Condenado a 32 anos e medio de prisión o salesiano dun colexio de Vigo que abusou de seis menores en 2019

Exterior do colexio María Auxiliadora Salesianos de Vigo CC-BY-SA Concello de Vigo

A Audiencia de Pontevedra condena ao sacerdote e profesor de relixión do centro escolar María Auxiliadora Salesianos de Vigo por delitos de abusos sexuais a seis menores co agravante de abuso de superioridade

Segundo C.V., sacerdote e profesor de relixión do colexio María Auxiliadora Salesianos de Vigo, foi condenado a 32 anos e medio de prisión e a 36 anos de liberdade vixiada por "delitos de abusos sexuais sobre menores de 16 anos con abuso de superioridade" pola sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra. O tribunal estima tamén que nalgún dos casos houbo un delito de "abusos sexuais continuados".

Os abusos producíronse no ano 2019, cando os menores tiñan 15 anos de idade, durante actividades extraescolares. En concreto, sucederon no transcurso dunha excursión que consistiu en facer o Camiño de Santiago e durante un campamento que tivo lugar en Cambados. Así mesmo, no caso dun dos alumnos, durante a visualización da final da Champions League nunha asociación xuvenil da que o colexio estaba a cargo, segundo a sentenza.

Festa colexial de María Auxiliadora no centro Salesianos de Vigo CC-BY Salesianos Vigo

O tribunal entende que  "non cabe ningunha dúbida de que todas e cada unha" das vítimas "sufriron un dano psicolóxico evidente"

A Audiencia Provincial de Pontevedra considera acreditado que o investigado cometeu sete delitos de abuso sexual, tres deles continuados. Ademais da pena de prisión, impúxolle o pago dunha indemnización de 76.000 euros ao conxunto das vítimas, pois entende que "non cabe ningunha dúbida de que todas e cada unha delas sufriron un dano psicolóxico evidente", así como a inhabilitación especial para calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que implique contacto regular e directo con menores de idade por tempo superior en 31 anos ao de duración da pena de prisión imposta.

O tribunal asegura que o acusado aproveitou "a situación de superioridade derivada da súa profesión", da confianza que os menores depositaran nel e da relación de amizade que lles unía, "que ía máis aló da de profesor-alumno", para realizarlles tocamentos. O auto recolle que o relixioso "admitiu a boa relación que, con carácter previo aos feitos, mantiña con cada un dos menores/vítimas e con outros, e, igualmente, a comunicación que efectuaba con eles a través da aplicación Whatsapp".

Os xuíces salientan que o relixioso actuou "nas horas nocturnas, cando o estado de alerta diminúe e o nivel de conciencia decrece"

Da mesma maneira que os maxistrados salientan na sentenza que a determinación da autoría do sospeitoso foi consecuencia, fundamentalmente, do testemuño das vítimas dos abusos, as cales declararon que quedaron "en shock" cando lles ocorreu. "Todas estas circunstancias non só eran coñecidas polo acusado, senón que, ademais, foron aproveitadas por el para conseguir satisfacer o seu desexo sexual, actuando, ademais, nas horas nocturnas, cando o estado de alerta diminúe e o nivel de conciencia decrece", apuntan os xuíces.

Para o tribunal, os seis menores narraron "con firmeza e de forma acorde á súa idade o que lles ocorreu e o que viron respecto dos outros". Por iso, a sentenza recolle que as declaracións dos menores compren o requisito da verosimilitude, pois son "internamente coherentes" e se corresponden "con situacións realmente vividas", evidenciando algúns dos menores "un sentimento de culpa por non facer nada ou non saber reaccionar no instante mesmo no que sucedían os feitos". 

A sede da Audiencia Provincial de Pontevedra nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Pvibahu

A sentenza, contra a que cabe recurso, asegura que "os actos realizados non deixan lugar á dúbida"

"Os actos realizados non deixan lugar á dúbida, non só polo proceder subrepticio (aproveitando as horas nocturnas e o soño dos menores), senón polos actos de contido inequivocamente sexual", recalca a Audiencia, que ademais salienta que o feito de que "non presente trazos psicopatolóxicos característicos dun abusador nin teña unha personalidade que lle impida controlar os seus impulsos" non descarta que cometese os feitos que se lle imputan, tal e como pretendía a defensa de Segundo C.V..

Por outra banda, a sentenza considera como responsable civil subsidiario a Congregación Sociedad San Francisco de Sales, Inspectoría Salesiana Santiago el Mayor, á que tamén inclúe nas penas económicas que deberán abonar a cada un dos seis menores vítimas dos abusos. Contra a resolución da Audiencia Provincial de Pontevedra cabe presentar recurso de apelación no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.