“Que o doente non demande asistencia de urxencia non pode ser un factor negativo”, di a Valedora, que censura que a Xunta non informe da posibilidade de ir á privada a quen supere o prazo fixado na pública
A Valedora do Pobo vén facendo públicas desde hai tempo sucesivas resolucións que desmontan as listas de espera oficiais do Sergas, ao revelar casos de operacións ou probas con tempos de espera moi superiores aos fixados polos profesionais sanitarios que as prescribiron e que desbordan os rexistros oficiais. E así o volve facer agora ao revelar un caso dun doente que cando recorreu a ela xa levaba máis dun ano agardando por unha operación que debía realizarse en tres meses.
Cando a Valedora preguntou polo caso o Sergas respondeulle minimizando a demora porque durante ese tempo o doente non tivera que acudir a urxencias, ao que a defensora do pobo respondeu que iso non podía xustificar o atraso. Tamén censurou que a Xunta non informe directamente aos doentes da posibilidade que teñen de ir á privada cando o Sergas supera o prazo aconsellado polos seus propios profesionais sanitarios.
Segundo o agora feito público pola Valedora o cidadán afectado fora incluído na lista de espera cirúrxica en decembro de 2020 para unha intervención considerada de prioridade II, cun tempo estimado de arredor de 90 días e “cun prazo máximo estipulado” de 180 días. Pero máis dun ano despois aínda non fora operado e en xaneiro de 2021 presentou unha queixa ante a Valedora, que pediu explicacións ao Sergas.
A Valedora lembra que son os profesionais sanitarios os que establecen a prioridade das intervencións
A resposta do Sergas confirmou os datos facilitados polo doente e escusouse na demora acumulada pola pandemia da COVID-19. Pero engadía unha consideración máis: “Neste caso non constan atencións no Servizo de Urxencias (nin en atención hospitalaria, nin en PAC), nin tratamento analxésico prescrito ou crónico no momento actual”.
Ante esa frase a Valedora di que “o nivel de prioridade da intervención establécese en función de criterios clínicos funcionais e sociais do doente e son os profesionais especialistas na materia os que o establecen de xeito que, que o doente non demande asistencia nos servizos de urxencia non pode ser un factor negativo á hora da programación da súa intervención”.
A Valedora tamén lembra que “no caso de que non sexa posible a programación da intervención cirúrxica sinalada nun prazo razoable no marco do Sergas, tendo en conta o que acabamos de ver, o axeitado será informar ao doente do seu dereito a optar pola realización da intervención nun centro sanitario privado”.
Por iso, a Valedora concluíu a súa intervención no caso reiterando a súa xa vella recomendación de que o Sergas adopte “as medidas necesarias tanto a nivel organizativo como a nivel de recursos humanos e materiais que permitan garantir os prazos máximos establecidos para os diferentes niveis de priorización que os profesionais sanitarios asignan a cada intervención cirúrxica”. E engadiu outra recomendación para que “cando o Sergas prevea que non resulta factible a realización dunha intervención cirúrxica no prazo aconsellado polos profesionais sanitarios que a indicaron, se informe ao doente da posibilidade de solicitar a asistencia sanitaria requirida nun centro privado”, indicándolle o procedemento e os requisitos necesarios.