Malia reclamalo a Valedora do Pobo, Sanidade esconde as avaliacións oficiais dos acordos de xestión que cada ano asina coas súas propias áreas sanitarias e só admite que Santiago é a peor en obxectivos sanitarios, Ourense nos económicos e A Coruña en recursos humanos
O Sergas asegura que en 2022 as súas sete áreas sanitarias cumpriron arredor do 83% dos obxectivos aos que se comprometeran, coa área de Santiago como a que peores indicadores acadou no eido da asistencia sanitaria, a da Coruña no dos recursos humanos e a de Ourense no ámbito dos recursos económicos. Así o reflicte a Consellería de Sanidade nunha resposta oficial a unha petición de transparencia formulada hai máis de sete meses por Praza.gal na que, ao contrario do que lle reclamou a Valedora do Pobo, esconde o xeito en que obtén esas cifras.
Hai anos que a Xunta vén dando publicidade á sinatura de acordos consigo mesma no eido sanitario, os denominados acordos de xestión cos que cada ano as súas sete áreas sanitarias comprometen coa Consellería de Sanidade diversos obxectivos en materia de asistencia sanitaria, tempos, calidade, recursos humanos ou aforro. Uns acordos que establecen a obriga de facer avaliacións trimestrais dos mesmos e que contemplan ducias de indicadores para ese fin.
O pasado xaneiro este diario formulou unha petición oficial de transparencia para ter "acceso ás avaliacións trimestrais previstas" dos acordos de xestión de 2022. E agora, tras máis de sete meses de silencio, negativas e recursos, e logo de que a Valedora do Pobo instase a Sanidade a responder, a consellería vén de facilitar só unhas poucas cifras globais, sen ningún documento que as respalde e permita comprobar a veracidade das mesmas.
As ducias de indicadores previstos para avaliar o grao de cumprimento de cada área sanitaria son reducidos por Sanidade a unha única cifra final sen xustificación documental
As ducias de indicadores coas que debían ser avaliados os acordos de xestión englobábanse en tres grandes áreas: asistencia sanitaria, valorada con un máximo de 60 puntos, e recursos humanos e recursos económicos, cada unha cun máximo de 20 puntos, de xeito que o total da valoración acadase os 100 puntos. E o que agora asegura o Sergas -sen máis detalles e convertendo os puntos en porcentaxe, o que empeoraría aínda máis os resultados- é que os obxectivos de asistencia sanitaria foron cumpridos nun rango de entre os 51,81 puntos en Santiago e os 57,36 en Vigo.
Canto aos obxectivos no eido dos recursos humanos, segundo o Sergas a peor área foi a da Coruña, con 15,80 puntos sobre 20, o que suporía incumprir unha quinta parte dos obxectivos. E canto aos recursos económicos, eido tamén valorado cun máximo de 20 puntos, a área de Ourense obtivo só 6,3, o que supón que apenas cumpriu algo máis dunha cuarta parte dos obxectivos.
Durante o longo proceso de transparencia para obter esta resposta incompleta a Xunta chegou a argumentar que as avaliacións dos acordos de xestión tiñan, ao seu ver, a consideración de "documentos internos" que non entrarían baixo o amparo da Lei de Transparencia. Porén, ese argumento foi desbotado pola Valedora do Pobo, que considera que esas avaliacións "non poden ter esa consideración" de documentos internos "xa que serven para comprobar o seu grao de cumprimento".
Declaracións de Rueda ou datos parciais do Sergas permiten saber que se incumpriron algunhas das varias ducias de obxectivos parciais fixados, como a espera cirúrxica ou a demora para citas en atención primaria, pero a análise global segue sen coñecerse
Á espera de poder obter o detalle do grao de cumprimento de cada indicador e non só o global agora facilitado pola Xunta, o incumprimento dalgún deles xa se puido constatar con declaracións ou datos puntuais facilitados polo Goberno galego. Así, os tempos medios de espera por operacións cirúrxicas comprometidos nos acordos de xestión foron incumpridos en 2022 por todas as áreas agás a de Pontevedra. Ademais, declaracións do propio presidente da Xunta permitiron comprobar tamén que non se cumpriu outro dos obxectivo dos acordos de xestión, o de que o 90% das citas para atención primaria se dean en menos de catro días. Pero os acordos de xestión inclúen moitos outros obxectivos concretos de cuxo grao de cumprimento a Xunta nunca deu conta.