Sandra Garrido salientou a "forza da sociedade civil organizada" para parar o xenocidio en Gaza e instou as administracións a seguir este mandato
Sandra Garrido e Manu López, os dous galegos integrantes da flotilla Global Sumud que se dirixiu a Gaza con axuda humanitaria e foi detida por Israel en augas internacionais, foron recibidos este xoves no Concello de Santiago. Na recepción participou a alcaldesa Goretti Sanmartín e varios integrantes da corporación municipal, representantes de todos os grupos agás do Partido Popular.
No acto Goretti Sanmartín agradeceu a ambos os dous a "dignidade coa que representan o pobo galego" e chamou a “berrar que xa abonda” para poñer fin a actual “situación de total inhumanidade” que sofre Palestina. “Non podemos seguir vendo polos medios de comunicación como están asasinando crianzas, asasinando palestinos e palestinas un día si e outro tamén. Isto ten que ser un antes e un despois", engadiu a rexedora.

Manu López destacou a “sensación agridoce” que lle provoca ver, dunha banda, “como as rúas están empezando a exercer os seus dereitos e obrigas como cidadáns e seres humanos”, e doutra, como “continúan asasinando cada día en Palestina”
Pola súa banda, Sandra Garrido salientou a "forza da sociedade civil organizada" para parar o xenocidio en Gaza e instou as administracións a seguir este mandato. “Para nós vir ao Concello de Santiago non é un acto protocolario. É un acto que tiñamos que facer de devolución de todo o apoio que sentimos”, asegurou.
Mentres, Manu López destacou a “sensación agridoce” que lle provoca ver, dunha banda, “como as rúas están empezando a exercer os seus dereitos e obrigas como cidadáns e seres humanos”, e doutra, como “continúan asasinando cada día en Palestina”. López concluíu que “temos unha oportunidade histórica" de frear o xenocidio e que "debemos ser capaces de utilizala”.
Na recepción participaron varios integrantes da corporación municipal, representantes de todos os grupos agás do Partido Popular
Na recepción participaron xunto coa alcaldesa, a portavoz municipal, Míriam Louzao; a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas; o portavoz, do grupo socialista Sindo Guinarte; e os concelleiros non adscritos Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños. Tamén asistiron varios representantes do Movemento Global a Gaza-Galiza.
Previamente, os dous activistas ofreceron unha rolda de prensa na Libraría Lila de Lilith, na que tamén participaron representantes de organizacións galegas que forman parte do tecido social e doutros colectivos de solidariedade coa Palestina.

Sandra Garrido integraba a tripulación do Sirius e foi liberada o luns 6 de outubro, xunto con outras integrantes das delegacións do Estado español, tras catro días de detención. A avogada compostelá iniciou unha folga de fame como forma de protesta ante o trato recibido polas autoridades israelís. Chegara xa este mércores pola noite á estación de tren de Compostela, onde foi recibida por medio cento de persoas.
"Mentres se negocia o chamado 'plan de paz', os ataques e asasinatos da poboación palestina non cesan, e o bloqueo e os desprazamentos forzados continúan sendo crimes de guerra e atentados contra os dereitos humanos", destaca
Pola súa banda, Manu López foi o patrón do Meteque, embarcación que tamén formaba parte da Flotilla, asaltada en augas internacionais o pasado 1 de outubro, e foi liberado xunto co primeiro grupo de activistas das delegacións do Estado español o domingo 5.
Nas súas intervencións, Sandra Garrido e Manu López relataron o desenvolvemento da acción humanitaria e o momento do asalto por parte do exército israelí. Garrido describiu como no momento da detención foi obrigada a permanecer durante sete horas de xeonllos e coas mans atadas. Posteriormente foi encarcerada nunha cela de apenas trinta metros cadrados xunto con outros 15 activistas detidos. Permaneceu case dous días sen comer nin beber.

Garrido describiu como no momento da detención foi obrigada a permanecer durante sete horas de xeonllos e coas mans atadas. Posteriormente foi encarcerada nunha cela de apenas trinta metros cadrados xunto con outros 15 activistas detidos
Os dous activistas lembraron que "aínda hai activistas secuestradas nas prisións de Israel" e que na madrugada do martes ao mércores foi asaltada unha segunda flotilla que se dirixía a Gaza. Desde o Movemento Global a Gaza-Galiza denunciouse o asalto en augas internacionais "a barcos que forman parte dunha misión civil, humanitaria e pacífica, así como a detención ilegal das súas tripulacións".
A entidade reitera o seu "compromiso coa misión humanitaria da Flotilla, que procura romper o bloqueo a Gaza e poñer fin ao xenocidio contra o pobo palestino". "Mentres se negocia o chamado 'plan de paz', os ataques e asasinatos da poboación palestina non cesan, e o bloqueo e os desprazamentos forzados continúan sendo crimes de guerra e atentados contra os dereitos humanos", sublíñase.