"Pedimos perdón por non protexelos": sae á luz un novo caso de abusos a menores no colexio dos maristas de Vigo

Exterior do colexio maristas El Pilar de Vigo © Google Maps

Os maristas abren unha investigación sobre os abusos que relatan oito ex alumnos do colexio El Pilar de Vigo nos anos sesenta

″Pedimos perdón por fallarlles e non protexelos″. Así reaccionou a Provincia Marista Compostela, que inclúe a Galicia, Castela e León e Asturias, ademais de a Portugal, á denuncia pública de oito ex alumnos do colexio El Pilar de Vigo, que relatan ter sufrido abusos e maltrato por parte de cando menos catro relixiosos desta escola, situada no centro da cidade, durante os anos sesenta.

Os abusos estaban institucionalizados, a maior parte dos nenos os sufríamos, estes catro profesores eran auténticos depredadores, nun ambiente sórdido e cuarteleiro″, afirma unha das vítimas de abusos na información publicada polo diario El País. Estes ex alumnos explican que a situación era coñecida dentro do centro e, incluso, contan como outros compañeiros facían burlas ao respecto.

Aula do colexio da orde relixiosa dos maristas na cidade olívica © Maristas Vigo

Nun comunicado, a orde relixiosa asegura que abre unha investigación sobre o sucedido neste colexio nos anos sesenta e indica que ″os catro irmáns maristas aos que fan referencia as vítimas xa faleceron″. Non aclaran as súas identidades nin explican por que máis centros da orde puideron pasar. Só indican que ″estiveron no colexio en distintos momentos de aquela época″.

A orde relixiosa asegura que os catro sospeitosos de abusar destes menores "xa faleceron"

Na información recompilada polo xornalista Íñigo Domínguez en El País sinálanse catro nomes de relixiosos sospeitosos de ter cometido abusos: o director do colexio El Pilar de Vigo entre os anos 1964 e 1969, Agustín Antón del Cueto, que era coñecido como o irmán Pablo e apodado El Cerilla (polas súa aparencia física); o irmán Miguel, unha figura recoñecida na cidade por ser un dos cofundadores do Club Vigo de voleibol; o irmán Luis, ao que chamaban El Chosco; e o irmán Castañón.

″A protección da infancia é para nós unha prioridade e poñémonos ao dispor de quen teña sufrido calquera tipo de maltrato ou abuso. Para iso contamos cun correo específico do Equipo de Protección á Infancia, contigo@maristascompostela.org, onde atendemos calquera denuncia actual ou do pasado, incluso de forma anónima″, salienta o comunicado dos maristas, que apunta que o Instituto Marista ″activou″ en 2011 ″políticas e protocolos de protección ao menor″.

"A existencia de vítimas é un recordo permanente de que lles fallamos no pasado", din os maristas

″A existencia de vítimas é un recordo permanente de que lles fallamos no pasado. Condenamos calquera tipo de situación de maltrato ou abuso e traballamos día a día para que non volvan producirse con políticas, protocolos, equipos e persoas expertas en protección do menor para que os nosos colexios sexan contornas seguras″, asegura a Provincia Marista Compostela no seu comunicado, que non aparece na súa páxina web nin resulta mencionado nas redes sociais vinculadas ao colexio El Pilar de Vigo.

Patio exterior do colexio maristas El Pilar de Vigo © Maristas de Vigo

Non é a primeira vez que se coñecen casos de abusos a menores no colexio dos maristas El Pilar de Vigo, pois no ano 2010 o relixioso Fernando Vecino resultou condenado a dous anos de cárcere por un delito de abusos sexuais a unha menor de 10 anos de idade e por un delito de abusos continuados a outra nena de 11 anos, ás que tivo que indemnizar con 14.000 euros. O xuízo non chegou a celebrarse xa que Fernando Vecino recoñeceu os feitos e as partes chegaron a un acordo. Os maristas só censuraron estes feitos unha vez houbo sentenza e, mentres se producía a instrución do caso, realizaron unha homenaxe a este relixioso polo seu ″servizo″ ao Señor.

Non é o primeiro caso no colexio vigués, que xa viu como un dos seus profesores resultaba condenado por abusos sexuais, nin o primeiro da orde relixiosa

Ademais, a orde relixiosa dos maristas protagonizou un dos maiores casos de pederastia dentro da igrexa despois das denuncias de varios ex alumnos dun dos seus colexios en Catalunya. Os abusos denunciados neste caso tamén comezaron nos anos sesenta e estaban prescritos xudicialmente, pero a finais do ano pasado os Maristas de Catalunya comunicaron que indemnizarían aos 25 ex alumnos denunciantes con 400.000 euros. O pasado mes de abril, o Congreso aprobou por maioría a lei de protección á infancia e á adolescencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.