Bolsonaro varre nas enquisas nunhas eleccións brasileiras de violencia e posverdade

Bolsonaro e Haddad, en actos de campaña Dominio Público PSL / PT

CRÓNICA DENDE O BRASIL

A posverdade foi elixida palabra do ano en 2016 polo dicionario Oxford, á par que se comezaban a sentir os seus efectos na campaña electoral estadounidense. Segundo a definición do mesmo repertorio, o concepto refírese a circunstancias nas que os feitos obxectivos son menos influíntes na opinión pública que as emocións e as crenzas persoais. Configúrase daquela un muro difícil de quebrar entre a verdade revelada e a verdade sentida que nutre, entre outras cuestións, ás fake news, e despreza a verificación e o contraste informativo.

A campaña electoral que está vivindo o Brasil é isto. Cantidades inxentes de información falseada xerada e compartida a través das redes sociais, -fundamentalmente grupos de Whatsapp-, onde a veracidade do contido queda nun segundo plano a favor de deslexitimar -con violencia en moitos casos- o adversario. Os medios tradicionais non teñen peso ningún máis que para informar sobre actos rutineiros de campaña e tamén son vítimas de ataques. A técnica é empregada de maneira maxistral polos seguidores do ultradereitista Jair Bolsonaro, tamén coñecidos como Bolsominions, creando fortes narrativas sobre a venezuelización do Brasil ou o adoutrinamento de crianzas nas escolas para se converteren á homosexualidade -caso do falso Kit Gay- no suposto caso de que gañe o candidato do PT, Fernando Haddad. Por tras do éxito da estratexia está a man de Steve Bannon, ultraconservador norteamericano que contratou a Cambridge Analytica para manipular a través do uso de big data ao electorado estadounidense nas últimas presidenciais e que aceptou dar apoio ao fillo do candidato brasileiro, Eduardo Bolsonaro, na campaña do seu pai. 

Cantidades inxentes de información falseada xerada son compartidas a través das redes sociais, onde a veracidade do contido queda nun segundo plano a favor de deslexitimar -con violencia en moitos casos- o adversario de Bolsonaro

Nesta segunda volta a táctica da terra queimada, que xa se viña practicando dende hai meses por parte dos seguidores do Capitão reformado, non está deixando a ninguén indiferente. Bolsonaro, que desbotou participar en debates electorais esgrimindo razóns médicas, emprega o Facebook Live para se comunicar co electorado e dende aí, acusa a Haddad de ser un terrorista debido aos casos de corrupción que se asocian ao PT tras a operación Lava Jato ou afirma que a esquerda brasileira financiou ditaduras. Nun intento por moderar o seu discurso, o pasado domingo apareceu nun vídeo co maquillador homosexual Lili Ferraz, quen apoia a súa candidatura, asegurando que “todos nós do Brasil, somos seres humanos, brasileiros, patriotas, cumpridores dos nossos deveres e a opção de cada um interessa apenas pra ela. O Estado não tem que interferir nessa área”, en contraste coas numerosas declaracións homofóbicas que realizou ao longo da súa carreira política. Tamén colocou o chapéu de cangaceiro, típico do Nordeste do país, para tentar buscar algunha simpatía nunha rexión que vota maioritariamente á esquerda. 

Bolsonaro, nunha imaxe divulgada pola súa candidatura / PSL

Pola súa parte, o equipo de Fernando Haddad tamén realizou cambios na estratexia de campaña despois da primeira volta para captar ao electorado de centro. Unha das medidas máis evidentes foi a tentativa de desvincular na cartelaría a súa imaxe da do expresidente Luiz Inácio Lula da Silva, asociado á corrupción política. Se na primeira quenda Lula aparecía con Fernando Haddad e Manuela D'Ávila sobre un fondo vermello e o eslogan era “Haddad é Lula”, agora so aparecen o candidato e a vicecandidata sobre un fondo azul no que se presenta a bandeira do país e as súas cores, baixo o lema “Todos pelo Brasil”. Esta estratexia representa unha reapropiación dos símbolos nacionais que tras o Impeachment a Dilma Rousseff foran tomados pola dereita e nesta contenda electoral identificaban á candidatura de Bolsonaro.

A estratexia de Haddad está centrada na defensa da democracia baixo o lema Todos pelo Brasil

A nivel discursivo, a estratexia de Haddad está centrada na defensa da democracia, nunha clara mensaxe contra o seu opoñente caracterizado por deixes autoritarios e anhelos da ditadura militar, e contra as fake news. O candidato presentou a pasada semana a iniciativa Frente Ampla em Defesa da Democracia, que aspira a reunir a diferentes partidos políticos, movementos sociais e institucións da sociedade civil contrarios á idea de que Jair Bolsonaro chegue al Planalto. Non obstante, a manobra non está tendo o resultado esperado posto que os seguidores do candidato do PSL no perciben que a democracia estea en xogo, polo que non se está a producir ningún transvasamento de votos. A campaña do PT rexeita elevar o nivel de violencia política contra o adversario e avoga por discursos pedagóxicos, pero nesta contenda, cunhas regras difusas aínda por definir con claridade, esas non son as armas que funcionan.

Última enquisa e alianzas

Imaxe electoral de Fernando Haddad / PT

Jair Bolsonaro segue varrendo nas enquisas. Os últimos datos do Ibope, que se coñeceron a pasada noite do luns, prognostican 18 puntos de vantaxe do Capitão sobre Haddad. Bolsonaro conta cun 59% dos votos válidos mentres que o petista ten o apoio do 41% do electorado. Os resultados confirman a viraxe conservadora do país que case lle fixo gañar as eleccións ao candidato do PSL na primeira volta cando este obtivo o 46% dos votos fronte ao 29% de Haddad.

O estudo do Ibope tamén reflectiu o índice de rexeitamento dos candidatos que antes da primeira quenda se situaban en puntos similares. Por primeira vez ao longo da campaña, agora é o petista o que encabeza o índice cun 47% de rexeitamento seguido por Bolsonaro cun 35%. O mercado financeiro adoptou unha postura favorable ao longo do día de onte mentres agardaba o resultado da enquisa, que dificilmente ía mudar as tornas. A bolsa brasileira subiu mentres o dólar caeu un 1%, apoiados polo mercado exterior.   

Os últimos inquéritos sitúan o 'Capitão' 18 puntos por riba de Fernando Haddad; o poder financeiro respondeu ás boas expectativas do ultradereitista con subas na bolsa

Queda evidenciado que as alianzas políticas do PT non están sendo suficientes para cadrar as contas. Castigado polos casos de corrupción, só Guilherme Boulos do PSOL cun 0,58% dos votos, ofreceu un apoio incondicional ao Partido dos Trabalhadores en defensa da democracia. O ex-petista, Ciro Gomes (PDT) cun 12,47% dos votos tardou dous días materializar o o respaldo explícito, e para iso declarou o seu apoio crítico, condicionado polo clima de excepcionalidade.  A gran sorpresa chegou da man da tamén ex-petista Marina Silva (Rede) que obtivo o 1% dos votos e que só se limitou a recomendarlle aos afiliados non dar votos para Bolsonaro. Pola súa parte, o candidato de centro dereita, Geraldo Alckmin (PSDB), deu liberdade á súa afiliación para votar no candidato que consideraran oportuno sen tomar posición por ningún.

Bolsonaro, pola súa parte, non conta co apoio explícito de ningún partido a nivel nacional pero si é secundado por numerosos líderes rexionais e locais que viron nel a posibilidade de beneficiarse electoralmente. Este é o caso de João Doria, candidato do PSDB ao goberno de São Paulo, que o mesmo día das elección e sen ter consultado ao partido, xa lle dera o seu apoio. Non obstante, o Capitão conta co apoio de numerosos grupos de interese como o lobby do agronegocio, ou coa case totalidade da Igrexa Evanxélica, amplamente estendida pola xeografía brasileira.  

Vaga de Violencia

Mensaxes contra Bolsonaro durante un concerto en São Paulo / PT

O aumento da violencia no país foi inmediato tras coñecerse os resultados favorables ao candidato Jair Bolsonaro na primeira volta. A retórica incendiaria do Capitão tomou as rúas nas mans do seus seguidores. Esa mesma noite era asasinado con 12 coiteladas o mestre de capoeira Moa do Katendê por un seguidor do candidato do PSL tras unha discusión política en Salvador de Bahia.  Tamén a servidora pública de Recife, Paula Pinheiro Ramos Pessoa, de 37 anos, denunciaba ter sido agredida nun bar por levar adhesivos de Ciro Gomes causándolle hematomas nos ollos e un corte no brazo. Tres días despois, unha moza de Porto Alegre foi abordada e agredida por tres seguidores do ex-militar por levar unha camiseta do #EleNão. Os homes golpeárona e graváronlle unha esvástica con navalla na barriga.

Persoas negras e homosexuais, mulleres feministas ou pobres son os colectivos que están principalmente no albo das agresións de partidarios de Bolsonaro

Despois de nove días dende a primeira volta, contabilízanse por centos as agresións que están sufrindo as minorías no país. A páxina #VítimasDaIntolerância, con escasos oito días de vida, recolle decenas de agresións que retratan a onda de violencia política por parte dos seguidores do militar, fundamentada no discurso de odio que espallou durante a campaña, e que agora se está materializando. A persoas negras, as persoas homosexuais, as mulleres feministas ou os pobres son os colectivos que están principalmente no punto de mira dos agresores.

Ante a vaga de violencia, Jair Bolsonaro declarou na súa páxina de Facebook que dispensa "o voto e qualquer aproximação de quem pratica violência contra eleitores" e engadiu que "a este tipo de gente peço que vote nulo ou na oposição por coerência, e que as autoridades tomem as medidas cabíveis, assim como contra caluniadores que tentam nos prejudicar". No entanto,  horas despois afirmaba nunhas declaracións que “quem levou a facada fui eu, pô. O cara lá tem uma camisa minha e comete um excesso. O que eu tenho a ver com isso?" e completou "eu lamento, peço que ao pessoal que não pratique isso, mas eu não tenho controle sobre milhões e mil”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.