Nas eleccións nas que, hai agora 13 anos, o PP de Alberto Núñez Feijóo logrou pola mínima a maioría absoluta que lle deu o Goberno, PSdeG e BNG sumaran máis votos que os populares, 795.200 (524.488 socialistas, 270.712 nacionalistas) fronte a 789.427. Ou, o que é o mesmo, 47,03% fronte ao 46,68%. A perda dun deputado do Bloque pola provincia da Coruña supuxo a saída da Xunta do Executivo de coalición que apenas tres anos e medio antes dera desbancado a Manuel Fraga.
A derrota sumiu as dúas formacións no desconcerto. Ambas deixaron caer decontado a quen foran presidente e vicepresidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana, e ambas iniciaron duras travesías na oposición, con sucesións de liderados que deixaron pasar anos antes de reivindicaren o feito por aquel efémero Goberno.
Ao tempo e por vías diversas, vían como novas forzas políticas (Podemos, as mareas locais, En Marea) pescaban con éxito no seu espectro electoral. Estas, non obstante, tamén enfraqueceron mentres, nalgúns casos, reproducían pugnas e atrancos como os que pasaran as forzas da esquerda máis tradicional mentres o PP de Feijóo encadeaba maiorías absolutas, sen chegar a padecer nos comicios galegos as perdas de apoio e poder que experimentou, por varias veces, a nivel municipal e nas eleccións xerais.
As últimas eleccións galegas, as de 2020, deixaron tras de si unha nova reordenación do campo. O BNG triplicou amplamente a súa representación e virou en segunda forza co grupo parlamentario da esquerda máis numeroso dende o PSdeG de Touriño mentres ao PSdeG, o leve crecemento en porcentaxe de voto non lle serviu para ir alén dos 14 escanos que tiña, manténdose terceiro. Mentres, o espazo das mareas que representaba Galicia en Común ficou fóra.
Dirixentes nacionalistas e socialistas consultados por Praza.gal ven claro que non todos os votantes que elixiron a Feijóo e os seus 'Galicia primeiro'; 'Galicia, si' e 'Galicia, Galicia, Galicia' optarían mecanicamente por calquera outro candidato do PP
Con todo este pano de fondo, nas salas de máquinas de BNG e PSdeG obsérvase con detemento o novo escenario que trae consigo a confirmación de que Alberto Núñez Feijóo abandona de vez a política galega para ser o sucesor de Pablo Casado na presidencia estatal do PP. Nas contornas de Ana Pontón e Valentín González Formoso as ópticas son evidentemente dispares, pero os diagnósticos cadran en nalgúns puntos clave. A comezar porque nas dúas formacións observan o novo escenario como unha fiestra de oportunidade con vistas á Xunta.
Tanto Pontón, máis que consolidada como portavoz nacional do Bloque e indiscutible cartel electoral; como Formoso, practicamente acabado de chegar á secretaría xeral socialista e aínda iniciando o percorrido en clave galega, reiteraron en declaracións públicas a esixencia de que Feijóo opte entre Galicia e Madrid e, unha vez confirmada a opción, non se manteña indefinidamente como presidente a tempo parcial. Alén desas declaracións, os seus círculos de maior confianza, esas persoas clave nas organizacións que prefiren non figurar nos titulares, ven con esperanza un movemento que, xa só por producirse, achega "incertezas" ao PP e "oportunidades" á eventual alternativa.
Dirixentes de ambas formacións consultados por Praza.gal ven claro que non todos os votantes que optaron por dar apoio a Feijóo e os seus Galicia primeiro; Galicia, si e Galicia, Galicia, Galicia elixirían mecanicamente a calquera outro candidato do PP. Así o reflectían datos demoscópicos manexados pola formación soberanista durante a última campaña galega e así o analiza tamén a nova dirección socialista, na que existe o convencemento de que é posible ir alén dos "vasos comunicantes" entre as actuais dúas forzas da oposición. Mostra disto, esgrimen, son os resultados das anteriores convocatorias municipais e xerais, con boa parte do poder local da banda do PSdeG, en solitario ou coligado co Bloque, e mesmo unha inédita primeira posición en votos para os socialistas.
As formacións da actual oposición aspiran a ir alén dos "vasos comunicantes" entre o electorado da esquerda, ao que queren facer ver a existencia dunha alternativa de goberno e de presidencia que tamén dependerán, analizan, da capacidade do PP para construír e blindar o liderado de quen remude a Feijóo
Os ecos da fin do fraguismo tamén rexorden nestas análises. Daquela, evocan as fontes consultadas, PSdeG e BNG foran quen de facer ver que ían construír unha "alternativa de Goberno". Unha parte relevante da cidadanía comezou a ver real a posibilidade de gobernaren. Esa visión é a que procura na actualidade o equipo de Pontón; tras unha asemblea nacional na que sinalou chegar ao goberno como obxectivo estratéxico, a contorna da líder do Bloque ve na marcha de Feijóo aínda máis razóns para acentuar o perfil da portavoz nacional como posible presidenta que represente a "centralidade" do autogoberno.
Existe esperanza e a "fiestra de oportunidade" albíscase con claridade. Pero no seo do BNG e do PSdeG non dan nada por feito. Quedan, admiten dirixentes consultados por Praza.gal, moito traballo por diante na reconfiguración dun taboleiro político que estará condicionado por aspectos que van dende a construción do liderado da persoa que substitúa a Feijóo ata a exposición mediática do aínda presidente como sucesor de Casado.
O PP, advirte unha das fontes consultadas, segue tendo unha "enorme penetración" social e múltiples "poderes" pularán por que reteña a Xunta. E todo sen perder de vista unha cuestión: a lexislatura finaliza en 2024, pero non ten por que chegar a 2024.