A Valedora do Pobo fai públicas varias queixas nas que censura a "diferenza no acceso á asistencia sanitaria" no hospital de Burela e pide ao Sergas que non demore as consultas "sine die" e respecte os tempos previstos nas urxencias
A Valedora do Pobo vén de facer públicas as súas xestións ante a Xunta tras media ducia de queixas recibidas nos últimos meses que teñen un denominador común: demoras na atención sanitaria dos servizos de traumatoloxía do Hospital da Mariña, en Burela. Os expedientes agora divulgados permiten comprobar atrasos en consultas e probas moi superiores ao resto de Galicia e aos tempos medios de espera que o propio Sergas admite para ese hospital, no que tamén se constata o incumprimento dos tempos recomendados de atención -a denominada triaxe- para un caso atendido en urxencias que acabou sendo trasladado en ambulancia privada a outro centro.
Os propios datos oficiais das listas de espera que o Sergas fai públicos cada medio ano veñen reflectindo que as demoras para unha consulta no servizo de traumatoloxía do Hospital da Mariña ou para probas directamente relacionadas con ese tipo de atención sanitaria, como as ecografías musculoesqueléticas, son moi superiores ás do resto de Galicia.
A chegada da COVID-19 a Galicia a comezos de 2020 implicou que as esperas se disparasen en todas as áreas sanitarias e servizos, pero mentres noutros lugares e especialidades a situación foi normalizándose, no Hospital da Mariña non ocorreu o mesmo. De feito, os datos oficiais amosan que é precisamente ese centro o que fai dispararse a media de espera en traumatoloxía de toda a área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte, na que o hospital principal, o Lucus Augusti (HULA) da capital provincial, presenta unhas cifras semellantes á media galega.
A espera media oficial por unha consulta de traumatoloxía en Burela é de arredor de 180 días, pero a Valedora constata casos de 447, 389, 374 ou 272 días
As queixas sobre traumatoloxía na Mariña agora divulgadas pola Valedora, salientando en todas elas que non son as primeiras relacionadas "cos atrasos deste servizo en concreto", achegan cifras e circunstancias concretas ás medias xerais oficiais divulgadas pola Xunta. Así, se a metade do pasado ano a espera media oficial por unha consulta de traumatoloxía en Burela era de 182,9 días, a Valedora, como xa fixo no pasado noutros lugares, constata casos nos que, cando a Xunta deu resposta ás súas queixas, sen citar aínda formalmente ás persoas afectadas, os e as doentes xa levaban agardando 447 días, 389 días, 374 días ou 272 días.
E o mesmo sucede cunha proba ligada ao servizo de traumatoloxía como a ecografía musculoesquelética, cunha espera media de 320,5 días a metade do pasado ano en Burela -en decembro aumentou a 386 días- que a Valedora contrapón cos 93 días que se agardaban no HULA ou os 51 días do Hospital de Monforte. "Dedúcese dos datos publicados por esa Consellería que hai unha importante diferenza no acceso á asistencia sanitaria, especificamente nalgúns servizos entre os hospitais dunha mesma área sanitaria", lamenta a Valedora.
Como se constata nalgún dos casos analizados pola Valedora, e se pode comprobar coas listas de espera oficiais de Sanidade, o atasco en traumatoloxía da Mariña non é tanto no eido das cirurxías, que o Sergas pode desviar a hospitais privados concertados, como nos diagnósticos e as decisións dos tratamentos, que seguen sendo responsabilidade do persoal público.
A Valedora reclama "que se establezan mecanismos para axilizar as consultas de traumatoloxía e radioloxía pendentes"
Nas súas explicacións á Valedora a Consellería de Sanidade argumenta que as queixas recibidas non se refiren a casos prioritarios ou cuxos tempos de espera teñan límites legais. Pero a Valedora di sobre cada atención sanitaria pendente que "iso non quere dicir que poida demorarse sine die, senón que debe producirse dentro dun tempo que poida entenderse razoable no marco do proceso asistencial en cuestión". Así que a súa petición común en todos os casos á Xunta é "que se establezan mecanismos para axilizar as consultas de traumatoloxía e radioloxía pendentes".
A Valedora revela o caso dunha muller con fractura de cadeira que debía ser atendida nun tempo máximo de 60 minutos e cuxo "primeiro contacto cun facultativo" foi "tres horas despois", sen recibir mentres analxesia nin ser reavaliada
Pero entre as queixas agora divulgadas pola Valedora hai unha que reflicte que os problemas en traumatoloxía no Hospital da Mariña van máis alá das consultas e as probas diagnósticas e afectan mesmo ás Urxencias. O expediente en cuestión reflicte como unha muller de 87 anos chegou en ambulancia ao hospital cunha fractura de cadeira figurando a súa entrada ás 13.07 horas e a súa valoración en triaxe entre as 13.35 e as 13.42 horas, "séndolle adxudicado un nivel de prioridade amarelo", o que debía implicar a súa atención nun tempo máximo de 60 minutos.
Porén, como confirma o Sergas á Valedora, "o primeiro contacto cun facultativo produciuse ás 16.30 horas, é dicir, tres horas despois de que figurase como unha paciente de prioridade amarela". Ademais, constata a Valedora, "non consta que ao longo deste tempo se lle subministrase á paciente analxesia algunha, nin oral nin por outras vías", malia as súas queixas reiteradas e as dos seus familiares. A muller acabou pedindo unha ambulancia privada para o seu traslado a outro hospital.
A Valedora salienta na súa análise do caso que "os sistemas de triaxe, segundo as sociedades científicas implicadas na materia, implantáronse para manexar adecuadamente e con seguridade os fluxos de doentes cando a demanda e as necesidades clínicas superan os recursos sanitarios dispoñibles". "É dicir", engade, "os sistemas de triaxe están, precisamente, para priorizar a atención en casos de fluxo importante de pacientes".
Por iso, a Valedora conclúe pedindo á Xunta "que se respecten na medida do posible os tempos de atención asignados á prioridade dos doentes nos servizos de urxencias de xeito que a priorización realizada redunde nunha mellora da calidade asistencial deste tipo de enfermos". Tamén reclama que "naquelas situacións nas que se produza unha demora de tempo respecto á prioridade adxudicada, se reavalíe á persoa ingresada e se lle informe, a ela e a quen a acompañen, do tempo aproximado de espera".