Na fin da primeira semana deste mes de outubro, o Servizo Galego de Saúde vén de revelar as súas cifras de listas de espera correspondentes ao peche do primeiro semestre deste ano 2025. A Consellería de Sanidade destaca que o Sergas realizou case 1.700 operacións máis entre xaneiro e xuño con respecto ao mesmo período do pasado ano, ata rozar as 110.000, un crecemento do 1,5% que se produciu, ademais, mentres a media de espera experimentaba unha lixeira redución, situándose nos 69,3 días, un aumento de algo máis de dous días respecto a final do pasado ano e un descenso tamén de case dous días se o comparamos con hai un ano, incluíndo en ambos casos no cómputo os datos do hospital privado-concertado Povisa.
Entre algún outro dato destacado, a lixeira suba global da poboación que espera por unha operación cirúrxica na sanidade pública galega ata as 49.223 persoas, case un milleiro máis a respecto de doce meses antes.
Ao ollarmos os tempos medios de demora cirúrxica só unha área sanitaria, destaca o importante incremento experimentado na área de Santiago e O Barbanza, onde a media de espera situouse nos 85,7 días (case tres meses), que supoñen arredor de doce máis que no final de 2024.
A media de espera cirúrxica en Galicia sitúase nos 69,3 días e dispárase na área de Santiago e O Barbanza, onde sobe a 85,7
Concretamente, na área santiaguesa hai case 10.500 persoas agardando por unha intervención cirúrxica, unha cifra superior á de calquera outra área sanitaria de Galicia.
A área santiaguesa sitúase, xunto coa de Vigo, a de Ferrol e a de Lugo, entre o grupo nas que aumenta a media de espera cirúrxica en Galicia, aínda que só na viguesa se supera a media galega, quedando as outras bastante por baixo. Destaca, ademais, o importante descenso experimentado na área ourensá, de oito puntos ata quedar nos 61,5 días, mentres que na da Coruña e Cee descende en 3,5 e queda nos 75.
As áreas pontevedresa, ferrolá e lucense son as únicas que, atendendo aos datos do propio Sergas, estarían por baixo do límite fixado pola lei segundo o cal a sanidade pública debe atender a necesidade dunha operación cirúrxica en menos de 60 días.
En canto ao país no seu conxunto, Galicia continúa sen recuperar os niveis previos á pandemia da COVID, cando se mantivera durante varios trimestres por baixo dos 60 días de espera, afianzando un descenso que se rachou a partir do coronavirus.
No seu balance, o Sergas destaca que neste primeiro semestre do ano realizou 14.244 intervencións de prioridade 1, cun tempo medio de espera de 17,7 días, o que supón 12,3 días por baixo dos 30 de espera marcados pola lei.
Ademais, a porcentaxe de pacientes que superan os seis meses de espera para a realización dunha cirurxía na sanidade pública galega é dun 4,2 % (2.088 pacientes), moi inferior á media do Sistema Nacional de Saúde, segundo destaca Sanidade, cunha porcentaxe do 20,5 % a xuño de 2024.
Por outra banda, o número de intervencións cirúrxicas realizadas en quirófanos robotizados nos primeiros seis meses do ano acadou as 2.024, o que supón 150 máis que no mesmo período do ano anterior e un incremento do 8%.
51.560 consultas hospitalarias máis
Os servizos cirúrxicos con maior actividade son cirurxía xeral e dixestiva (19.573 intervencións), traumatoloxía (16.026) e oftalmoloxía (15.879).
No que atinxe á actividade das consultas médicas nos hospitais do Servizo Galego de Saúde, no primeiro semestre do ano fixéronse 2.600.827, o que supón 51.560 consultas máis que no mesmo período do ano anterior, un incremento do 2 %. Do total destas consultas, 2.304.417 foron presenciais.
O tempo medio de espera para a realización de primeiras consultas hospitalarias situouse en 57,3 días, cunha redución de 14,3 días respecto do mesmo período do ano anterior, e baixando da barreira dos 60 días.