Este venres ao redor de 3.500 persoas -segundo a organización- manifestáronse na parroquia de Seixo, en Marín, en defensa do Centro de Saúde de Seixo, denunciando os recortes sufridos nos últimos anos e esixindo “compromisos claros e por escrito á Xunta" para cubrir todas as prazas do centro e "garantir unha asistencia sanitaria digna nas parroquias, que evite o desmantelamento do consultorio".
A manifestación denunciou os recortes sufridos nos últimos anos e esixiu “compromisos claros e por escrito á Xunta" para cubrir todas as prazas do centro de saúde
As manifestantes denuncian que a Xunta pretende desmantelar o centro de saúde "aproveitando a xubilación dunha das prazas de enfermaría e a xubilación dun dos médicos prevista para mediados de agosto". Neste momento o Centro de Saúde de Seixo conta cunha auxiliar de enfermaría compartida co Centro de Saúde de Marín e que só acode unhas horas á semana. A praza de enfermaría foi cuberta de xeito temporal cun contrato de acúmulo que asina de mes en mes e que -denuncian- "en calquera momento pode ser obrigada a ir a outro centro”. “Non hai garantía ningunha de que ambas as dúas xubilacións vaian ser cubertas con persoal, de xeito
permanente", denuncian, e esixen un compromiso por escrito da Xunta.
O centro dá servizo a catro parroquias que suman cinco mil habitantes. Unha parte moi importante manifestáronse o venres
O Centro de Saúde de Seixo dá servizo á poboación desta parroquia e tamén a outras tres parroquias fóra da zona urbana de Marín, coma O Campo, Santomé ou Ardán. Para entender a importancia da mobilización vivida este venres, cómpre subliñar que as parroquias de Seixo (1.888), Santomé (1.059), Ardán (1.591) e O Campo (374) suman menos de cinco mil habitantes, das que unha parte moi importante saíu a manifestarse.
Na marcha confluíron distintas reivindicacións relacionadas coa perda de servizos na zona rural de Marín, coma o peche da única sucursal bancaria ou a ausencia dun ou dunha pediatra
A marcha veu precedida dunha importante mobilización nas últimas semanas e nela confluíron distintas reivindicacións relacionadas coa perda de servizos na zona rural de Marín. Así, na manifestación puido verse a nenos e nenas levando unha faixa que demandaba a dotación dun ou dunha pediatra para o Centro de Saúde. E, de igual xeito, a marcha fixo un alto na sede da única sucursal bancaria da zona, de Abanca, que pechará as súas portas o vindeiro 21 de xullo; alí veciñas e veciños pegaron carteis “contra o peche da única sucursal que queda na zona”.
Tamén se viron faixas en demanda dun "rural vivo” e se escoitaron berros coma “os do rural tamén temos dereitos”, unidos a outros que subliñaban que “a sanidade non se vende, senón que se defende”. A marcha contou coa asistencia dos profesionais do centro de saúde, persoal de ambulancias, da plataforma galega SOS Sanidade Pública e, tamén, co apoio do PSOE e o BNG, cos seus e as súas portavoces locais e varios dos seus deputados e deputadas no Parlamento galego.
"Non queremos chegar ao 15 de agosto e atoparnos coa praza dun dos médicos que marcha por xubilación e a do outro que marcha de vacacións sen cubrir, e que aproveiten para mandarnos a todos a Marín"
A Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo valorou a manifestación como un grande éxito e unha chamada de atención para o Goberno galego. "A Xunta debe pasar da propaganda aos compromisos claros e por escrito. A veciñanza saíu á rúa porque non se fía do que din dende a Xunta e repiten do Concello. Sobran exemplos de recortes en centros de saúde como o noso e as veciñas e veciños non queremos chegar ao 15 de agosto e atoparnos coa praza dun dos médicos que marcha por xubilación e a do outro que marcha de vacacións sen cubrir, e que aproveiten para mandarnos a todos a Marín", sinalaron as e os representantes da Plataforma. "Mobilizámonos para que non nos deterioren o servizo e porque temos dereito a unha atención sanitaria digna", engadiu.
"Se desmantelan o Centro de Saúde de Seixo vannos concentrar a todos no Centro de Saúde de Marín e a atención sanitaria vai empeorar en todo o concello"
A pasada semana a maioría absoluta do PP no pleno municipal marinense (conta con 15 dos 21 concelleiros e concelleiras) botou abaixo unha moción, apoiada por PSdeG e BNG, que pedía que o Goberno local se posicionase "claramente a favor das reivindicacións da veciñanza e contra os recortes da Xunta na sanidade”. A moción denunciaba, así mesmo, que "se desmantelan o Centro de Saúde de Seixo vannos concentrar a todos no Centro de Saúde de Marín e a atención sanitaria vai empeorar en todo o concello".
A Plataforma salienta que manterá as mobilización mentres non obteña ese "compromiso por escrito" e reitera a denuncia do "deterioro e desmantelamento" dos servizos básicos que está a sufrir a veciñanza zona nos últimos anos.