Sanidade publicita os “acordos de xestión” con obxectivos concretos que asina coas súas sete áreas sanitarias pero di que as avaliacións formais do seu grao de cumprimento “son documentos internos”
A Consellería de Sanidade vén asinando cada ano, en actos públicos aos que convoca aos medios de comunicación, o que denomina “acordos de xestión” con cada unha das sete áreas sanitarias galegas. Son acordos da Xunta consigo mesma a través de documentos que fixan uns obxectivos concretos de asistencia sanitaria, tempos ou calidade a cumprir por cada área en función das súas circunstancias, con indicadores numéricos que permitan comprobar a súa execución.
Porén, o Goberno galego non quere que se coñeza o grao de cumprimento deses obxectivos. En resposta oficial a unha petición ao amparo da Lei de Transparencia, di que as avaliacións que fai dos mesmos “son documentos internos” que rexeita facer públicos.
Algúns dos obxectivos que o Sergas vén fixando cada ano ás súas áreas sanitarias nos acordos de xestión que asina con elas son facilmente comprobables con outras informacións que a propia Xunta fai públicas, como os tempos medios de espera por operación cirúrxicas que divulga dúas veces ao ano. Iso permitiu a Praza.gal constatar diversos incumprimentos nos acordos de xestión do pasado 2022, como que todas as áreas agás a de Pontevedra incumpriron os seus obxectivos de espera cirúrxica. Mesmo declaracións do propio presidente da Xunta permitiron comprobar que non se cumpriu o obxectivo dos acordos de xestión de que o 90% das citas para atención primaria se dean en menos de catro días.
Pero entre os obxectivos dos acordos de xestión hai moitos outros elementos, con ducias de indicadores a cumprir. Así que este diario solicitou ter acceso, ao amparo da Lei de Transparencia, ás avaliacións trimestrais previstas nos propios acordos para 2022 asinados polo Sergas coas sete áreas sanitarias. A Xunta incumpriu os prazos legais e non respondeu ata que así llo requiriu a Valedora do Pobo. E finalmente a súa resposta foi negativa.
O Sergas equipara as avaliacións formais e cuantitativas a que se obrigou dos acordos asinados consigo mesmo a "notas", "borradores", "opinións" ou "informes internos"
Segundo unha resolución oficial asinada pola vicexerente do Sergas, María del Carmen Balboa Salgado, o seguimento dos acordos de xestión e os seus obxectivos e indicadores numéricos “realízase internamente”. “A información e os documentos utilizados para a devandita monitorización”, di a responsable do Sergas, “son documentos internos entre os equipos centrais e periféricos, con constantes alegacións, modificacións e non son obxecto de acceso” a través da Lei de Transparencia.
A interpretación da Xunta permítelle facer propaganda dos seus supostos obxectivos de mellora sanitaria pero ocultar ao escrutinio público o seu grao de execución
Desa norma esgrime o seu artigo 18 b). É o que permite ás administracións non admitir as peticións “referidas a información que teña carácter auxiliar ou de apoio como a contida en notas, borradores, opinións, resumes, comunicacións e informes internos ou entre órganos ou entidades administrativas”.
Isto é, malia fixar os propios acordos de xestión a obriga de realizar unha avaliación trimestral dos mesmos para comprobar o seu grao cumprimento, o Sergas considera esa avaliación como algo secundario ou interno, non como un documento oficial no seu poder que a Lei de Transparencia lle obrigue a facer público. Unha interpretación que lle permite facer propaganda dos seus supostos obxectivos de mellora sanitaria pero ocultar ao escrutinio público o seu grao de execución.