Besteiro carga contra Feijóo por vetalo para o Senado: "é caprichoso e antidemocrático"

Un intre da xuntanza de Besteiro e Feijóo, en San Caetano © Xoán Crespo

O enfrontamento entre o PPdeG e o PSdeG é cada vez máis claro. A decisión dos populares de adiar o pleno no que Gómez Besteiro ía ser nomeado senador por designación autonómica e o veto ao secretario xeral dos socialistas galegos ten amolado moito a este último, que cargou contra Feijóo. "Estame vetando de forma caprichosa e antidemocrática. É un bloqueo sen sentido, un adiamento absolutamente caprichoso que di moito de quen o fai", dixo en clara alusión ao presidente galego.

"Estame vetando de forma caprichosa e antidemocrática. É un bloqueo sen sentido", di Besteiro sobre Feijóo

Besteiro, ademais, lembrou a actitude do PSdeG cando o ex presidente da Xunta Manuel Fraga foi tamén designado senador por desginación autonómica. "Nós non discutimos daquela ese nomeamento do PP. Como tampouco agora, se houbese algunha vacante no PP para senadores por designación autonómica, non cuestionariamos as propostas porque nos parece que é o xusto e o acordado", asegurou o líder socialista, que acusa a Feijóo da situación creada. É máis, dubida mesmo dos "valores democráticos dunha persoa que se considera capaz de vetar algo que non ten precedentes na historia autonómica deste país".

"Hai unha decisión política única e exclusivamente responsabilidade do presidente da Xunta"

"Hai unha decisión política única e exclusivamente responsabilidade do presidente da Xunta que, de forma caprichosa, pretende introducir uns vetos onde non deben existir. A cidadanía saberá valorar perfectamente como se toma estas decisións e quen é o responsable", dixo durante o seu último discurso como presidente da Deputación de Lugo.

Pero o PSdeG ten outra fronte aberta, a que inclúe o BNG, que veta o alcalde de Becerreá como presidente da Deputación por estar imputado malia que esta é a elección dos socialistas. Besteiro insistiu en que Manuel Martínez é a aposta do seu partido pero tamén que a formación mantén "aberto un espazo de diálogo con outros partidos para renovar as deputacións". "Está aberto o proceso de diálogo", aclarou cando foi preguntado pola postura do Bloque. 

Besteiro insiste en que Martínez é o seu candidato a presidir a Deputación e insiste no "diálogo" co BNG

Manuel Martínez, pola súa banda, asegurou que é non é "ningún corrupto como o señor Vence quere facer ver" e di esperar que "impere o sentido común e o respecto entre os partidos". O deputado do BNG e vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, lembrou que a postura do Bloque é a de que o PSOE presente outro candidato e asegura que desde as pasadas eleccións municipais empeza "unha nova etapa", tras ser inquerido polo feito de que o alcalde de Becerreá fora imputado mentres el xa formaba parte do goberno provincial. 

Un intre da xuntanza de Besteiro e Feijóo, en San Caetano © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.