O expediente ao xinecólogo reactiva en Verín a revolta en defensa da sanidade pública

Mobilización ante o hospital de Verín contra o expediente contra o doutor Castrillo CC-BY-SA PSdeG

Xusto un ano despois, Verín volveu saír á rúa. Hai doce meses fora unha mobilización masiva en fin de semana aos poucos días de se coñecer a decisión do Sergas de suprimir a atención aos partos e as urxencias pediátricas no hospital da vila e derivar todos os nacementos a Ourense. Desta vez, en pandemia e nun luns, a protesta reclamou a retirada do expediente disciplinario que a Xunta abriu ao xefe de Xinecoloxía do centro, un dos rostros máis visibles e implicados na loita contra o peche do paridoiro. 

Verín volveu saír á rúa un ano despois da gran marcha contra o peche do paridoiro; desta vez, contra o expediente aberto ao xefe de Xinecoloxía do hospital

Centos de persoas, tamén profesionais sanitarios, secundaron a concentración ante o hospital comarcal, onde se pediu a "dimisión" ou o "cesamento" de Félix Rubial, xerente da área sanitaria ourensá, e onde o propio Javier Castrillo agradeceu "emocionado" un apoio unánime e masivo. "A de Verín é das máis bonitas loitas cidadás que vin, de xente que loita polo que cre xusto, contra unha inxustiza", declarou logo o xinecólogo, que di ter "confianza" en que a instrución do caso do seu expediente, polo que pode ser inhabilitado dous anos, quede en nada. 

Mobilización ante o hospital de Verín contra o expediente contra o doutor Castrillo CC-BY-SA PSdeG

"Os motivos das persoas que impulsaron esta incoación non son dignos, fixérono porque fun a cara máis visible da loita pola conservación do paridoiro e da defensa deste medio rural", asegurou Castrillo, que cre que "hai persoas que non aceptan que un sexa un atranco no seu camiño". "Logo dun ano rumiando o desquite, apareceron coa incoación dun expediente que sacaron do mesmo sitio que sacaron os criterios para o peche do paridoiro; fixeron maxia porque apareceu un expediente da nada", insistiu quen foi acusado de "falta de respecto grave" a unha compañeira por discutir sobre a idoneidade de trasladar un neonato a Ourense. 

"Os motivos das persoas que impulsaron o expediente non son dignos, fixérono porque fun a cara máis visible da loita pola conservación do paridoiro"

"Se o que eu fixen foi unha falta grave, tería que haber cen expedientes todos os días porque discrepancias nos hospitais hai sempre", engadiu o xinecólogo, que asegura que, logo de estudar e documentarse máis sobre o caso, insiste en que a decisión tomada polos profesionais de Ourense de trasladar o pequeno "é totalmente cuestionable". Ademais, anunciou que presentará en breve as súas alegacións a un proceso que seguirá coa súa declaración ante Inspección o vindeiro venres en Ourense. 

Ademais, Rogelio Viñán, xinecólogo compañeiro de Castrillo, leu tamén un manifesto ás portas do hospital para "honrar e acompañar" o doutor. "Non imos consentir que este só fronte aos mesmos que vos mandaron calar e pecharon o paridoiro con argumentos equivocados", asegurou nunha mobilización onde tamén a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei e as matronas do hospital se uniron ás protestas. 

"Estamos aquí porque parece que defender os dereitos dunha nai e o seu fillo a non ser separados sen unha causa médico que o xustifique é moitvo de castigo", expresou Belén Vázquez, unha das matronas encargada de ler un texto no que se acusa o Sergas de "cebarse de maneira inxusta e mezquina" co seu "xefe", do que defendeorn a súa "empatía e humanidade" e o seu "bo facer e loita por manter o serivoz en pé". 

Na concentración houbo lugar tamén para as coplas nas que se pediu "por favor" ao "presidente" da Xunta que "retire xa o expediente". "Rubial, Rubial, Rubial, non nos toques no hospital", cantaron varias persoas que na letra aseguran que "a vinganza é para ruíns. "O odio déixeo a un lado, que a xente de Verín non cometeu o pecado", din

O comercio verinense pechou ás 11 para apoiar a protesta contra o expediente aberto ao xefe de Xinecoloxía do hospital

Mesmo os comerciantes baixaron as súas persianas en apoio a Javier Castrillo entre as 11 e as 11.10 da mañá, logo de que a asociación de empresarios de Verín (Aever) e outros colectivos animasen a apoiar a mobilización no hospital saíndo ás portas dos seus negocios. 

Ante o centro sanitario, tamén estiveron representantes de partidos políticos. A deputada do BNG no Parlamento, Maria G. Albert, advertiu dun “desquite político” por parte da Xunta polo papel de Castrillo nas mobilizacións de hai un ano. A parlamentaria  nacionalista acusou o PP por "usar medios ilícitos para tentar represaliar unha das caras visíbeis do movemento que logrou poñer freo a aquela iniciativa dinamitadora da sanidade". 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, insistiu na necesidade de manter as mobilizacións para "conseguir que Feijóo volva recuar". "Imos facer que compareza", dixo o líder dos socialistas galegas, que amosou o seu "total apoio" ao xinecólogo expedientado ante "unha purga" da que acusou o presidente da Xunta.

A mobilización que hai un ano empezaba implicou boa parte da sociedade verinense e da área, incluíu un peche de dous meses no hospital e obrigou a recuar á Xunta, que aludiu a criterios técnicos e de seguridade e achegou diferentes e variadas versións cada pouco para xustificar unha decisión que case ninguén entedeu. Tampouco no PP da zona, que amosou o seu apoio ás reivindicacións, tanto desdedesde diferentes localidades como desde a Deputación. 

Precisamente, desde a institución provincial reclamouse o pasado venres por unanimidade o "arquivo inmediato" do expediente aberto a Javier Castrillo, que en entrevista con Praza.gal advertira que, na súa opinión, a acción levada a cabo pola Sergas foi "unha vinganza" tras ser advertido de que "gardase ben as costas" logo de opoñerse ao peche do paridoiro

O comercio pechou en Verín durante a protesta contra o expediente a Castrillo no hospital CC-BY-SA Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei

O hospital de Verín superou xa os cen nacementos no que vai de ano tras o peche de paridoiro, que a Xunta xustificou cuns informes que seguen ocultos

Un ano despois, e logo de que o Sergas incorporase un pediatra ao servizo en Verín, o hospital superou xa os cen nacementos no que vai de ano, malia o peche no mes de xaneiro, e apunta ás cifras máis altas dos últimos tempos. Tamén un ano despois, o Sergas segue sen facer públicos os informes técnicos que esgrimiu para suprimir a atención aos partos

En doce meses, pasouse do "Verín non se pecha" ao "Castrillo non se toca", seguindo o ronsel dunha mobilización que prendeu nunha comarca que leva tempo reclamando servizos públicos e opoñéndose á súa retirada. O conflito pasou factura tamén ao PP, que na vila ourensá perdeu case 12 puntos (-11,6) e máis de mil votos (-1.013), nas últimas eleccións autonómicas de xullo, nun dos seus peores resultados para os populares en comparación cos comicios 2016.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.