O hospital de Ourense acumula a maior lista de espera de Galicia para consultas e cirurxías

Hospital do Sergas © Ana Varela / Xunta

A Consellería de Sanidade publica a 5 de decembro os datos sobre as listas de espera no Sergas que se corresponden cunha foto fixa do mes de xuño. Confirma así os 72 días que de media ten que esperar unha persoa en Galicia para unha operación e os 71,6 días que hai que agardar de media por unha cita para unha consulta médica nos hospitais do Sergas, unha información que xa se coñecía grazas ao Ministerio de Sanidade, que facilita os datos que lle chegan das comunidades autónomas.

Ourense segue á cabeza cos peores datos de espera de Galicia para unha consulta, un total de 129,2 días ten que agardar unha persoa enferma nesta área sanitaria que inclúe Verín e O Barco de Valdeorras para ter unha consulta médica cun especialista no hospital. Na área de Lugo, A Mariña e Monforte agardan 86,7 días, tamén por enriba da media do país. A área sanitaria máis áxil para as consultas é a da Coruña e Cee, con 45,5 días de espera para unha cita co especialista. En total, cos datos de xuño, hai 220.033 persoas en Galicia agardando por unha consulta hospitalaria

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) acumula a maior lista de espera de todos os hospitais galegos con 141,8 días de agarda media para unha consulta, seguido do Hospital Público da Mariña con 126,4 días de media.

Máis de nove meses agarda de media unha persoa na área de Ourense para unha cita de Rehabilitación, un total de 300,3 días. Para unha consulta en Oftalmoloxía o tempo medio de espera é de 147 días.

Os tempos de espera na área de Lugo - A Mariña - Monforte tamén están disparados con 217,2 días de espera media para consultas de Anestesioloxía e reanimación, 150,8 días para Dermatoloxía, 137,6 para Rehabilitación ou 113 para Neuroloxía.

Precisamente, Neuroloxía é a especialidade para a que máis demora teñen as consultas, pois ten máis de cen días como tempo medio de espera, nas áreas sanitarias da Coruña-Cee (100,5) e Ferrol (100,4).

Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a espera media por unha consulta está por debaixo dos cen días, pero a especialidade que acumula máis demora é tamén Neuroloxía, con 96,9 días de espera media.

Na área sanitaria de Santiago e O Barbanza a maior espera é en Traumatoloxía, con 80,3 días de media e un total de 11.717 persoas agardando. Na área de Vigo a especialidade con maior demora é Psiquiatría, con 111,6 días de media para unha consulta pola que esperan un total de 3.247 persoas, segundo os datos do pasado mes de xuño facilitados polo Sergas.

Máis de dous meses para unha cirurxía

47.288 persoas agardaban en xuño por unha operarción cirúrxica en Galicia, cun tempo medio de espera de 72 días de media, por enriba da legalidade. A área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras continúa liderando a lista con 81,8 días de espera media, seguida de A Coruña - Cee (79,2) e Santiago - Barbanza (76,6).

Un total de 1.725 esperan por unha operación cirúrxica cunha prioridade 1 ditaminada polos profesionais sanitarios, que esixe a máxima celeridade, e fano durante 16,7 días de media en toda Galicia. Outras 12.475 persoas cunha operación de prioridade 2 agardan 70,7 días de media. 

Na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco os pacientes esperan preto de tres meses por unha cirurxía, con 81,8 días de espera media. Na área da Coruña e Cee a espera media é de 79,2. As áreas de Vigo e Pontevedra e O Salnés a espera sitúase nos 69 días de media. Mentres que na de Santiago e O Barbanza son 76,6 de espera media. Baixan a media as áreas de Ferrol (57,8 días) e de Lugo, A Mariña e Monforte (57 días).

De novo, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) acumula a maior demora para cirurxías con 88,9 días como tempo medio de espera, seguido do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), con 80,6 días de media, e mais do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) que ten 77,7 días de espera media para unha operación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.