A xerente do Sergas axita o malestar sanitario ao reclamar "entender que non poderá haber pediatra en cada centro de saúde"

A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, durante a súa toma de posesión o pasado agosto CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A escaseza de pediatras vén sendo unha das queixas máis reiteradas en diversas mobilizacións na demanda de mellores servizos na sanidade pública en diversos puntos de Galicia. Dende as protestas de ámbito local ou comarcal, como as das últimas semanas no Grove e e Vilagarcía para o conxunto do Salnés, ata as reivindicacións máis xerais, como as da plataforma SOS Sanidade Pública ou da oposición parlamentaria.

Todo ese malestar vén de ser axitado dende o propio Goberno a raíz dunhas declaracións da nova xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, nunha das súas primeiras intervencións mediáticas dende que foi elixida para o cargo o pasado agosto, unha entrevista concedida ao xornal La Voz de Galicia. Nela, entre outros aspectos, é cuestionada pola "posibilidade" de, como "debaten" algúns profesionais, "concentrar" os pediatras en "centros de saúde de maior entidade", ao que respondeu en liña afirmativa.

Mobilización no Grove pola mellora da sanidade pública coincidindo co Foro La Toja, a principios deste mes de outubro © M. González

"Aínda non empezamos a falar cos profesionais", responde a que fora directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria ata que remudou o anterior xefe do Sergas, enviado pola Xunta á xerencia da área sanitaria de Pontevedra para tentar encarreirar varias crises abertas. Pero, engade, "si temos que facelo, tratando de chegar ao maior consenso cos profesionais e tamén coa poboación, que ten que entender que seguramente non poderá haber un pediatra en cadra centro de saúde", advirte.

O BNG censura que o Goberno do PP pretenda "normalizar os recortes" mentres "fai un agasallo fiscal de 34 millóns aos ricos" e o PSdeG cuestiona que Estrella López-Pardo "deba seguir no seu cargo" á fronte do Servizo Galego de Saúde

As declaracións da máxima responsable do Servizo Galego de Saúde propiciaron unha fervenza de reaccións, tanto de cidadanía a nivel individual a través das redes sociais como da oposición parlamentaria. "Ao PP éncheselle a boca falando da familia, pero despois considera que os nenos e nenas deste país non poden ter pediatría no seu centro de saúde", reprochaba este luns dende o BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, que xa tiña prevista unha comparecencia ante os medios para abordar asuntos sanitarios.

A líder do Bloque encadra estas declaracións nunha "estratexia deliberada de peche dos puntos de atención continuada" e, en xeral, do "desmantelamento da atención primaria" malia a mobilizacións como a "multitudinaria" protesta do venres en Vilagarcía. Pero o Goberno do PP, censura, segue "ancorado na soberbia" e aposta por "normalizar os recortes" mentres "fai un agasallo fiscal de 34 millóns ás 7.700 persoas máis ricas", di en referencia á anunciada rebaixa do imposto de patrimonio. Neste contexto, avanza que o BNG rexistrou xa unha petición de comparecencia do conselleiro de sanidade e reitera a petición de investir cando menos 200 millóns adicionais en atención primaria.

Ana Pontón (BNG) e Luis Álvarez (PSdeG), este 17 de outubro en senllas comparecencias ante a prensa no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

Pola banda do PSdeG o seu voceiro parlamentario, Luis Álvarez, ve de "extrema gravidade" as palabras da xerente do Sergas e coida que cabe preguntarse se "debería seguir no seu cargo", toda vez que foi nomeada "para mellorar a atención sanitaria". A súa reflexión a respecto da pediatría, di, engadido a outras cuestións como que "un enfermo crónico non sexa visitado en máis de seis meses" e "a responsable do Sergas confirme isto e quede tranquila" conforman un "panorama desolador". López-Pardo, sinala o dirixente socialista, debera atender a "comunidades autónomas do noso entorno" que "teñen cerca do 100% das prazas de pediatría cubertas" mentres Galicia fica "no 85%". A diferenza, coida, son as "pésimas condicións laborais que ofrece o Sergas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.