Fálase | Os abusos na Igrexa e investigalo "todo"

Recepción do papa ao arcebispo de Santiago e ao presidente da Xunta, en xuño de 2021 no Vaticano CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal | Imaxe Fálase © Isabel Vila

No inicio do terceiro episodio de Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, escoitamos a voz do arcebispo de Santiago, Julián Barrio. En novembro de dous mil dezanove respondía así, durante unha entrevista con Praza, a unha pregunta sobre o xeito en que a arquidiocese compostelá abordaba as denuncias de abusos sexuais que xurdisen ou puidesen xurdir no seo da súa xurisdicción eclesiástica.

No novo episodio analizamos o contraste entre o discurso do arcebispado de Santiago sobre a investigación de abusos sexuais na Igrexa e as retesías que amosa ao respecto o Goberno galego

Aquelas reflexións do arcebispo de Santiago sobre os casos de abusos, hai máis de dous anos, ecoan nestes días e adquiren mesmo máis significado. Non porque Barrio cambiase de postura, porque segue mantendo exactamente a mesma, mesmo con máis claridade, senón porque a súa apertura a que estes casos de abusos sexan investigados contrasta con outras posturas no ámbito político. Concretamente, no ámbito do Goberno galego, que por boca do seu presidente se opón á iniciativa estatal para investigar os abusos sexuais na Igrexa católica.

Declaracións de Julián Barrio en 2019 a Praza.gal sobre as investigacións de abusos na Igrexa

Di Alberto Núñez Feijóo que hai que investigar todo, todos os abusos que poidan existir. E que ese é o motivo polo que non comparte a proposta do Goberno de España e das forzas que o apoian para abrir unha comisión de investigación específica, xa sexa no Congreso dos Deputados ou no Defensor del Pueblo, que profunde na cuestión dos abusos na Igrexa alén das canles policiais ou xudiciais. 

Con David Reinero, xornalista de Praza.gal que realizou aquela entrevista e que cobre habitualmente a actividade do presidente da Xunta para o xornal, analizamos o contraste entre a postura eclesiástica e a de Feijóo. E tamén a coincidencia desta última co argumentario que vén defendendo ao respecto o líder do PP, Pablo Casado.

Do que se fala en VINTE: Ana come pan, moita música e algunha sorpresa

No novo episodio do Fálase achegámonos tamén a aquilo do que se fala en VINTE da man da súa directora, María Yáñez. Explícanos que ten que ver a frase "Ana come pan" con ir a clases de pandeireta e como esta relación eclosionou nas redes sociais e repasamos quen foron as últimas convidadas do Café Derby 21. Tamén nos avanza algo do que está por vir en VINTE nos vindeiros días, con moita música, tamén creación dixital pola banda de Vigo e o radar posto para captar o máis destacado do que dea de si nas redes sociais o inminente Día de Rosalía. Todo, en vésperas do día 20, que é xornada de newsletter para socias e socios de VINTE, desta volta con avance especial sobre un libro que vai dar moito que falar neste 2022.

Ana come pan CC-BY-SA Vinte

Todos os episodios de Fálase chegarán en primeiro lugar ás socias e socios de Praza.gal e, ao día seguinte, estarán dispoñibles no xornal para o resto da audiencia. Poderás escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, en Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.

Neste capítulo foi empregada a pista musical Random Sequences de Fiftysounds.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.