Condenado a doce anos de prisión o antigo frade do Cebreiro por abusar de dous menores

O frade do Cebreiro, captado por cámaras da TVG durante o xuízo © CRTVG

Doce anos de cárcere por dous delitos de abuso sexual e outro delito continuado de utilización de menor para elaboración de material pornográfico. É a condena que a sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo impuxo a José Q.A., o home que durante anos foi coñecido como "o frade do Cebreiro", o relixioso encargado do pequeno santuario da emblemática aldea da montaña lucense, a primeira que atopan os peregrinos do Camiño de Santiago cando entran en Galicia polo Camiño Francés.

Os maxistrados do tribunal consideraron probado que entre 2014 e 2015 o antigo frade abusou sexualmente de dous menores de idade, unha rapaz e unha rapaza, ambos con problemas cognitivos. Concretamente, segundo a sentenza, a menor de 16 anos tiña "un coeficiente próximo a unha capacidade intelectual límite" mentres que o outro agredido, o seu curmán de 20 anos, padecía "unha discapacidade intelectual leve que lle impide posuír xuízo crítico".

Os maxistrados da Audiencia lucense consideraron probado que entre 2014 e 2015 o antigo frade abusou sexualmente de dous menores de idade, unha rapaz e unha rapaza, ambos con problemas cognitivos

Segundo a Audiencia lucense, o condenado fixo valer a  "situación de superioridade manifesta" da que gozaba pola súa "condición de relixioso" para "gañar aos poucos" a confianza da menor. Aproveitouse, considera a Sala, da "precaria situación persoal, familiar e económica" da moza, coa que "estableceu contacto" vía Facebook ata que conseguiu que se trasladase con el a unha vivenda da súa propiedade na provincia de Ourense que, teoricamente, lle ía axudar a limpar.

Os feitos probados da sentenza especifican que tras "levar á menor en varias ocasións" a esa casa, pediu que "buscase unha terceira persoa" para "manter relacións sexuais os tres xuntos". Esa terceira persoa, di a sentenza, foi o curmán da rapaza, ao que o frade fixo tocamentos por todo o corpo" e tentou penetrar, sinala o ditame.

Por estes e outros feitos a Audiencia impón ao antigo frade do Cebreiro a devandita condena de doce anos de prisión -a Fiscalía solicitaba inicialmente dezasete- por dous delitos de abuso sexual, "un deles continuado, con prevalimento e acceso carnal" e outro delito continuado de utilización de menor para elaboración de material pornográfico. Adicionalmente, foi condenado a dez anos de liberdade vixiada e non poderá comunicarse cunha das vítimas durante doce anos e coa outra, durante tres.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.