Cando, a mediados de febreiro de 2009, en Galicia botou a andar oficialmente a campaña electoral para renovar o Parlamento, había apenas un ano que Facebook comezara a implantarse en España e calculábase que en todo o Estado esta rede social tiña uns catro millóns de perfís activos, que serían sete a finais de ano. A plataforma de Mark Zuckerberg aínda tiña que competir coa daquela preponderante Tuenti e ollaba cara á competencia con Twitter, que tiña tres anos e non chegaba aos tres millóns de persoas usuarias a nivel estatal.
Naquela carreira electoral de 2009 as forzas políticas galegas ensaiaban en internet coa propaganda electoral e tamén coa desinformación, pero a campaña sucia tamén era física
Naquela carreira cara aos comicios do 1 de marzo de 2009 as que na altura eran únicas tres forzas políticas con posibilidades reais de obteren representación parlamentaria -PP, PSdeG e BNG- ensaiaban diversas experiencias en internet. Tiñan webs electorais de seu e os partidos experimentaban con formatos como os videoblogs -de Feijóo e o seu zume para almorzar aos 'diarios de campaña' de Touriño, pasando por Quin.tv e o reaggeton de Anxo Quintana, a aposta do BNG polo que despois coñeceriamos como vídeos virais-.
As redes non eran, ao cabo, campo de batalla primordial para as forzas políticas na carreira electoral. Pero moitos anos antes de que ninguén en Galicia oíse falar de escándalos como o de Cambridge Analytica, si pairou unha acusación: a da "campaña sucia". A mesma que volve agora, na carreira electoral do 10N.
No comezo da campaña as bandeirolas do PSdeG apareceran tapadas por outras de cores semellantes con críticas a Touriño
Na mañá do 13 de febreiro de 2009, primeiro día oficial da campaña, os farois asignados ao PSdeG locían as imaxes do presidente e candidato, Emilio Pérez Touriño. Pero moitas delas estaban tapadas por outras bandeirolas de dimensións practicamente idénticas ás dos socialistas e coa mesma cor vermella que identifica o partido. Sobre elas líanse, en letras brancas, frases como Reformarías un despacho por dous millóns de euros? Touriño si. Non premies a crise. Reacciona ou reproducían -con máis ou menos fidelidade a respecto da realidade- o custo de coches oficiais da Xunta. Os argumentos cadraban á perfección coas ideas forza do PP de Alberto Núñez Feijóo, que se desligou abertamente daquelas accións, e procuraban desmobilizar o electorado da esquerda.
Nos días previos ás eleccións de 2009 os medios recibiran correos electrónicos con insinuacións sobre a vida persoal de Quintana e espallárase a falsa nova dun accidente de tráfico do daquela líder do Bloque, que nunca sucedera
As semanas seguintes seguiron sucedendo cousas estrañas. Fundamentalmente analóxicas, pero tamén dixitais. Diversos medios de comunicación recibiron correos electrónicos de remitente descoñecido con insinuacións, pero tamén duras acusacións directas sobre a vida persoal do daquela vicepresidente e candidato do BNG, Anxo Quintana. A través de internet alguén fixera circular e tamén remitira aos medios a falsa información da cancelación dun acto electoral de Quintana en Santiago por mor dun accidente de tráfico do daquela líder do Bloque que en realidade nunca sucedera.
Algo parecido sucedeu no treito final da carreira, cando os ata ese momento socios do Goberno de coalición semellaban chegar á meta arrastrando os pés con lastres que foran aumentando de peso dende bastante antes da campaña. O retorno do PP á Xunta era xa máis ca unha hipótese. Mentres, en puntos da provincia de Ourense distribuíronse panfletos con advertencias como que, se volvían gobernar, PSdeG e BNG "pódenche quitar as terras e darllas a outros coa excusa de que non as traballas" ou "o goberno do BNG e o PSOE pódenche expropiar a túa casa para darlla a outra persoa, se te ausentas un tempo". Os populares tamén negaran ser autores desta propaganda, deseñada en cores laranxas e sen logotipo ningún.
Das granxas de bots á desmobilización da esquerda
Aquelas malas artes electorais a medio camiño entre o analóxico e o dixital nunca tiveron maternidade nin paternidade recoñecida. Entre socialistas e nacionalistas quedou a convicción de que, alén dos seus propios erros, Galicia fora campo de probas de técnicas de campaña negativa importadas de latitudes como os Estados Unidos vía Madrid e que cadansúas formacións políticas non foran quen de prever nin de contrarrestar. Non só iso, infravaloráranas case todos eles. E no aire quedara unha pregunta lanzada nun mitin do PSdeG no tempo de desconto cara a aquel 1M: "Quen paga a campaña sucia do PP en Galicia?".
Co pano de fondo de escándalos como o de Cambridge Analytica, nos últimos anos proliferaron as malas prácticas electorais nas redes
Unha década despois os panfletos anónimos seguen existindo e as acusacións máis ou menos veladas sobre supostos feitos que nunca aconteceron continúan a empregarse. No mundo físico, pero tamén -e, se cadra, sobre todo- no dixital. Con episodios illados, como a creación dunha web imitando as cores e as tipografías de En Marea para, mediante contas enganosas nas redes sociais, espallar mensaxes do PP nas eleccións galegas de 2016. Pero tamén con accións de maior alcance como a rede de contas falsas que, segundo confirmou Twitter o pasado setembro, "operou" o PP e que unha investigación independente vinculara a un membro dos populares na Coruña.
Casado nega que o PP teña relación coa campaña de desmobilización da esquerda mediante anuncios en Facebook pagados por persoas con vínculos co partido
Co pano de fondo de escándalos como o uso irregular de datos do electorado en Facebook por parte da empresa Cambridge Analytica para beneficiar a Donald Trump nos Estados Unidos ou a campaña do Brexit no Reino Unido, así como da determinante influencia de WhatsApp -propiedade de Facebook- nos éxitos de Bolsonaro no Brasil, en vésperas da actual campaña do 10N a sombra da dúbida volveu arrodear o PP. Neste caso, por mor dos perfís de Facebook -e cartelaría física en diversas cidades- que, como desvelaron eldiario.es e El País, gastaron elevadas sumas de cartos en campañas nesta rede social nunha campaña para animar o electorado partidario do PSOE ou de Unidas Podemos a non votar o 10 de novembro.
Segundo as informacións desveladas, os vínculos do PP con estas campañas son múltiples. Entre outros, que por tras dos pagamentos a Facebook está un empregado dun consultor do partido que alardeou de poñer en práctica este tipo de prácticas, inspiradas en Trump ou Bolsonaro, para dirixentes da formación como o andaluz Juan Manuel Moreno. Cando estas novas saíron á luz pública Pablo Casado negou calquera relación con elas e o consultor esforzouse en borrar dos seus sitios web os vínculos co PP.