"Foi unha explosión de dignidade", resume Aurora Sola, portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei e unha das persoas máis activas no peche contra a clausura do paridoiro do hospital de Verín e o desvío dos nacementos a Ourense. Neste vindeiro mércores cúmprese un ano desde que a Xunta reabriu a sala de partos e as urxencias pediátricas tras máis de dous meses de intensa mobilización veciñal e dos profesionais sanitarios contra unha polémica decisión.
"Foi unha explosión de dignidade; houbo unha mudanza total na concienciación social da comarca", di Aurora Sola
Aquela loita supuxo, segundo Sola, unha "mudanza total na concienciación social da comarca". "O Verín non se pecha --di en alusión ao lema máis repetido-- quedou como unha semente entre a veciñanza, que desde entón é plenamente consciente da necesidade de pelexar e loitar pola sanidade e os servizos públicos e de que só reclamando os nosos nosos dereitos se poden conseguir cousas", conta un ano despois.

Nesta altura, o hospital comarcal conta co mesmo número de profesionais pediátricos co que reabriu o 3 de febreiro pasado: un pediatra contratado a tempo completo e outro para as gardas que se xubilará no vindeiro mes de xullo. Con ese cadro de persoal, aínda insuficiente segundo os traballadores, o centro pechou 2020 cun total de 115 partos, a mellor cifra desde 2015 --tendo en conta ademais o peche que imposibilitou varios nacementos en xaneiro--, unhas cifras na media dos últimos exercicios e afectadas, en todo caso, pola baixa natalidade e a emigración que afecta toda a provincia.
O hospital de Verín rematou 2020 con 115 partos, a mellor cifra desde 2015 malia ter o paridoiro pechado durante xaneiro
"Os números non fan máis que demostrar o que dixemos todo o tempo: que o problema real eran as derivacións que intencionadamente se facían, o que explica o descenso de partos de 2018 e 2019, e a obsesión por pechar o paridoiro, cos medios e persoal axeitado o labor lévase a cabo con normalidade", explica Rogelio Viñán, un dos xinecólogos do hospital comarcal, que destaca tamén o mérito da mobilización veciñal ao deter un peche que viña ordenado desde a dirección da área sanitaria de Ourense.
O persoal sanitario insiste en que a reapertura da sala de partos só foi posible pola importante mobilización, que abrangueu todos os sectores sociais. "A comarca xa se tiña mobilizado pola falta de servizos noutras ocasións, pero o do paridoiro tocou moito porque era privarnos dun servizo moi importante, algo moi grave; non era só o paridoiro, senón tamén as urxencias pediátricas", resume Sola, que destaca que á protesta "se unisen persoas de todo tipo de ideoloxías". "Non era unha cuestión de partidos, senón unha problemática máis que lle caía a esta comarca e que afectaba algo tan importante como dar a luz aos pequenos ou coidar da súa saúde", explica.
"Había un caldo de cultivo pola continua perda de servizos no rural e a xente decidiu que non ía permitir máis recortes"
"Tocouse o máis sagrado", insiste a portavoz da plataforma, que recoñece que moita xente que non se mobilizara noutras cuestións si o fixo para "defender o paridoiro". "Había un caldo de cultivo pola continua perda de servizos no rural, nesta zona, e a xente decidiu que non ía permitir máis recortes. Estoupou a dignidade da comarca", insiste.
A proba de que o Verín non se pecha prendeu "para sempre" foi, segundo Sola, a mobilización que o pasado mes de novembro provocou na veciñanza a apertura dun expediente por parte do Sergas a Javier Castrillo, xefe de Xinecoloxía do hospital e un dos rostros máis visibles e implicados na loita contra a clausura do paridoiro.
Malia as restricións pola COVID, foron moitas as persoas que apoiaron o doutor, tanto en persoa como a través de mensaxes e chamadas. "De non haber pandemia, teríamos repetido na rúa a multitude do ano anterior", advirte Sola, que lembra o apoio solidario do comercio ou a exitosa recollida de sinaturas na comarca para declarar "persoa non grata" a Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, ao que acusan de impulsar o expediente. "A resposta segue a ser impresionante", di.
A apertura dun expediente por "falta grave" ao xefe de Xinecoloxía en Verín reactivou a mobilización na comarca
O proceso aberto contra Castrillo podería supor a súa inhabilitación, logo de que o pasado 30 de novembro de 2019 mantivese unha "diferenza de criterio", segundo explicou, cunha compañeira pediatra tras negarse ao traslado a Ourense dun neonato. Máis dun ano despois, o Sergas considera unha "falta grave" aquel suceso e sinalou o profesional cun expediente que o afectado considera "unha vinganza". "Xa me advertiran de que gardase ben as costas", dicía en Praza.gal e mantén agora. "É un proceso inquisitorial", insiste.
Tras descubrirse que a médica á que Feijóo e a xerencia da área sanitaria de Ourense fixeran responsable do expediente a Castrillo afirmara que realmente seguira ordes do Sergas, o proceso continúa o seu curso coa presentación de alegacións por parte do xinecólogo, que advirte de que acudirá aos tribunais para reclamar "danos e prexuízos". "Poñan a sanción que me poñan", di sobre unhas consecuencias que poden ir "da nada aos dous anos de inhabilitación", tras definir como "purga" o expediente e destacar o "emocionante apoio da cidadanía".
"Na vida se difamou e insultou uns profesionais tanto como se fixo con nós, sen dato ningún e sen argumentos", lamenta Javier Castrillo
Para Castrillo, un ano despois da reapertura, queda tamén o "insulto" que sufriron el e os seus compañeiro por parte da xerencia da área e mesmo doutros sanitarios. "Na vida se difamou e insultou uns profesionais tanto como se fixo con nós, sen dato ningún e sen argumentos", resume agora, advertindo da "obsesión por pechar o paridoiro". "Dese a xerencia ao servizo de Pediatría e de Xinecoloxía de Ourense... Todos teimaban en pecharnos, cadaquén cos seus intereses", conta.
Mentres, en Verín seguen a nacer pequenos --sete xa neste mes de xaneiro--, pero continúan sen aparecer os supostos informes técnicos nos que a Consellería de Sanidade dixo basear a decisión de clausurar a atención aos partos e as urxencias pediátricas en Verín, xustificada pola Xunta con varias e contraditorias versións. A petición do servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do hospital comarcal para a entrega desa documentación aínda non foi atendida, case un ano despois.
O Sergas xustificou primeiro aquel peche no “consenso” de profesionais e sociedades científicas, que recomendarían “non dotar de maternidade” a aqueles hospitais que non cheguen a 600 partos anuais, unha cifra que non alcanza ningún centro comarcal en Galicia e que a área de influencia do hospital de Verín non alcanzou nunca na historia do centro. Nin tan sequera chegou a un terzo desa cifra desde que en 1994 foran inaguradas as instalacións, tal e como reflicten os datos de nacementos do Instituto Galego de Estatística (IGE).
O PP de Ourense defendeu a reapertura do paridoiro en Verín, onde o terceiro parto tras a súa clausura foi o do fillo dunha concelleira popular da Gudiña
A alusión á suposta "falta de pericia" e "perda de experiencia" dos profesionais polo baixo número de nacementos --moitos derivados a Ourense durante os últimos anos-- erguera aínda máis a indignación dos profesionais nun conflito que pasou do estritamente sanitario e comarcal ao político e ao ámbito galego. O PP de Ourense, co seu líder Manuel Baltar á cabeza, defendeu a reapertura do paridoiro, e o destino quixo que o terceiro nacemento que tivo lugar en Verín tras o peche da sala de partos fose o do fillo dunha edil popular da Gudiña.
Coas eleccións autonómicas ás portas e o conflito sanitario candente en toda Galicia, a mobilización na comarca de Monterrei supuxo un impulso contra as políticas de Feijóo, contestadas masivamente na rúa, onde o paridoiro salvado virou en símbolo. A COVID provocou a suspensión dos comicios previstos en abril e o actual presidente da Xunta revalidou a súa maioría absoluta en xullo con practicamente a mesma porcentaxe de votos, case o 50%, que catro anos antes. En Verín, o PP revalidou tamén a súa vitoria, pero deixou polo camiño dez puntos e máis de 2.300 votos.