Este martes, 1 de marzo de 2022, o PP reuniu en Madrid á súa Xunta Directiva Nacional, o máximo foro de representación da dirixencia do partido entre congresos. Formalmente aínda presidido por Pablo Casado, este órgano convocou un congreso extraordinario da formación para os vindeiros 1 e 2 de abril (inicialmente, planificárano para os días 2 e 3), no que todo apunta a que o actual presidente da Xunta e do PP en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, será aclamado como novo líder.
A convocatoria do congreso que prevé aclamar a Feijóo no PP cadra co aniversario das eleccións nas que gañou a presidencia por primeira vez
Este 1 de marzo, martes de Entroido, é tamén o décimo terceiro aniversario das eleccións nas que o PP logrou converter no seu duodécimo escano pola provincia da Coruña o que en 2005 fora o quinto deputado do BNG por esa circunscrición. E con el, provocar que os 38 escanos da maioría absoluta pasasen da suma do PSdeG co Bloque á banda dos populares, que concorrían aos comicios por primeira vez con Feijóo como candidato á presidencia.
Esa absoluta pola mínima acabaría plasmada nas haxiografías de Feijóo como vitoria esmagadora, igual que sucedera tras os comicios de 1989 nos que Fraga logrou a súa primeira maioría, tamén por un único escano de marxe -no seu caso, en Ourense e con sombras do voto exterior incluídas-. As seguintes tres vitorias (2012, 2016 e 2020) contribuirían a construír o relato dun líder da dereita vitorioso fronte a uns socialistas e nacionalistas que, tras a estupefacción pola perda do efémero Goberno, iniciaran cadansúas prolongadas crises internas.
O resultado dos comicios contribuíu a deixar en segundo plano as maneiras dos de Feijóo na campaña, na que fiaran o éxito ao descrédito de PSdeG e BNG entre acusacións de persecución do castelán ou tendencia ao luxo reforzadas por mensaxes 'extraoficiais' máis agresivas
O resultado deses comicios tamén contribuíu a deixar en segundo plano as maneiras aplicadas polos de Feijóo naquela carreira electoral, desenvolvida nos primeiros meses da crise económica internacional e na que o PP deixou en segundo plano as propostas políticas clásicas para fiar o seu éxito ao descrédito da esquerda gobernante, quer desanimando o electorado de PSdeG e BNG, quer mobilizando o propio. Unha pena mostra disto son as mensaxes que Feijóo e o PP lanzaran no martes de Entroido daquel 2009, cinco días antes da cita coas urnas.
Aquel martes de Entroido, que caera a 24 de febreiro, Feijóo tiña en axenda un mitin do PP no teatro Jofre de Ferrol. Acudira ao acto acompañado por un dirixente do partido que noutrora -como Feijóo- fora sinalado como suposto referente centrista dentro do PP, Alberto Ruiz-Gallardón, na altura alcalde de Madrid, que pedira o voto para Feijóo asegurando que a crise económica era culpa de José Luis Rodríguez Zapatero.
Como era -e seguiu sendo- habitual nos seus actos electorais ferroláns, Feijóo fixo primar no seu discurso o castelán sobre o galego e proclamou que "nadie nos puede quitar la libertad" de que o estudantado estudase en castelán, dixera a respecto dunha suposta "imposición" lingüística dun Goberno de PSdeG e BNG que, acusaba, "enganaba" e actuaba "de mala fe". O candidato tivera como presentador ao daquela líder provincial do partido na Coruña, Carlos Negreira, quen proclamara que o coche oficial de quen era presidente dos EUA, Barack Obama, "ten lanzagranadas", polo que cabía preguntarse "qué carallo tendrá el de Touriño" se, afirmaba, "costó 30 millones más".
Boicots aos carteis electorais de PSdeG e BNG ou acusacións anónimas sobre a vida persoal dos candidatos ecoan trece anos despois no que pode ser o pórtico da marcha de Feijóo da Xunta, propiciada por unha dura guerra interna no PP
Ambos asuntos, unha teórica persecución do castelán en Galicia e unha suposta tendencia ao luxo por parte do Executivo que encabezaban Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana, foran bandeiras dunha campaña do PP que, por momentos, sumira na estupefacción a PSdeG e BNG. Máis aínda porque as mensaxes oficiais ían acompañadas doutros duros ataques extraoficiais (que o PP nunca recoñecería como propios) os cales incluíran dende boicots físicos aos carteis electorais dos aspirantes da esquerda ata outros máis novidosos. Por exemplo, correos electrónicos con remitente anónimo aos medios con acusacións directas sobre a vida persoal do daquela vicepresidente e candidato do BNG, ou a falsa información da cancelación dun acto electoral do propio Quintana por mor dun accidente de tráfico que non existira.
Trece entroidos e outras tres maiorías absolutas despois, Feijóo asistiu este 1 de marzo ao que pode ser o pórtico da súa marcha da Xunta, se é que finalmente o seu previsible ascenso ao liderado do PP vai acompañado dunha dimisión no Goberno galego -legalmente, podería compatibilizar ambos cargos-. A súa contorna comeza xa a anotar este episodio na súa lista de triunfos deixando á marxe, como naqueloutro de hai trece entroidos, as pugnas, tirapuxas e guerras sucias que son parte inseparable da actual operación sucesoria.