Fálase | Trinta anos en Terranova e Feijóo a Madrid

Labores de rastrexo tras o naufraxio do Villa de Pitanxo e acto no que, en 2018, Feijóo anunciou que renunciaba á sucesión de Rajoy CC-BY-NC-SA Praza.gal | Foto rescate © JRCC Halifax | Foto PP CC-BY-SA PPdeG | Imaxe Fálase © Isabel Vila

Na política galega dos últimos trece anos houbo un lugar común, un agoiro, unha acusación, unha advertencia… Que a forza de ser utilizada acabou virando en ruído de fondo: Feijóo marcha para Madrid. Dixérono ou insinuárono así a vintena de persoas que, dende 2009, exerceron os liderados da oposición galega, pero tamén diversas voces en diversos momentos dentro do propio Partido Popular.

Na actual lexislatura, a que comezou en 2020, díxose moito menos. Nalgúns casos, porque as persoas que agora lideran a oposición non consideraban a posibilidade de que Feijóo fose facer carreira no Estado. Noutros casos, porque aínda que detectasen algún sinal de que isto podía suceder, preferiron non arriscarse e non pasar a engrosar a lista de todos aqueles que dixeron Feijóo marchaba mentres non o facía.

Pero agora semella que si. Á hora da edición deste novo capítulo do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, Pablo Casado está a piques de pasar á historia do PP e todo parece indicar que non vai pasar o de 2018, cando Feijóo tirou do freo de man na última curva antes da sucesión de Mariano Rajoy.

Con David Reinero, xornalista que cobre habitualmente a información da Presidencia da Xunta e do PPdeG en Praza.gal, escoitamos e analizamos as diferenzas entre aquelas situación e a actual. E tamén trazamos un mapa das posibilidades que se abrirían se finalmente Feijóo accede ao liderado estatal do partido.

Pero, antes, no comezo do novo episodio do Fálase, abordamos un tema ben diferente, o que estaba de triste actualidade ata que a crise do PP estourou de vez. Na madrugada do pasado 15 de febreiro, o arrastreiro Villa de Pitanxo, con base en Marín, naufragaba a unhas 250 da illa de Terranova, en Canadá, e das 24 persoas que formaban a súa tripulación só sobreviviron tres. 

Ao fío dese naufraxio tráxico, o peor que sofre Galicia en varias décadas, en Praza.gal quixemos darlle contexto. Quixemos saber polo miúdo como é o traballo en Terranova, cales son os seus riscos, como se vive encadeando marea tras marea. Para sabelo de primeira man, Ana G. Liste puido falar con Sebastián Freire, un mariñeiro de Marín pasou máis de trinta anos embarcado, indo traballar aos caladoiros de Terranova. Escoitámolo neste novo episodio.

Todos os episodios de Fálase chegan en primeiro lugar ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Poderás escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, en Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.

Neste capítulo foi empregada a pista musical Random Sequences de Fiftysounds.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.