Profesionais do Sergas de distintas áreas sanitarias confirman a Praza.gal que estes días recibiron ordes de priorizar intervencións ou consultas de doentes con máis dun ano nas listas de espera ou que se lles instou a realizar quendas a maiores da súa xornada para adiantar citas pendentes
“Temos a sensación de que se penaliza aos doentes”, di unha médica do Sergas en conversa con Praza.gal despois de meses comprobando que todos os pacientes que chegan ás intervencións cirúrxicas tras un ano ou máis de espera rexeitaron seren operados na sanidade privada. Isto repercute na súa saúde e complica, en ocasións, a propia cirurxía, pois desde a última valoración médica a situación da persoa puido variar e a operación programada pode non coincidir coa que finalmente é precisa.
Esta profesional sanitaria confirma a Praza.gal que desde a xefatura do servizo hospitalario no que traballa lles trasladaron a comezos desta semana a prioridade de operar a persoas con máis de 300 días esperando fronte a programar outras intervencións que, a priori, son de maior gravidade desde o punto de vista clínico.
“Chéganos xente con 430 ou 380 días agardando para ser operada, hai tantos meses que rexeitaron ir á privada que cando lles preguntamos case nin se lembran. En xeral, a xente é moi boa e case non se queixa, pero isto non é normal. Cada ano foron sacando máis e máis casos da pública, mais a xente non quere operarse na privada porque sabe que se ten calquera complicación vai acabar nas urxencias da pública. Moitos non teñen confianza e queren ter un seguimento xa na pública”, describe esta médica que prefire non aparecer co seu nome nesta información por medo a represalias no Sergas.
A Consellería de Sanidade manifesta que “non houbo ningún cambio na xestión ou prioridades para a realización de intervencións cirúrxicas ou probas de imaxe”
Segundo a información obtida por Praza.gal, desde a xerencia da área sanitaria de Vigo instouse a semana pasada a persoal sanitario do Hospital Álvaro Cunqueiro a que faga as peonadas –traballo fóra da xornada– necesarias para sacar das listas de espera a pacientes que levan moitos meses, tanto no caso de probas de imaxe como no de consultas. Esta práctica, confirmaron fontes coñecedoras a este xornal, está a ser xeralizada no conxunto das áreas sanitarias galegas.
Interpelada por este xornal, a Consellería de Sanidade manifesta que “non houbo ningún cambio na xestión ou prioridades para a realización de intervencións cirúrxicas ou probas de imaxe”. Así, na súa resposta limítase a repetir os últimos datos publicados sobre listas de espera no Sergas: “A sanidade pública galega ten a segunda menor espera media de España para unha intervención cirúrxica (66 días, mentres que a media estatal é de 112). O sistema sanitario público tamén presenta por primeira vez os segundos mellores datos no que respecta ás esperas de máis de seis meses para cirurxías, descendendo ata o 3,4% dos casos, moi lonxe dos 17,4% que presenta a media nacional”.
"Os pacientes da lista non estrutural son os que deciden defender o seu dereito a ser intervidos, consultados ou que a súa proba se lles faga no ámbito da sanidade pública", di o secretario nacional da CIG-Saúde
Porén, Manuel González Moreira, secretario nacional da CIG-Saúde, sindicato maioritario na sanidade pública galega, afirma que “as listas de espera que publica o Sergas non responden á realidade dos doentes que están agardando por intervencións cirúrxicas, exploracións complementarias ou consultas diagnósticas. Son as listas que o Sergas quere publicar, que pertencen a pacientes en espera estrutural”.
O Real Decreto 605/2003, polo que se establecen medidas para o tratamento homoxéneo da información sobre as listas de espera no Sistema Nacional de Saúde di que os pacientes en espera estrutural son aqueles que, nun momento dado, atópanse en situación de ser intervidos cirurxicamente e cuxa espera é atribuíble á organización e recursos dispoñibles.
Quen está nesa lista “non estrutural”, segundo este Real decreto, son aqueles pacientes pendentes dunha intervención cirúrxica, cuxa espera é motivada pola libre elección do cidadán. “Os pacientes da lista non estrutural son os que deciden defender o seu dereito a ser intervidos, consultados ou que a súa proba se lles faga no ámbito da sanidade pública. E eses pacientes son penalizados. Como non sabemos o número de doentes nesta listaxe, non coñecemos as listas de espera reais do Sergas”, asegura Moreira.
"Non se me ofrece ir a outro centro do Sergas distinto ao que me corresponde, só a unha clínica privada", di Eliana Martins, pendente dunha operación no Sergas, que rexeitou ir á privada
Eliana Martins conta a Praza.gal como foi a chamada que recibiu do Sergas cando levaba 14 días en lista de espera para unha operación da área de Traumatoloxía: “Sentín que non se me estaba respectando o meu dereito de escolla da sanidade pública”, defende a paciente. No seu caso, a lei de saúde indica segundo a prioridade que esta clase de operación se debe realizar no prazo duns 90 días. Ela rexeitou a proposta do Sergas para operarse na privada tras dúas semanas na lista polas súas conviccións. “Iso significa que vas ter que esperar máis dun ano”, respondeu a persoa do Sergas ao outro lado do teléfono.
Agora van seis meses, pero non figuran en ningures porque a súa operación aparece como resolta en 14 días –cando rexeitou ir á privada e pasou á lista de espera non estrutural– no seu expediente en E-Saúde. “A parte máis indignante é que non teño dereito a saber nada sobre o que vai pasar coa miña operación. Non se me ofrece ir a outro centro do Sergas distinto ao que me corresponde, só a unha clínica privada. Rexeitei eu a caso ser operada?”, critica Martins, que se considera unha privilexiada por poder pagarse as visitas semanais a unha fisioterapeuta que a están a axudar a seguir –na medida do posible– coa súa vida persoal e laboral mentres non pode pasar polo quirófano.
"O tempo importante para a saúde dos pacientes é o da duración de todo o proceso ata que teñen unha resposta clínica", di Manuel G. Moreira
Por outra banda, nos últimos tempos o Sergas incorporou unha nova figura que entra en xogo á hora de tratar de calcular as listas de espera reais: a ‘caixa de correo á espera de cita’, unha especie de ‘limbo’ no que permanecen as citas para consultas ou probas diagnósticas que non se asignan no momento no que a persoa as solicita por primeira vez. “A súa cita queda no buzón, xa a chamaremos”, repite o persoal administrativo dos hospitais.
O tempo, neste caso, non comeza a contar ata que a persoa recibe esa chamada e se inscribe nunha das listas de espera que hai. “Se a ese paciente se lle ofrece ser atendido na sanidade privada e o rexeita, pasa directamente á lista non estrutural. Entón, desaparece da conta do Sergas; aínda que se pasa á lista estrutural tampouco sabemos cal é o tempo real de espera que ten”, explica o representante da CIG-Saúde.
Ademais, cando o Sergas fai públicos os seus datos sobre listas de espera fala de “tempos medios de espera” e “dá a entender –segundo detalla Moreira– que ese é o tempo que tarda en que se faga unha proba, unha operación ou se realice unha consulta”. Pero o Real decreto xa citado indica que esta medición corresponde a un momento concreto, mirando o tempo cara a atrás que leva esperando un doente, non o tempo completo de espera ata que se resolve o motivo polo que agarda. “O tempo importante para a saúde dos pacientes é o da duración de todo o proceso ata que teñen unha resposta clínica”, asevera o secretario nacional da CIG-Saúde e médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria.
A Consellería de Sanidade contestou a todas as reclamacións interpostas por Eliana Martins desde que a súa operación aparece como resolta no seu historial do Sergas, pero non explica por que considera que a carestía de medios propios para levar a cabo esta intervención cirúrxica non é un problema estrutural. “Seguirei insistindo para saber cantas persoas estamos nesas listas de espera non estruturais en Galicia”, incide a paciente.
A Valedora do Pobo xa trasladou hai un ano, a partir das queixas sobre o Sergas recibidas na institución, que as cifras medias nas que se basean as listas de espera oficiais da sanidade pública galega non transmiten a realidade de determinados casos e que existen algúns que fican fóra dos rexistros oficiais.
“Cando ao Sergas lle interesa dar a imaxe de que os tempos medios de espera se reducen, o que fai é aumentar as peonadas –quendas de traballo a maiores da xornada ordinaria– ou a derivación á privada. Neste último caso, incrementa as chamadas aos pacientes que están en espera ofrecéndolles facer unha proba ou unha intervención na sanidade privada e, como un alto porcentaxe as rexeita, esa xente desaparece das listas sen que o Sergas teña feito nada máis que chamala por teléfono. Así se maquillan de maneira descarada as listas de espera en Galicia”, salienta Manuel González Moreira.