Fronte á diminución da espera cirúrxica e a estabilización nas consultas externas no global galego, o servizo de Rehabilitación do CHUO dispara a súa demora ante a incapacidade de Sanidade de cubrir as súas prazas
Dez días despois de que o Ministerio de Sanidade fixese públicos os principais datos das listas de espera sanitarias no primeiro semestre deste 2023, o Sergas vén de divulgar agora os seus propios informes, que permiten coñecer o detalle por hospitais e servizos. Uns datos no que destaca o empeoramento significativo da situación do servizo de Rehabilitación no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), onde a 30 de xuño máis de 2.600 persoas levaban máis dun ano agardando por unha consulta e onde a media de espera das máis de 6.600 persoas pendentes de atención era de 284 días, significativamente superior ao resto de hospitais e áreas sanitarias de Galicia.
A Consellería de Sanidade di que non atopa persoal para ese departamento de Rehabilitación e non ten solución para o problema, algo similar ao que vén sucedendo coa pediatría en xeral.
Como xa contou Praza.gal hai dez días, a espera media global por unha operación cirúrxica no Sergas é de 66 días, uns dez días menos que un ano antes pero uns dez días máis que xusto antes da chegada da pandemia da COVID-19. Canto ás consultas especializadas, a espera media global é de 63 días, apenas tres días menos que en decembro e en niveis do peor da pandemia. Pero estas cifras son notablemente peores no servizo de Rehabilitación de Ourense.
Xusto antes da pandemia da COVID-19 ninguén agardaba máis dun ano por Rehabilitación en Ourense e a media era de só 51 días
No CHUO a 30 de xuño había 6.647 persoas agardando por unha consulta de Rehabilitación unha media de 284 días, cando hai un ano a espera era de 153 días e xusto antes da pandemia de só 51 días. Ademais, 2.643 persoas levaban agardando máis dun ano, fronte ás 1.727 persoas que o facían en decembro. Xusto antes da pandemia ninguén agardaba ese tempo por Rehabilitación en Ourense.
Esta situación é particular do servizo de Rehabilitación do CHUO, xa que dentro da mesma área sanitaria, que inclúe tamén os hospitais de Verín e Valdeorras, a situación é mellor. En Verín non hai ninguén esperando máis de tres meses, e a media de espera é de 14,1 días, mentres que en Valdeorras a espera media é de 130,4 días con 184 persoas agardando entre seis e doce meses, pero ningunha máis dun ano.
En cifras moi afastadas do problema que se está a rexistrar no CHUO móvense os servizos de Rehabilitación do resto de áreas sanitarias agás a de Lugo. Nesta área, en todo caso, as persoas que agardan máis dun ano por Rehabilitación son 684, unha cuarta parte que en Ourense, e cunha espera media de 194,7 días. Pero no resto de áreas o servizo de Rehabilitación presenta demoras medias entre os 28 días en Vigo e os 62 días en Ferrol.
Sanidade di que non logra cubrir as prazas vacantes, "con ausencias en moitos casos de longa duración", e non ofrece ningunha solución
Segundo a Consellería de Sanidade, consultada por Praza.gal, o problema de Rehabilitación de Ourense é que "conta cun cadro de persoal sen todas as prazas cubertas a pesar dos sucesivos chamamentos a listas de contratación e ofertas de prazas en propiedade, con ausencias en moitos casos de longa duración". Este diario tamén preguntou á consellería como prevé solucionar esta situación sen que dese ningunha resposta.
Por outra banda, hai uns meses varias resolucións da Valedora do Pobo alertaron, como contou Praza.gal, dos problemas que se viñan rexistrando no servizo de Traumatoloxía na Mariña, con demoras tanto nas consultas como nas probas e mesmo nas triaxes en Urxencias.
As listas de espera agora facilitadas polo Sergas reflicten unha melloría no servizo de Traumatoloxía da Mariña, onde a Valedora fixo públicas hai uns meses todo tipo de queixas
Os detalles agora facilitados polo Sergas por hospitais e servizos médicos permiten comprobar unha melloría, de xeito que os 183 días de espera media por unha consulta que había hai un ano ou os 173 de finais de 2022 baixan no primeiro semestre deste ano a 124. E probas ligadas a ese servizo como unha ecografía musculoesquelética, que a finais do pasado ano se disparara aos 386 días de media, vén de baixar agora a só 67 días.