Marín, Moaña, Cangas, o Condado e o Baixo Miño: o deterioro da Atención Primaria multiplica as mobilizacións no sur do país

Protesta pola situación do Centro de Saúde do Seixo, en Marín ©

O vindeiro domingo 20 de febreiro Marín acolle unha nova manifestación "por unha atención sanitaria digna" e "contra os recortes", adiada esta fin de semana pola chuvia

Os problemas na Atención Primaria mantéñense en boa parte de Galicia, con conflitos abertos en varias comarcas, mobilizadas ante a falta de médicos ou o peche de servizos. Este domingo 13 de febreiro estaba convocada en Marín unha nova manifestación "por unha atención sanitaria digna" e "contra os recortes" nos Centros de Saúde de Seixo e Marín e nas urxencias do PAC deste concello. A ameaza da chuvia obrigou a adiar a manifestación, que foi fixada de novo para o vindeiro domingo 20. A marcha, que sairá ás 12 do Centro de Saúde de Marín, continuará a mobilización que se vén desenvolvendo na localidade dende o pasado verán.

Nos últimos días viñeron realizándose distintas asembleas informativas en varias parroquias do concello. A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 20 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, denuncia a "grave situación" que se vive nos Centros de Saúde de Seixo e Marín e subliña que “sen persoal, non hai sanidade pública de calidade para a veciñanza".

Aviso da ausencia de médicos no PAC de Marín, unha situación que se repetiu en varias xornadas © Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo

"O deterioro na atención primaria do concello é evidente. Os recortes de persoal, froito da política da Xunta de non cubrir baixas nin permisos, leva a que haxa cupos enteiros de pacientes sen a atención necesaria, aumento dos tempos de agarda para unha cita, demoras en derivacións a especialistas e problemas no seguimento de crónicos", afirman dende a Plataforma. E denuncian que no Centro de Saúde de Seixo "seis meses despois segue sen cubrirse a tempo completo a xubilación dun dos dous facultativos".

"En Marín non queremos que se nos siga recortando no noso dereito a unha atención sanitaria digna e por iso é necesario mobilizarse e non lamentarnos cando haxa unha desgraza”

"É gravísimo que nun concello de 24.000 habitantes e cun porto de interese xeral do Estado só haxa un médico e que cando ten que saír na ambulancia teña que deixar os pacientes que agardan atención urxente desatendidos", sinala a Plataforma, que conclúe que "en Marín non queremos que se nos siga recortando no noso dereito a unha atención sanitaria digna e por iso é necesario mobilizarse e non lamentarnos cando haxa unha desgraza”, en referencia ás mortes que se produciron en Moaña hai unhas semanas e que, segundo denunciou o Goberno local daquel concello, se puideron producir pola falta de persoal e o atraso na chegada dos servizos médicos.

Manifestacións en Cangas e Moaña, tamén o domingo

A manifestación convocada en Marín coincidía coa que se ía levar a cabo tamén este domingo 13 en Moaña e Cangas para pedir unha ambulancia de reforzo do 061 para dar servizo aos dous concellos e o regreso das urxencias ao PAC de Moaña

A manifestación convocada en Marín coincidía coa que se ía a levar a cabo tamén este domingo en Moaña (convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade de Moaña) e Cangas (convocada por A Voz da Sanidade de Cangas) coa mesma reinvindicación e apoiadas polos seus gobernos muncipais. As dúas marchas de Moaña e Cangas partirían desde os centros de saúde de ambos os municipios. 

Con todo, ao igual que en Marín a ameaza da chuvia obrigou tamén a suspender estas dúas manifestacións, aínda sen data para unha nova convocatoria. Si se mantivo en Moaña a habitual concentración que todos os domingos dende hai semanas se realiza ás portas do seu centro de saúde.

Reclámase unha ambulancia de reforzo do 061 para dar servizo aos dous concellos e, así mesmo, o regreso das urxencias ao PAC de Moaña, que carece deste servizo dende hai meses. A CIG esixe ao Sergas “que acondicione os espazos existentes e que aumente cun segundo equipo de médica-enfermeira, de 15:00 a 8:00 os días de semana e ás 24 horas das fins de semana, para poder prestar un servizo axeitado no PAC de Moaña, mentres non se constrúa unha instalación sanitaria fronteiriza entre os concellos de Cangas e Moaña que permita a asistencia conxunta para ambos municipios nun mesmo centro”.

Concentración en Tui "contra o desmantelamento da Atención Primaria" © Concello da Guarda

Á falta de medios técnicos súmase a de profesionais sanitarios para cubrir as consultas ordinarias de Atención Primaria, unha situación que está a provocar que miles de habitantes carezan do dereito esencial a ter asignada unha médica ou médico de familia, polo que "hai moitos pacientes aos que non se lle está a facer un seguimento axeitado das patoloxías crónicas", denuncia a CIG.

No Baixo Miño e O Condado dende comezos de ano veñen realizándose concentracións semanais para alertar do deterioro dos servizos sanitarios

Concentracións no Baixo Miño

Noutras comarcas -pero tamén na área sanitaria de Vigo, a máis afectada pola falta de profesionais sanitarios- continúan as mobilizacións pola atención primaria. É o caso do Baixo Miño e o Condado, onde dende comezos de ano veñen realizándose concentracións semanais para alertar do deterioro dos servizos sanitarios. Nas últimas semanas profesionais e persoas usuarias mobilizáronse no Rosal, Tomiño e Tui, convocados pola Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, e tamén en Ponteareas, da man da Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Condado e Paradanta.

Estas concentracións buscan denunciar "a situación de precariedade e o continuo desmantelamento da sanidade pública nos nosos concellos e trasladar ao Sergas e á Xunta a necesidade de adoptar medidas de forma urxente"

Estas concentracións buscan denunciar "a situación de precariedade e o continuo desmantelamento da sanidade pública nos nosos concellos e trasladar ao Sergas e á Xunta a necesidade de adoptar medidas de forma urxente", en palabras da Mancomunidade do Baixo Miño. Este mércores a concentración de protesta tivo lugar en Tui e o vindeiro 23 de febreiro está convocada unha máis na Guarda.

De igual xeito, a Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Condado e Paradanta subliña que "este deterioro non é casual, se non que é o produto dunha política, a practicada polo PP na Xunta de Galicia, orientada a fomentar a sanidade privada e converter o que é un servizo público e un dereito fundamental nun negocio para as grandes empresas do sector sanitario".

Concentración en Tui "contra o desmantelamento da Atención Primaria" © Concello de Tui
Concentración no Baixo Miño pola situación da Atención Primaria © Plataforma en defensa da sanidade pública do Condado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.