Sanidade aínda ten pendente a avaliación do grao de cumprimento no pasado ano dos acordos de xestión cos que cada exercicio fixa obxectivos ás súas sete áreas sanitarias
Hai anos que a Xunta vén dando publicidade á sinatura de acordos consigo mesma, os denominados "acordos de xestión" entre a Consellería de Sanidade e as súas sete áreas sanitarias cos que a primeira fixa ás segundas obxectivos concretos en materia de asistencia sanitaria, tempos ou calidade. Tras anos de ocultación do grao de cumprimento deses acordos, a comezos deste ano a Valedora do Pobo instou o Goberno galego, tras unha petición de transparencia de Praza.gal, a facer públicos os resultados. Porén, medio ano despois de rematado o último exercicio a avaliar, o 2022, Sanidade segue sen dispoñer desa avaliación, segundo ela mesma afirma.
Os acordos de xestión que Sanidade asina coas súas sete áreas sanitarias establecen a obriga de facer avaliacións trimestrais do grao de cumprimento dos mesmos. En xaneiro este diario formulou unha petición oficial de transparencia para acceder a esas avaliacións, pero a Xunta non contestou. A Valedora do Pobo, responsable da Comisión da Transparencia de Galicia, atendeu o recurso de Praza.gal e instou á Xunta a responder, ante o que Sanidade argumentou que esas avaliacións tiñan, ao seu ver, a consideración de "documentos internos" que non entrarían baixo o amparo da Lei de Transparencia.
A argumentación da Xunta foi desbotada pola Valedora, que considera que os informes sobre os acordos de xestión reclamados por este diario “non poden ter esa consideración” de documentos internos “xa que serven para comprobar o seu grao de cumprimento”. Así que a finais de marzo a Valedora instou a Sanidade a que entregase a información demandada. Pero Sanidade seguiu demorando a cuestión.
A Valedora do Pobo rexeitou o argumento da Xunta de que as avaliacións do grao de cumprimento dos acordos de xestión fosen "documentos internos" e instouna a facelas públicas, pero medio ano despois aínda están pendentes as do último exercicio
Con data do 14 de abril, tres meses e medio despois do remate de 2022, a vicexerente do Sergas, María del Carmen Balboa Salgado, comunicou a este diario que a avaliación solicitada aínda non estaba rematada. Segundo dicía, "o resultado final provisional da avaliación formal prevista nos acordos de xestión, que serve para comprobar o seu grao de cumprimento" fora entregado ás sete áreas sanitarias para que alegasen o que considerasen oportuno o 1 de febreiro, pero dous meses e medio despois aínda non se resolveran esas alegacións. Malia que a petición de transparencia formulada por Praza.gal, amparada pola Valedora, reclamaba as catro avaliacións trimestrais que se deberon facer en 2022, a resposta do Sergas apuntaba a un único proceso anual de consultas e alegacións entre os servizos centrais e as áreas sanitarias.
Segundo a resposta oficial do Sergas, "no momento en que se resolvan" as alegacións das áreas sanitarias e estivese rematado "o resultado final da avaliación formal do grao de cumprimento", este sería facilitado a Praza.gal. Esa resposta oficial foi emitida o 14 de abril, e ante a falta de novidades o 1 de xuño este diario presentou unha instancia solicitando as avaliacións dos acordos de xestión de 2022 se o Sergas xa dispón delas, como se comprometera a facer "no momento en que se resolvan". Pero iso segue sen ocorrer medio ano despois de rematado o ano a avaliar.
Declaracións de Rueda ou datos parciais do Sergas permiten saber que se incumpriron algunhas das varias ducias de obxectivos fixados, como a espera cirúrxica ou a demora para citas en atención primaria, pero a análise global segue sen coñecerse
Que as áreas sanitarias incumpren os seus acordos de xestión sábese grazas a declaracións ou informacións parciais da propia Xunta. Os acordos inclúen ducias de obxectivos concretos con indicadores numéricos para comprobar a súa execución, e algúns deles, poucos, vainos facilitando o propio Goberno galego, como os tempos medios de espera por operacións cirúrxicas, incumpridos en 2022 por todas as áreas agás a de Pontevedra.
Declaracións do propio presidente da Xunta permitiron comprobar tamén que non se cumpriu outro dos obxectivo dos acordos de xestión, o de que o 90% das citas para atención primaria se dean en menos de catro días. Pero os acordos de xestión inclúen moitos outros obxectivos concretos de cuxo grao de cumprimento a Xunta nunca deu conta.