Mobilizacións en Ponteareas, Moaña e Marín chaman a "recuperar a sanidade pública" e a "normalizar" o funcionamento dos centros de saúde

Mobilización en Moaña pola sanidade pública, en febreiro © Plataforma de Moaña

Están convocadas mobilizacións en Ponteareas, Moaña e Marín e o vindeiro xoves todas as plataformas da área de Vigo concentraranse ante o edificio da Xunta en Vigo

A situación da atención primaria no Morrazo e no conxunto da Área Sanitaria de Vigo continúa a mobilizar á sociedade destas comarcas. O vindeiro xoves 24, de feito, o conxunto da das plataformas en defensa da Sanidade Pública da área de Vigo, dende Moaña a Cangas ata o Condado e o Baixo Miño, convoca unha concentración no edificio da Xunta da cidade olívica.

Será un anticipo das mobilizacións convocadas en toda Galicia para o vindeiro xoves 21 de abril por SOS Sanidade Pública. A plataforma chama a "recuperar" o sistema sanitario público, normalizando o funcionamento dos centros de saúde, garantindo as consultas presenciais, reducindo as listas de agarda, incrementando o persoal e loitando contra a precariedade e a inestabilidade laboral.

Convocatoria da manifestación pola atención primaria en Ponteareas © Plataforma en defensa da sanidade pública do Condado e Paradanta

Será un anticipo das mobilizacións convocadas en toda Galicia para o vindeiro xoves 21 de abril por SOS Sanidade Pública

Antes, este mesmo xoves 17, continuarán as mobilizacións pola situación da atención primaria no Condado, cunha manifestación que dende as oito da tarde percorrerá as rúas de Ponteareas. A marcha, convocada pola Plataforma en defensa da sanidade pública do Condado e Paradanta, partirá da Praza Maior da localidade denunciando que "os recortes en sanidade matan e padécenos especialmente as persoas en situación económica máis precaria".

A Plataforma reclama reducir as listaxes de espera para citas, cirurxías e probas diagnósticas, reducir as listaxes de agarda para medicina de familia a un máximo de 24 horas, recuperar as consultas presenciais na Atención Primaria e dotar os centros de saúde públicos do persoal sanitario e non sanitario necesario, asegurando que se cubran as xubilacións, baixas e vacacións.

Esta fin de semana continuarán, por 15ª semana consecutiva, as concentracións que se veñen sucedendo en Moaña dende hai catro meses

Así mesmo, esta fin de semana continuarán, por 15ª semana consecutiva, as concentracións que se veñen sucedendo en Moaña dende hai catro meses. Dende finais do pasado ano, todos os domingos a cidadanía concéntrase ás portas da Casa do Mar para reclamar da Consellería de Sanidade "a volta das Urxencias" á localidade, o reforzo das ambulancias para Cangas e Moaña e "a cobertura das dúas vacantes de médicas de familia en quenda de tarde que deixan a máis de 2.800 persoas sen médica de referencia desde o mes de outubro".

Mobilización en Moaña pola sanidade pública, en febreiro © Plataforma de Moaña

Manifestación en Marín

En Marín a mobilización pola situación do Centro de Saúde do Seixo, que fora adiada o pasado 13 de febreiro polo mal tempo e o 20 de febreiro pola traxedia do Villa de Pitanxo, foi de novo convocada para o vindeiro domingo 27 de marzo

En Marín, pola súa banda, a mobilización pola situación do Centro de Saúde do Seixo, que fora adiada o pasado 13 de febreiro polo mal tempo e o 20 de febreiro pola traxedia do Villa de Pitanxo, foi de novo convocada para o vindeiro domingo 27 de marzo. A manifestación, baixo o lema "por unha atención primaria digna e contra os recortes nas urxencias e nos Centros de Saúde de Seixo e Marín", partirá ás 12 do mediodía dende o propio centro sanitario de Marín.

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 20 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, di que retoma a protesta porque “o deterioro na atención primaria do concello é evidente e sen persoal é difícil que se atendan e diagnostiquen todas as doenzas".

“É gravísimo que nun concello de 24.000 habitantes só haxa un médico nas urxencias do PAC", denuncia a Plataforma

“Seguen as carencias de médicos de familia e esta semana anuláronse citas por falta de pediatras”, denuncian, concluíndo que “sen persoal, non hai sanidade pública de calidade para a veciñanza”. 

A Plataforma explica que “é gravísimo que nun concello de 24.000 habitantes e cun porto de interese xeral do estado só haxa un médico nas urxencias do PAC e que cando ten que saír na ambulancia teña que deixar os pacientes desatendidos que agardan atención urxente".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.