0 Gardados para despois

Brasil vai a unha segunda volta electoral liderada polo ultradereitista Bolsonaro

Júlia Gomes


CRÓNICA DENDE O BRASIL

A escasos minutos das nove da noite o Tribunal Superior Electoral (TSE) anunciaba, cun 95,57% dos votos escrutados, que Brasil tería segunda volta na contenda electoral para presidente da república entre o candidato ultradereitista, Jair Bolsonaro, cun 46,21% dos votos, e o petista, Fernando Haddad, cun 28,97%. Con 147.302.357 electores chamados ás urnas, nun país onde votar é obrigatorio para as persoas que teñen entre 18 e 70 anos, a grande sorpresa da xornada foi a brusca mudanza na intención de voto nos últimos momentos que favoreceu a Bolsonaro e que case resolve as eleccións na primeira volta.

As enquisas das últimas semanas non se enganaron en sinalar a tendencia: un Bolsonaro de ascenso meteórico que polarizaría o escenario político e só deixaría espazo para o PT nun segundo lugar. Tras prometer ao seu electorado que ganaría en primeira volta –isto é obter o 50% do total dos votos máis un-, o ex-militar reformado puxo en apuros aos partidos e ao electorado de esquerdas. A piques de cumprir a súa promesa e cun 53,49% de votos escrutados, o líder do PSL, rozou a maioría, durante varios minutos, situándose cun 49,02% dos votos totais. A tensión podíase sentir nas caras do equipo de campaña de Haddad, que xunto co candidato, seguiron os resultados nun hotel en São Paulo. O alivio só chegou cando os petistas coñeceron que os datos eran fundamentalmente dos estados do sur -rexións onde o PT saca peores resultados- e aínda quedaban por contabilizar os votos do Nordeste -que representa case un cuarto da poboación e é tradicionalmente petista-. Nun dos peores escenarios posibles, aínda había espazo para a esperanza.

A grande sorpresa da xornada foi a brusca mudanza na intención de voto nos últimos momentos que favoreceu a Bolsonaro e que case resolve as eleccións na primeira volta

Tras coñecer os datos oficiais, o controvertido candidato do PSL rexeitou realizar unha comparecencia pública que tiña comprometida ante os medios de comunicación, para se conectar ao Facebook Live e agradecerlle ao vivo aos seus numerosos seguidores os votos recibidos. Tamén lles pediu que se continuaran a mobilizar até a segunda quenda. "Nós temos como mudar o destino dessa nação, mas todos vocês que estiveram comigo nesse momento vão ter de continuar mobilizados até o dia 28 de outubro", afirmou.

Suscitando dúbidas novamente sobre o sistema de urnas electrónicas e vinculando os supostos fallos de dita tecnoloxía á súa non elección na primeira volta, asegurou que "vamos juntos ao TSE exigir soluções para isso que aconteceu agora e não foi pouca coisa" e engadiu que "se tivesse confiança já teríamos o nome do futuro presidente da República." Posteriormente unhas 50 persoas presentáronse diante das dependencias do TSJ para protestar contra o que consideraron “fraude electoral”. Non se esqueceu de facer mención á diminución do estado e á privatización de empresas públicas, promesas electorais que nas últimas semanas lle fixeron ganar numerosos  adeptos. O ultraconservador quixo rematar a súa intervención agradecéndolle a deus o resultado. “Acredito em Deus, acredito em vocês e acredito no nosso Brasil. Meus quase 50 milhões -número de votos recibidos-, muito obrigado mais uma vez. Estamos juntos. Até a vitória, se Deus quiser".

Acto do PT tras ser publicados os resultados da primeira volta / PT

O candidato do PT chama á unión das demais forzas para combater a ultradereita e di sentirse “desafiado pelos resultados, que nos fazem atentar para os riscos que a democracia corre"

Pola súa banda Haddad, nun claro chamamento á unión das demais forzas políticas para combater o asombroso aumento da ultradereita asegurou sentirse “desafiado pelos resultados, que nos fazem atentar para os riscos que a democracia corre" e asegurou que mesmo ve perigar “o pacto da constituição de 1988”. Ademais, en alusión ás medidas que pretende desenvolver o ex-militar, asegurou que “nossas armas na campanha do segundo turno são os argumentos: nós não portamos armas".

O petista tentará agora contar cos apoios de Ciro Gomes (PDT), que quedou en terceira posición cun 12,47% dos votos, Marina Silva (Rede) cun 1% e  Gulherme Boulos (PSOL) cun 0,58%. Tras ser derrotado, Ciro fixo alusións ao risco que supón Bolsonaro para a democracia pero non confirmou aínda o seu apoio a Haddad, en boa medida polo seu anterior desencontro con expresidente Lula. "Não posso demorar uma semana, não. Costumo decidir as coisas assim, mas agora eu represento um conjunto muito grande de forças. Então, quero anunciar por mim. O meu espírito é fazer o que fiz a vida inteira: lutar em defesa da democracia e contra o fascismo" afirmou. Destas afirmacións extráse unha declaración de intención que moi probablemente leve ao pedetista a apoiar ao PT na segunda volta. Marina Silva pola súa parte, evitou posicionarse sobre a segunda quenda asegurando que "independente de quem seja o vencedor, nós estaremos na oposição" e deixando á asemblea do partido tomar a decisión.

As próximas horas serán decisivas para mobilizar a un electorado que mira aos políticos baixo lupa despois dos numerosos casos de corrupción. As receitas tradicionais xa non son benvidas nun país que, despois da crise económica, perdeu a esperanza e volveuse descreída. Moitos brasileiros xa non buscan un político ao que seguir. Prefiren ter un mesías no que crer. Como dogma de fe. Sen cuestionamentos. Ese home é Bolsonaro.

Para todos os demais, queda a defensa da razón, dos instrumentos democráticos ou dos dereitos adquiridos na historia. Pero en momentos de crise existencial, a psicoloxía política e a atracción soen ser máis poderosos. Sexa como for, o vindeiro 28 de outubro decidirase o final da contenda.

Xornada de longas colas e Fake News

A maioría das informacións falsas da xornada electoral pretendían fomentar a confusión entorno as urnas electrónicas para xerar sensación de fraude

En numerosos estados a xornada electoral transcorreu entre longas colas debido á instalación de sistemas biométricos de verificación da identidade e a redución das zonas electorais que relentizaron o procedemento. En Salvador de Bahía, Paulo Linhares, queixábase da nova metodoloxía asegurando que levaba case dúas hora agardando.“Tem que fazer ajustes para a próxima eleição” aseguraba. No mesmo colexio electoral, unha familia tivo que subir no aire á avoa en cadeira de rodas por non existir infraestruturas axeitadas para as persoas co mobilidade reducida. Esta situación  repetiuse en numerosos puntos da xeografía brasileira.

Outra das novas da xornada, foi a irrupción de numerosas fake news que comezaron a espallarse polas redes sociais e Whatsapp e que principalmente beneficiaban a Bolsonaro. Xa ao longo da campaña, as noticias falseadas e os perfís falsos tiveron unha gran relevancia provocando unha situación de infoxicación entre o electorado. Facebook chegou a pechar unhas 300 contas. A maioría das informacións falsas da xornada electoral pretendían fomentar a confusión entorno as urnas electrónicas para xerar sensación de fraude, ou cambiar a dirección do voto do electorado. A presidenta TSE, Rosa Weber declaraba hoxe que “essas notícias falsas se dirigem contra a credibilidade da Justiça Eleitoral e, consequentemente, se voltam contra a democracia e as instituições. Temos de identificar quem as está propagando com a maior serenidade possível". Para a ministra a propagación destas informacións son unha “total irresponsabilidade”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.