A sanidade no rural: o recorte de servizos que engade obstáculos á vida na Galicia non urbana

Cabeceira do vídeo 'LugarDe: Sanidade' © Xarda

A cooperativa audiovisual Xarda vén de publicar un vídeo sobre a situación da sanidade no rural galego, centrándose no desmantelamento de servizos e nas demandas expresadas pola cidadanía destas comarcas. A peza é a primeira dunha serie (baixo o título de “Lugar de”) sobre problemas, movementos e iniciativas do rural galego, que será continuada por un vídeo sobre o ensino no rural.

O vídeo céntrase no desmantelamento da sanidade pública e da atención primaria, coa intervención de persoal sanitario e activistas

Xarda céntrase en catro puntos principais de reivindicación: falta de recursos humanos, peches de servizos como o de pediatría, aumento das consultas telefónicas e a falta de transporte público que conecte ás persoas cos seus centros de saúde. Tamén recolle críticas cara a nova reforma da Lei de Saúde e a perda dunha sanidade baseada na prevención ao tempo que se afonda nun modelo 'hospitalcentrista'.

Entre as voces que participan están Xosé María Dios Diz, representante da AGDSP; Vanessa Viquendi, representante de Pediatras e Matronas Xa; as médicas Alicia Barreiro e Xoán Casas e a activista Mayka Cacheiro

Ao longo dos 20 minutos do vídeo, escoitamos a profesionais sanitarios e activistas, que afondan na situación concreta que se vive en Outes, A Baña, Baio, Mazaricos e Fisterra. Entre as voces que participan están Xosé María Dios Diz, representante da Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública (AGDSP); Vanessa Viquendi, representante de Pediatras e Matronas Xa; as médicas Alicia Barreiro e Xoán Casas e a activista Mayka Cacheiro.

"A idea era amosar os problemas que existen no rural e tamén as iniciativas da xente que vive nestas zonas. A xente ten moitas ganas de falar do que lle está acontecendo, explica Elena Martín Lores, que destaca que "tentamos que fale xente anónima, fuxindo de fontes oficiais, dándolle voz a xente que vive no rural e que ao final é quen mellor coñece a súa situación e o que necesita".

“Asentarse no rural é moi dificil, queda moi bonito nun spot publicitario, pero no momento que faltan todos os servizos pois evidentemente a xente nova pensa se vir", di unha das entrevistadas

A peza incide, igualmente, nas dificultades e obstáculos que os problemas crecentes que se viven na atención sanitaria (ao igual que noutros servizos públicos) xeran para vivir nos concellos do rural. Como di Mayka Cacheiro, unha das entrevistadas: “Asentarse no rural é moi dificil, queda moi bonito nun spot publicitario, pero no momento que faltan todos os servizos pois evidentemente a xente nova pensa se vir. Porque vivir no rural supón un custo é unha perda de dereitos e de garantías”. Como tamén dicía a economista María do Mar Pérez Fra nesta entrevista: "Non imos repoboar o rural a base de heroes e de heroínas. Demandamos unhas condicións de vida mínimas".

Elena Martín Lores subliña que a escolla da sanidade para abrir a serie de vídeos de 'Lugar de' parte do seu carácter "fundamental". "Se non hai sanidade no rural, non pode haber nada máis. "Ademais, queríamos denunciar o proceso de desmantelamento da atención primaria, que é a clave para evitar o colapso dos hospitais. Con máis razón no contexto no que estamos a vivir", di.

Alicia Barreiro, médica no consultorio de Baio © Xarda

O segundo vídeo da serie, que se publicará en breve, está centrado nos problemas do ensino no rural

O proxecto 'Lugar de', que conta co apoio da Deputación da Coruña, inclúe tamén artigos escritos, centrados nas mulleres deportistas no rural, os cantos e bailes tradicionais e o seu papel na conservación da memoria ou a historia e cultura contidas en obxectos que constitúen verdadeiros tesouros etnográficos e patrimonio material.

O segundo vídeo da serie, que se publicará en breve, está centrado nos problemas do ensino no rural, dende a recente problemática do trasporte escolar no Courel, ao peche das escolas unitarias e demais eivas que están a sufrir moitos concellos de todo o país. A serie de 'Lugar de' continuará con tres vídeos máis: un sobre muralismo e arte no rural, outro sobre cultura e os distintos movementos e iniciativas que traballan alí e outro sobre feminismo e LGTBI nestas zonas.

Que é Xarda?

Xarda é unha cooperativa que ofrece servizos de comunicación, especialmente centrados no xornalismo audiovisual. Naceu o pasado ano cun ideario "feminista, antirracista, antifascista, ecoloxista e que cre na cooperación entre as persoas" e na súa web pódense ver algúns exemplos dos traballos realizados ata agora.

"Nacemos hai case un ano, coincidindo co inicio da pandemia, coa idea de facer audiovisual xornalístico. En realidade era o traballo que xa viñamos facendo, pero queríamos contar cun lugar para reunir todas as nosas pezas, promocionar o noso traballo ou buscar financiamento. Colaboramos con varios medios de comunicación e temos traballado tamén con varias cooperativas e organizacións sociais", explica Elena Martín Lores.

Profesionais reivindican unha volta a un modelo baseado na prevención © Xarda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.