0 Gardados para despois

Eleccións no Brasil: ultradereita, esquerda doente e mulleres combativas

Júlia Gomes


ANÁLISE DENDE O BRASIL

Brasil está a vivir a campaña electoral máis convulsa das últimas décadas. O verde e amarelo da bandeira son hoxe sinónimo dunha ultradereita de ascenso meteórico que loita pola apropiación de símbolos patrios e a reafirmación identitaria onde so cabe un modelo de país. A esquerda preséntase fragmentada e despistada ante un novo modelo de contenda que descoñece e cun inimigo ao que non está habituada a combater.

Tras a polémica prohibición da candidatura do ex-presidente, Luiz Inácio Lula da Silva (PT) polo Tribunal Supremo Electoral en base á Lei de Ficha Limpa, as enquisas trocaron de favorito. Se até hai un mes Lula, que cumpre 12 anos de condena no penal de Curitiva por corrupción pasiva e lavado de diñeiro, tiña todas as papeletas para gañar as eleccións debido a súa gran popularidade, hoxe o seu sucesor, o exrexedor de São Paulo, Fernando Haddad (PT), só suma un 23% da intención de voto no mellor dos escenarios.  Isto sitúa ao Partido dos Trabalhadores a nove puntos por debaixo da sorpresa indiscutible destas eleccións, o ultradereitista Jair Bolsonaro. Os demais partidos, segundo os últimos datos do Ibope, non contan con posibilidades reais de chegar a unha segunda volta. 

O país está dividido. Despois do impeachment a Dilma Rousseff (PT) en 2016, o goberno non electo de Temer (PMDB) representou o descrédito da cidadanía cara as elites políticas tradicionais -o actual presidente conta cun índice de aprobación do 5%-. Namentres, comezaron a saír á luz numerosos casos de corrupción que salpicaron a políticos de todas as cores e posicións, cargos públicos e empresarios, fundamentalmente vinculados á operación “Lava Jato”. Nun país onde máis do 50% dos deputados teñen contas pendentes coa xustiza, segundo a organización Transparencia Brasil, a carraxe e o desánimo social  incendian unha campaña electoral que busca quebrar coas elites e transcender mentres éstas so se ocupan de remexe pola súa propia supervivencia.

Tras a polémica prohibición da candidatura do ex-presidente, Luiz Inácio Lula da Silva (PT) polo Tribunal Supremo Electoral o PT está nove puntos por baixo do ultradereitista Bolsonaro

Tras catro anos de recesión económica (2014-2017) nos que a desigualdade aumentou e o 10% dos máis ricos hoxe contribúen ao 51,5% da desigualdade de renda total do país segundo o estudo do Instituto de Pesquisa Aplicada (IPEA), o cambio de ciclo estaba chamado aparecer. Ademais, os datos da criminalidade no país son comparables a territorios en guerra. No 2017 contabilizáronse 64.000 asasinatos e a percepción de inseguridade da cidadanía situouse no cuarto lugar entre 142 países do mundo, so superada por Venezuela, Gabón e Afganistán.  Seguindo unha tendencia global, a cidadanía tomou posición. O centro desapareceu e reforzáronse os extremos. Este domingo o que non vote por alguén no Brasil, vai votar contra alguén, e será ese voto de castigo o que decida o resultado da contenda electoral.

Haddad, nun acto electoral do PT / PT

Vertixinoso ascenso da ultradereita

Sen dúbida, o candidato untradereitista, Jair Bolsonaro (PSL) é o único presidenciable capaz de despertar as máis encarnadas paixóns entre os seus devotos e o desprezo máis profundo entre os seus opositores.  Coreando lemas como “bandido bom é bandido morto” ou “o erro da ditadura foi torturar e não matar”, Bolsonaro converteuse no candidato mellor posicionado nas enquisas para chegar ao Planalto. A ausencia de tempo nos espazos publicitarios electorais de televisión e  radio non foi un problema. Empregando aos seus disciplinados fieis, o presidenciable tirou de redes sociais para multiplicar a súa mensaxe, chegando incluso a contraprogramar a través de Facebook live intervencións propias cando non era convidado aos debates entre candidatos na televisión.

Militar da reserva e deputado federal sen maior destaque dende 1991, hoxe conta cunha porcentaxe do 32% en intención de voto na primeira volta, segundo a última estatística do Ibope. O seu índice de rexeitamento tamén é o máis elevado entre os candidatos, situándose no 45%.

Baixo o slogan Brasil acima de tudo, Deus acima de todos, o ex-militar lanza comentarios incendiarios de corte misóxino, homófobo e racista, cun discurso nacionalista e proteccionista no social mentres promete, no económico, reducir o Estado ao mínimo

Cun discurso autoritario e anti-establishment, o capitão -como o chaman os seus seguidores- fachenda de ter un currículo limpo de corrupción, ao contrario que a maior parte dos partidos que presentaron candidatura para as presentes eleccións. O macro proceso Lava Jato,  instruído polo xuíz Sérgio Moro, e polo que se destapou unha rede de subornos e lavado de diñeiro público entre empresas privadas e a petroleira estatal Petrobras, serviulle a Bolsonaro como pano de fondo para axitar un discurso de odio visceral cara á elite política tradicional. Na operación, aínda aberta, foron e están sendo investigados centos de políticos brasileiros. Algúns, como o carismático ex-presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva (PT), ou o ex Ministro de Facenda, Antonio Palocci (PT), xa cumpren condena. Outros 51, entre os que destaca o actual presidente Michel Temer, están a espera dos resultados electorais para saber se saen reelixidos e así manteñen o aforamento que impide que sexan xulgados, a pesar de estar investigados.

Acto electoral de Bolsonaro / PSL

Baixo o slogan Brasil acima de tudo, Deus acima de todos, o ex-militar, que foi acoitelado o pasado 6 de setembro nun acto de campaña en Juiz de Fora e polo que estivo hospitalizado en São Paulo até o pasado 29 de setembro sen poder participar en eventos electorais, é quen de aglutinar unha boa parte do descontento social e político do pobo brasileiro, que hoxe se sitúa no 78%.

Comparado con Donald Trump polos seu comentarios incendiarios de corte misóxino, homófobo e racista, emprega un discurso nacionalista e proteccionista no social, mentres que é liberal no económico. Promete reducir o estado ao mínimo, baixar impostos, liberalizar empresas e limitar axudas sociais como a bolsa familia, que hoxe sustenta ao 21% da poboación do país, alegando que existe fraude nas concesións. Tamén propón crear una nova modalidade opcional nos contratos laborais, onde xefe e empregado pacten directamente as condicións do acordo, sen ter que cumprir os requisitos da regulación laboral. O seu conselleiro económico, Paulo Guedes, con formación na Escola de Chicago, goza de gran recoñecemento nos mercados financeiros e representa o fichaxe estrela da candidatura. Ao longo da última semana, cada vez que as enquisas propiciaban un escenario máis favorable para Bolsonaro, os datos da bolsa brasileira melloraban.

Bolsonaro ademais propón a liberalización da tenencia de armas como solución maxistral ao alto índice de criminalidade que sofre o país

Esta estratexia levouno a gañar a confianza dos votantes liberais conservadores, provocando un transvasamento de votos da candidatura de centrodereita de Geraldo Alckmin (PSDB), que tradicionalmente ocupaba ese espazo, cara ao ex-militar. A súa defensa do modelo de familia tradicional e o seu rexeitamento cara as persoas homosexuais valeulle o apoio da Igrexa Evanxélica e parte da Igrexa Católica. No primeiro caso, a visión resúmese nas palabras do seu vicepresidente, Hamilton Mourão. O xeneral afirmou que “uma casa sem pai e avô, mas com mãe e avó são fábricas de desajustados que fornecem mão de obra ao narcotráfico”. No segundo, o propio candidato afirmou no Conselho de Ética da Câmara dos Deputados en 2011 que “ninguém gosta de homossexual, a gente suporta”.  

Bolsonaro ademais propón a liberalización da tenencia de armas como solución maxistral ao alto índice de criminalidade que sofre o país asegurando que “arma é garantia de nossa liberdade” e súa responsabilidade como futuro presidente é “meter bala em vagabundo e não formar cuadrilha com eles”. De feito, converteu en símbolo de campaña o xesto de disparar cos dedos índice e polgar, tras ter realizado o aceno nun acto con cativos, e  é agora repetido polos seus seguidores como insignia grupal.

Melancólico da ditadura militar, o líder do PSL suavizou o seu discurso na última semana para achegarse ao votante de clase media e clase media baixa que soña cunha mudanza de sistema que lle permita progresar, pero non acredita nos medios violentos nin na confrontación. Tamén fixo xestos nos últimos días cara ao colectivo LGTBQ+ e especialmente, cara ás mulleres, que representan o 52% do electorado e é onde atopa o índice máis alto de rexeitamento. Pola contra elas, protagonizaron o único movemento multitudinario de rexeitamento explícito do candidato.

#Mulheres contra Bolsonaro

Manifestación do movemento #EleNao / Midia Ninja

Milleiros de persoas convocadas pola plataforma que se articulou hai algo máis dun mes por Facebook, Mulheres contra Bolsonaro, ateigaron as rúas de máis e 30 cidades do Brasil baixo os lemas #Elenão e #EleNunca o pasado sábado 29 de setembro. As manifestacións foron secundadas especialmente por mulleres, que de forma pública e inequívoca, quixeron amosar o seu rexeitamento ao candidato do PSL e ás súas visións retrógradas da familia, dos roles de xénero, da violencia contras as mulleres ou do papel destas no mercado laboral.

O capitão, que recibía a alta hospitalaria ese mesmo día, ten declarado a súa misoxinia públicamente en numerosas ocasións. No ano 2014 durante un plenario da Cámara, Bolsonaro díxolle á deputada María do Rosario (PT-RS) que el nunca a violaría “porque ela não o merece” e en 2017 durante unha palestra no Clube Hebraica de Rio de Janeiro declarou en relación á súa filla; “Eu tenho cinco filhos. Foram quatro homens, a quinta eu dei uma fraquejada e veio uma mulher”.

Mulheres contra Bolsonaro ateigaron as rúas de máis de 30 cidades do Brasil baixo os lemas #Elenão e #EleNunca

Evitando citar o nome do ex-militar para que non se convertera en trending topic nas redes sociais, as manifestantes reivindicaron a súa diversidade, a súa independencia e o seu absoluto compromiso  cos dereitos humanos e as liberdade individual e colectivas. Homes e mulleres portaron carteis críticos co político en relación ás súas actitudes machistas, misóxinas, homofóbicas, transfóbicas e racistas.

A elas uníronse numerosos colectivos sociais entre os que cabe destacar o movemento LGTBQ+,  atacado con gran dureza e tratado con gran desprezo polo candidato. Tamén numerosas mulleres da cultura, do mundo intelectual, do cine e da televisión quixeron amosar publicamente o seu apoio ao colectivo.

As mostras de solidariedade transcenderon as fronteiras brasileiras e decenas decidades de todo o mundo acolleron réplicas da manifestación. Así en Santiago de Compostela, Paris, Londres ou Barcelona escoitáronse os berros do #Elenão e artistas de sona internacional como Madonna ou Cher posicionáronse publicamente contra Bolsonaro.

A pesar de ser unha convocatoria apartidista, ás concentracións asistiron presidenciables como Marina Silva (Rede), Vera Lúcia (PSTU) e Guilherme Boulos (PSOL) e vice candidatos como Manuela d’Ávila (PC do B chapa PT), Katia Abreu (PDT) e Sonia Guajaja (PSOL).

As mostras de solidariedade transcenderon as fronteiras brasileiras e decenas decidades de todo o mundo acolleron réplicas da manifestación

Foi un acto de empoderamento colectivo e de levantamento contra o que as convocantes consideraron “a volta do fascismo ao Brasil” e polo que “non están dispostas a pasar de novo”.

Pola contra, esta mostra pública de poder, foi contestada polos seguidores de Bolsonaro ao día seguinte. A mañá do domingo estivo marcada por carreatas -manifestacións en coches-, principalmente en Brasilia e Río de Janeiro, onde milleiros de persoas saíron para amosar o seu apoio ao líder. No acto de Río, o fillo do artista e deputado federal, Eduardo Bolsonaro, criticou ás artistas que secundaron as manifestacións ao día anterior. Ademais, afirmou que as mulleres de dereitas eran máis hixiénicas que as de esquerdas, non ensinaban os peitos en público e non defecaban na rúa, facendo referencia á manifestación do día anterior. 

A pesar do gran apoio á manifestación de Mulheres contra Bolsonaro, as estatísticas de intención de voto da última semana confirmaron que o apoio ao ex-militar que levaba tres semanas estable no 28%, medrou catro puntos chegando ao 31%,  mentres que o principal rival de Bolsonaro, Fernando Haddad, que experimentara un gran crecemento nas últimas semanas, estancouse por primeira vez nun 21%.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Unha esquerda fragmentada e baixo sospeita

Haddad e Lula / PT

Os numerosos casos de corrupción política vinculados á operación “Lava Jato” que en catro anos afectou a membros e líderes de 14 partidos políticos brasileiros, está tendo terribles consecuencias electorais, fundamentalmente para o Partido dos Trabalhadores. Unha parte do electorado  tradicionalmente petista, agora desencantado polos escándalos de corrupción, virou o seu voto cara outras alternativas e só votaría polo candidato do partido, Fernando Haddad, se iso representara o mal menor -escenario máis que probable se a segunda volta se produce entre o petista e Bolsonaro-.

Este acontecemento fragmentou o voto de esquerdas que con anterioridade se agrupaba principalmente en torno ao PT – o partido gobernou o país dende o 2003 até 2011 con Lula e dende 2011 até 2016 con Dilma-. A forza política na actualidade, segue sendo a segunda con maior intención de voto cun 23% segundo o Ibope pero tamén conta cun índice de rexeitamento moi elevado que se sitúa no 37%.

Sendo conscientes da situación crítica na que se atopaban, a estratexia do PT foi empregar o seu cartucho máis valioso. Así, no mes de agosto presentaron como candidato ao presidente máis querido do país, Luiz Inácio Lula da Silva, para aproveitar o seu peso simbólico mentres este xa estaba cumprindo condena no Penal de Curitiva dende o pasado mes de abril.

Os petistas coñecían o arriscado da situación, pero sobre todo, sabían que a xustiza non ía facer ningunha concesión co candidato despois das numerosas polémicas suscitadas a raíz do seu axuizamento e posterior peche. O PT decidiu continuar coa estratexia e así tentar traspasar a intención de voto de Lula cara o partido.

O Tribunal Supremo Electoral rexeitou a candidatura en base á Lei de Ficha Limpa. De nada serviu que o Comité de Dereitos Humanos da ONU emitise unha declaración pedindo que Lula puidese participar das eleccións

A comezos de setembro, o Tribunal Supremo Electoral rexeitou a candidatura en base á Lei de Ficha Limpa, que non permite participar nas eleccións a candidatos que foron condenados por decisión dun órgano colexiado, aínda que exista posibilidade de recurso.  Desta maneira Lula, que estaba situado en primeira posición nas enquisas de intención de voto a máis de 13 puntos de distancia do segundo candidato, Jair Bolsonaro, quedou fora de xogo. De nada serviu que o Comité de Dereitos Humanos da ONU emitise unha declaración pedindo que Lula puidese participar das eleccións.

A un mes das eleccións, o PT cambiou ao seu candidato a presidente polo que xa entón era o candidato a vicepresidente, Fernando Haddad, baixo o lema “Haddad é Lula”. A campaña, especialmente nas primeiras semanas, baseouse nunha plena identificación do exrexedor de São Paulo con Lula da Silva. Haddad, cun alto índice de descoñecemento entre a poboación, so tería chance se conseguía identificar o seu proxecto co legado de Lula.

As enquisas rapidamente amosaron un crecemento exponencial até situalo na segunda posición. Pasou de un 4% en intención de voto a finais de agosto a o 23% que ten na actualidade. No entanto, agora atópase estancado e sen demasiadas posibilidades de crecemento.

O xuíz Moro, con clara intencionalidade política, levantou o segredo de sumario que afecta o ex-ministro de Facenda do PT no treito final da campaña

Ademais esta última semana producíronse dous acontecementos importantes que xogaron na contra da candidatura petista. Por un lado, o xuíz instrutor da “Lava Jato”, Sérgio Moro, cunha intencionalidade claramente política, levantou o segredo de sumario sobre a parte que afecta ao ex-ministro de Facenda do PT na época de Lula, Antonio Palocci. Nas declaración feitas públicas detállase un suposto esquema de corrupción dos cargos de Petrobras do que o ex-presidente era presuntamente coñecedor. Ademais, o ex-ministro tamén relata como nas dúas campañas presidenciais de Dilma existía unha caixa B na que participaban grandes empresas ao longo do ano a cambio de concesións. Segundo Palocci, en 2010 a contía ascendería a R$ 600 millóns e en 2014 a R$ 800 millóns. Aínda que a información non revela datos novedosos sobre a investigación nin aporta probas, xera novamente un forte ruído sobre o PT.

O Supremo Tribunal Federal prohibiu que o xornal Folha de São Paulo entrevistase na cadea ao ex-presidente Lula da Silva

Polo outro, o Supremo Tribunal Federal prohibiu que o xornal Folha de São Paulo entrevistase na cadea ao ex-presidente Lula da Silva. Nunha xogada entre maxistrados do órgano que se extralimitaron nas súas funcións e a petición do partido NOVO, a entrevista quedou suspendida temporalmente até que o plenario do tribunal tome unha decisión firme ao respecto, cuestión que non acontecerá até despois da segunda volta das eleccións. Lula e por extensión o PT quedan sen a posibilidade de ter un altofalante directo cos seus votantes e o electorado en xeral. As críticas cara a decisión do STF están servidas en base á limitación de dereitos básicos como a liberdade de expresión e o agravio comparativo.

As demais forzas de esquerdas que compiten pola presidencia do país, segundo as últimas enquisas, non teñen posibilidades reais de chegar á segunda volta. O candidato que máis se aproxima ao PT é Ciro Gomes (PDT) cun 11% de intención de voto. O ex-petista converteuse na primeira opción dos desencantados do Partido dos Trabalhadores pola corrupción. Político experimentado, conta cun dos menores índices de rexeitamento e goza dunha gran valoración pública pero a súa candidatura veuse diluída coa  polarización da contenda. Marina Silva (Rede) pola súa parte, pasou de ser unha das candidatas mellor posicionadas no comezo da campaña electoral cun 12% de intención de voto para caer progresivamente até un 4% na actualidade. O escenario máis probable nunha segunda volta será entre Bolsonaro e Haddad. Polo de hoxe, e aínda que pareza difícil de crer, o capitão vai gañando.