A demora cirúrxica caeu no primeiro semestre do ano ata os 66 días, aínda lonxe dos 54 días do mínimo histórico que chegou a haber xusto antes da pandemia, segundo datos que vén de divulgar o Ministerio de Sanidade e que a Xunta mantén ocultos
A espera media en Galicia a 30 de xuño deste ano por unha operación cirúrxica situábase en 66 días, 41 días menos que no peor da pandemia pero aínda 12 días máis que o mínimo histórico rexistrado xusto antes da chegada da COVID-19 ao país. Nesa mesma data, a espera media por unha consulta especializada era similar, de 63 días, apenas 3 días menos que no peor da pandemia e que no semestre anterior de finais de 2022.
Este balance correspondente ao primeiro semestre deste ano vén de coñecerse ao facer públicos este venres o Ministerio de Sanidade os datos de espera de todas as comunidades autónomas, logo de que a Consellería de Sanidade veña evitando desde hai varios semestres facelo ela antes.
En 2014 o Sergas deixou de facer públicos os seus datos trimestralmente, como viña facendo desde había anos, e pasou a facelo só semestralmente, eliminando así as cifras intermedias do primeiro e o terceiro trimestre de cada ano, este último o que tradicionalmente presentaba peores datos por coincidir co verán. E agora o Sergas xa só fai públicos os datos unha vez que o ministerio desvela os de todas as comunidades, para así poder dicir que hai outras con peores cifras que Galicia.
Desta volta, de feito, tras divulgar os datos o ministerio o venres, o Sergas limitouse este sábado a facer pública unha nota de prensa advertindo deles e sinalando que "Galicia sitúase como a segundacomunidade autónoma con mellores datos de listas de agarda para cirurxías", pero sen publicar aínda os seus propios datos máis detallados por hospitais e áreas sanitarias.
O 36% das citas para consultas especializadas superan os 60 días de espera, e a media está en 63, similar aos 66 días de finais do pasado ano e do peor momento da pandemia
Á espera de que o Sergas detalle os seus datos, o resumo que fai o ministerio das cifras que lle facilitou a Xunta permite comprobar que no primeiro semestre deste ano logrouse unha importante rebaixa da espera cirúrxica a respecto do último semestre do ano pasado. Porén, os 66 días de espera media aínda están lonxe do obxectivo declarado pola propia Xunta para este ano, no que aspira a rebaixar a cifra ao nivel previo á pandemia, duns 55 días.
Canto a demora por unha consulta especializada, situouse no primeiro semestre deste ano nunha media de 63 días, apenas 3 días menos que os 66 de espera rexistrados tanto a finais do pasado ano como no peor da pandemia. Porén esa é a media, porque os datos tamén reflicten que o 36% das citas superan os 60 días.
As cifras agora feitas públicas polo ministerio tamén permiten saber que en Galicia a 30 de xuño había un total de 47.046 persoas agardando por unha operación, o que supón que case dous de cada cen galegos estaba á espera. Canto á comparación co resto do Estado, Galicia presenta unha taxa 17,93 casos por mil habitantes, na media estatal de 17,55. Cantabria, cunha taxa de 28 por mil habitantes e Madrid ou Melilla, con arredor de 9 por mil habitantes, sitúanse nos extremos.
Por outra banda, estas son cifras medias, pero a Valedora do Pobo vén deixando constancia en sucesivos expedientes que hai casos con demoras significativas que non estarían rexistrados nos datos divulgados pola Xunta. Tamén vén poñendo o foco en lugares e servizos concretos, como o servizo de traumatoloxía na Mariña, con consultas que tardan o triplo que a media galega e mesmo triaxes que non se cumpren.
O pasado setembro Praza.gal publicou como o Sergas deu por cumpridos o 83% dos seus obxectivos en 2022, pero oculta o xeito en que obtén esa cifra.