mantivo este pasado martes para ordenar o pleno da próxima semana. Pero a elección dos senadores non se incluíu na orde do día. Segundo o PP, porque o Senado constituído este 21 de maio aínda non remitiu ao Pazo do Hórreo a petición formal da designación. Segundo a oposición, porque o PP prefire agardar a que pasen as municipais para recolocar na Cámara Alta a algún cargo que poida quedar sen posto; non en van, un dos senadores de designación autonómica galega da pasada lexislatura foi Juan Manuel Jiménez Morán, ex-alcalde popular de Verín que o domingo tenta regresar ao poder. O PP négao e atribúe a controversia á oposición, toda vez que coa actual composición o terceiro senador correspondería ao grupo de En Marea -Luís Villares avanza que a previsión é elixir un nome a través de primarias-.
O acontecido con Iceta foi presentado como un veto sen precedentes, pero o certo é que existe un episodio con certas semellanzas en Galicia
Pero, tamén en Galicia, a discusión pública non estivo marcada nas últimas semanas pola designación da representación galega no Senado e as súas repercusións -que as ha ter- nas forzas políticas implicadas. O tema que predominou foi, máis ben, a aposta de Pedro Sánchez por situar na presidencia desa Cámara a Miquel Iceta, líder do PSC. Para ese nomeamento Iceta precisaba ser antes designado como senador por designación do Parlament de Catalunya, pero os votos en contra das forzas soberanistas e a abstención de PP e Ciudadanos impedírono. Este episodio foi presentado en moitos foros como un feito sen precedentes no Estado, aínda que isto non é exactamente así. Existe cando menos un precedente con certas semellanzas e está en Galicia, tamén cun socialista como prexudicado.
Na primavera de 2015 o daquela secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, xa anunciara a súa intención de deixar a política local para "centrarse" na esfera galega. Dentro desa lóxica, o partido decidira situalo como senador por designación autonómica na praza que lle correspondía aos socialistas, ocupada ata ese momento por Paula Fernández, ex-alcaldesa de Silleda.
Para facer a remuda o PSdeG precisaba que o PP a facilitase, porque aínda que a lei marca que as designacións do senado deben ser proporcionais -daquela, dous postos para o PP e un para o PSdeG-, o nomeamento non sae adiante se non é cos votos do pleno. Este foi o motivo polo que ambos partidos incluíran esta substitución nun acordo máis amplo para nomeamentos pendentes no Consello de Contas, no Valedor do Pobo e no Consello da CRTVG.
A designación de Besteiro chegou a ter data, o 22 de xuño de 2015, pero o PP freouno 'in extremis' alegando que o PSdeG incumprira outros extremos do pacto no que enmarcaran o nomeamento
A votación de Besteiro chegou ter data, un pleno extraordinario o 22 de xuño de 2015. Pero o PP freouno in extremis no que o político lucense lera como un "veto caprichoso e antidemocrático". Alegou que non concordaba coa proposta socialista para o Consello de Contas, Xoaquín Fernández Leiceaga, por ser un perfil político -na altura xa fora voceiro parlamentario- e non profesional e por iso freou o conxunto do acordo. O PSdeG rexeitara esa tese sinalando que entre as candidaturas do PP ao propio Consello de Contas figuraba José Antonio Redondo, que fora alto cargo da Xunta con Fraga.
O nomeamento de Besteiro ficou en suspenso cando o guión cambiou de vez. O 24 de xuño, dous días despois do día inicialmente previsto para a súa elección, deixou de ser oficialmente presidente da Deputación de Lugo -no turbulento pleno no que o alcalde de Becerreá lle deu temporalmente a presidencia ao PP-.
Apenas unha semana despois, o 3 de xullo, transcendía que a xuíza Pilar de Lara viña de citalo como imputado por unha operación urbanística do ano 2005, cando era concelleiro de Urbanismo en Lugo. No caso de ser senador, esa investigación e a outra aberta contra Besteiro en 2016 pola mesma xuíza na chamada Operación Pulpo terían que dirimirse no Tribunal Supremo. Ambas derivaron en Besteiro renunciase de vez ao Senado e, en marzo de 2016, ao liderado do PSdeG. Máis de tres anos despois seguen abertas e sen aparentes avances.