BNG e PSdeG recriminan o relativismo de Feijóo ante as investigacións de abusos na Igrexa

Feijóo, co papa Francisco no Vaticano en xuño de 2021 CC-BY-SA Xunta

Nas últimas semanas vai cobrando forza a posibilidade de que sexa aberta unha investigación a nivel estatal sobre casos de abusos sexuais no seo da Igrexa católica. Investigacións xornalísticas, testemuños en primeira persoa, condenas xudiciais recentes e pescudas dentro das propias institucións católicas afectadas sintonizan coa vontade expresada polo Vaticano de investigar internamente, pero tamén coa visión de cargos da Igrexa como o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, que a pasada semana valoraba como "ben recibida" a posible comisión e investigación ao respecto, na liña do que xa expresara hai dous anos nunha entrevista con Praza.gal.

O presidente da Xunta vén censurando que se investigue "só á Igrexa" mentres o arcebispo de Santiago, na liña do Vaticano, apoia as pescudas

Todos estes feitos e consideracións contrastan coa postura que vén reiterando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Na liña da dirección estatal do PP e da cúpula da Conferencia Episcopal Española, o tamén líder dos populares en Galicia vén optando polo relativismo: "Investigar só á Igrexa é unha falta de respecto a outras vítimas", vén mantendo Feijóo, unha posición política que este luns reprocharon as dúas formacións da oposición parlamentaria galega.

Ana Pontón (BNG) e Luis Álvarez (PSdeG), este 14 de febreiro en senllas comparecencias ante a prensa CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

Preguntada ao respecto polos xornalistas, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, amosouse "sorprendida" polo feito de que, "cando o propio papa está reclamando que haxa unha investigación, o presidente da Xunta se poña de perfil". "Aquí hai unha denuncia moi concreta, con casos que son arrepiantes e o fundamental é que esas persoas vexan que non se mira a outro lado e que haxa unha investigación", cuestión "que o propio papa sinalou".

Pontón (BNG): "Hai denuncias moi concretas de casos arrepiantes, é fundamental que haxa unha investigación, sinalouno o propio papa"

Neste contexto, a líder do Bloque ve "sorprendente que o señor Feijóo se poña do lado máis carca da Conferencia Episcopal" e subliña tamén as súas insinuacións sobre posibles casos de abusos sexuais noutras organizacións ou entidades. "Se sabe que hai abusos que non se están investigando noutros ámbitos, debería facer algo para que se investiguen", resolve Pontón.

Tamén o voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, censura a postura de Feijóo e reclámalle unha "rectificación pública" tras "relativizar o problema dos abusos sexuais a menores no seo da Igrexa". O PSdeG, lembra Álvarez, presentou xa varias iniciativas para apostar por que a Valedora do Pobo investigue tamén o que é "un problema gravísimo ante o que non caben respostas mornas nin son admisibles intentos de esvaecer o enfoque" como o que, ao seu xuízo, está a realizar Feijóo.

Álvarez (PSdeG): "Ninguén fai unha causa xeral contra a Igrexa, pedimos unha rectificación pública de Feijóo"

O PSdeG, indica Álvarez, "tiña o convencemento de que nin a propia Igrexa compartía a opinión de Feijóo e do PP de Ayuso" e "esa intuición viuse corroborada" polas consideracións do arcebispo de Santiago, que dá por "ben recibida" a investigación e "di que o que hai que facer é pedir perdón e asesorar legal e psicoloxicamente as vítimas". "Ninguén está facendo unha causa xeral contra a Igrexa; e polo tanto pedimos con toda claridade e contundencia unha rectificación pública" de Feijóo, reitera o socialista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.