A barca de Santiago elixe o ronsel da de Pedro, non da de Pablo

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e o presidente Feijóo no encontro que mantiveron co papa Francisco o pasado xuño CC-BY-SA Xunta de Galicia

O arcebispo de Compostela reitera o seu aliñamento co papa, favorable ás investigacións de abusos na Igrexa, fronte a relativismo dun Feijóo que secunda o argumentario do PP estatal de que esas non son as únicas vítimas

“A barca de Santiago sempre estará disposta a oír a voz de quen rexe a barca de Pedro para secundar aquilo que considere oportuno”. Así se pronunciaba hai pouco máis de dous anos o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, nunha entrevista con Praza.gal cando era preguntado polas discrepancias dentro da Igrexa sobre determinadas posturas do papa Francisco, como a de recoñecer e facilitar o debate sobre os abusos sexuais por parte de relixiosos. 

Este venres, tras varios días de debate político arredor da conveniencia dunha comisión de investigación a nivel estatal sobre os abusos na Igrexa máis alá das pescudas policiais e xudiciais, Barrio asegurou que é “ben recibida”, distanciándose así novamente doutras voces da curia contrarias non só á investigación política senón tamén reacias a procesos internos como os que impulsa o Vaticano. 

O arcebispo, Julián Barrio, á esquerda, observa a Pedro Sánchez e a Alberto Núñez Feijóo o pasado 25 de xullo en Santiago © Pool Moncloa / Fernando Calvo

A postura de Barrio en respaldo da iniciativa de investigación parlamentaria que impulsan ou apoian varios grupos da esquerda deixa igualmente en evidencia o argumentario do PP estatal que veñen repetindo os seus cargos públicos, tamén en Galicia, cando son preguntados pola cuestión: “Investigar só á Igrexa é unha falta de respecto a outras vítimas”, é a resposta relativista que deu o presidente Feijóo da que se distancia o arcebispo.

A Fiscalía desvelou esta semana que ten abertas en Galicia sete investigacións distintas por posibles abusos de persoas relacionadas coa Igrexa

Nos últimos anos veñen coñecéndose denuncias e mesmo condenas xudiciais de casos de abuso sexual por parte de relixiosos en diversos puntos de Galicia, pero o feito de que o propio Vaticano tomase cartas no asunto tras unha investigación xornalística sistemática de El País que revelou centos de casos en todo o Estado supuxo que o asunto pasase a ocupar un lugar central do debate político. 

Formacións de esquerda instan a que o problema non só se analice na xustiza ou na Igrexa senón tamén na política, mentres que a dereita opta polo relativismo de argumentar que tamén hai abusos noutros ámbitos. Ao tempo, a intensificación do debate facilitou que saísen á luz novos casos, ata o punto de que La Salle emitiu o pasado sábado un comunicado informando de que investiga dous posibles novos casos en Galicia que xa terían prescrito xudicialmente e cuxos supostos autores mesmo faleceron. Un recoñecemento por parte da congregación que desatou unha sucesión de testemuñas particulares sobre o que ocorría no seu centro educativo de Santiago. A bola de neve seguiu medrando cando a Fiscalía revelou uns días despois que ten abertas en Galicia sete investigacións distintas por outros tantos casos de posibles abusos.

O arcebispo e Feijóo nunha misa na catedral © Concello de Santiago

A situación, en contra do habitual, vén de coller ao presidente Feijóo sen unha postura particular ao respecto. As súas respostas reiteradas dos últimos días supoñen un calco das que ofrecen o resto de cargos do seu partido en todo o Estado, comezando por Pablo Casado. “De min non vai saír que só se pode investigar unha institución concreta”, dixo o presidente da Xunta, sen que se lle preguntase tal cousa, e engadindo que considera “unha falta de respecto” a outras vítimas non investigar calquera tipo de abuso en calquera institución.

Porén, para Julián Barrio, “a proposta dunha comisión parlamentaria sobre os abusos da Igrexa, ben realizada directamente no Congreso ou ben a través do Defensor del Pueblo, por parte da Igrexa teño que dicir que é ben recibida; é ben recibida no marco de colaboración, dunha colaboración leal entre a Igrexa e o Estado, iso si, respectando o ordenamento xurídico e o que tantas veces dixemos, sen privilexios pero sen discriminación".

O arcebispo Barrio xa deixou claro hai dous anos nunha entrevista con Praza.gal o seu aliñamento co papa en cuestións como os abusos: "Está no vértice e ten un coñecemento da Igrexa que eu non podo ter"

Hai dous anos, en entrevista con Praza.gal, Barrio era preguntado polo malestar de parte da curia con posturas do papa Francisco como a súa proclividade ao debate público sobre os abusos tras anos de intentos de ocultación dentro da Igrexa. A súa resposta foi identificar o arcebispado de Santiago como “unha barca pequena en relación á barca grande da Igrexa católica, apostólica e romana”. “Pero a barca de Santiago sempre estará disposta a oír a voz de quen rexe a barca de Pedro para secundar aquilo que considere oportuno. O Papa está no vértice e ten un coñecemento da Igrexa que eu non podo ter. Todas as indicacións que nese sentido nos poidan chegar e que poidan axudarnos na orientación pastoral, benvidas sexan”, foi a súa reflexión. 

Barrio mantense no ronsel da barca de Pedro -o apóstolo, non Sánchez- mentres Feijóo opta por seguir o da barca de Pablo -Casado, non o santo- á espera de posibles conversións futuras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.