A asociación Defensor del Paciente, que dende os anos 90 do século pasado centra o seu labor na denuncia de presuntas neglixencia médicas e mais en analizar o estado da sanidade pública en todo o Estado, vén de facer pública a súa memoria do ano 2023. O documento combina a análise das reclamacións recibidas polo propio colectivo con datos externos coma o do Barómetro Sanitario do Ministerio de Sanidade e as súas valoracións ao respecto.
A asociación Defensor del Paciente recibiu 651 reclamacións en 2023 procedentes de Galicia, "a sexta comunidade máis denunciada"
No caso de Galicia, explican, sitúase como "a sexta comunidade máis denunciada" ante o seu colectivo durante 2023, con 651 reclamacións das que 41 se refiren a casos nos que a persoa atendida polo Sergas faleceu. Cirurxía xeral, urxencias ou traumatoloxía son os servizos dos que reciben máis queixas nun contexto no que tamén destacan as denuncias por elevadas listas de espera e a atención en xinecoloxía e obstetricia. Todo xunto a unha advertencia paralela: a saturación da Atención Primaria.
Manteñen dende Defensor del Paciente que, con independencia doutras eivas, "a gran fraqueza do sistema sanitario galego é a área da Atención Primaria". "Xunto con Andalucía -aseguran- é a máis saturada de España "e calculan que cumpriría un incremento do 30% no cadro médico "para minorar a presión e atender entre 20 e 25 pacientes ao día en lugar de axendas con 50 ou 60". A Consellería de Sanidade vén asegurando que a súa vontade é incorporar máis persoal, pero non logra atopalo e, neste sentido, a propia asociación destaca que "o Sergas ofertou aos MIR de último ano [persoal médico que está finalizando a súa formación] contratos estables de tres anos".
Listas de espera "saneadas", pero "manipuladas"
"Polas queixas que recibimos, constatamos que están manipuladas", di o colectivo sobre as listas de espera e o paso de pacientes ao rexistro "non estrutural", que non é público
Alén da Primaria, Defensor del Paciente achégase ás listas de espera cirúrxicas do Sergas dende unha dupla óptica. Por unha banda, din, o "período medio de 66 días" e o total de 47.046 persoas a agardar por unha operación indicarían que son "das máis saneadas" do Estado. Pero "polas queixas que recibimos, constatamos que están manipuladas".
Advirte o colectivo de que a "proba" desta acusación é "o modus operandi" da Xunta "para reducilas, que pasa por excluír os pacientes que rexeitan ser intervidos en hospitais de zonas [áreas sanitarias] distintas ás que lle corresponden". Isto ten o "agravante" de que "o enfermos e acompañantes deberán asumir os gastos de transporte e estancia fóra das localidades onde residan".
"Esta medida -lamentan- supón o aumento da lista non estrutural do Sergas, que tanta polémica xerou nos últimos anos, e beneficia a privada". Denomínase lista "non estrutural" a dos pacientes que seguen agardando por unha operación pero que, por motivos coma estes, desaparecen dunha lista oficial cuxa transparencia, por outra banda, vén reducíndose nos últimos anos.
SOS Sanidade Pública ten convocada unha nova mobilización unitaria para o 4 de febreiro
Estas consideracións da asociación Defensor del Paciente chegan en vésperas dunha nova mobilización da plataforma SOS Sanidade Pública, que o vindeiro 4 de febreiro prevé volver concentrar nunha manifestación unitaria en Santiago as diversas reivindicacións de colectivos locais e sectoriais do ámbito da sanidade pública galega.
Baixo o lema Pola sanidade que queremos e merecemos, a mobilización foi convocada antes do adianto das eleccións galegas para o 18F, se ben a data encadra agora en plena carreira electoral. Como en anos anteriores, xa recibiu o apoio explícito das principais forzas políticas da esquerda.