O hospital de Verín supera os cen partos tras reabrir o paridoiro e apunta ás maiores cifras dos últimos anos

Mobilización contra o peche do paridoiro ás portas do hospital de Verín, nunha foto de arquivo © Común da Esquerda

O hospital de Verín superou os cen nacementos nas súas instalacións neste ano. Malia que o paridoiro e o servizo de pediatría estiveron pechados durante o mes de xaneiro --e tamén en decembro de 2019-- tras a decisión do Sergas de clausurar a sala de partos, o número de nais que deron a luz no centro comarcal supera á dos últimos dous anos e sitúase na media dos exercicios anteriores. 

O hospital de Verín pasou xa dos 100 nacementos desde a reapertura do paridoiro, superando as cifras dos dous últimos anos e situándose na media anterior

Desde que, logo da presión social, reabrira o paridoiro o 4 de febreiro, son xa 103 os pequenos nacidos no hospital comarcal de Monterrei, segundo os datos facilitados polos profesionais do servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do centro. Unha cifra á que habería que engadir os sete partos que tiveron que ser derivados ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) en xaneiro, que elevaría a 110 os nacementos nunhas instalacións nas que a Xunta decidira suprimir a sala de partos. Argumentaba, entre outras cousas, a baixa natalidade que provocaría, segundo o xerente da área sanitaria ourensá, Félix Rubial, a "perda de a experiencia" e "falta de pericia" dos profesionais. 

"De seguir así a tendencia, acabaremos 2020 en arredor de 120 nacementos, unha cifra que se elevaría a perto dos 130 de incluír aqueles partos que houbo que derivar a Ourense polo peche do paridoiro", destaca Rogelio Viñán, un dos xinecólogos do hospital comarcal.

O hospital comarcal rematará 2020 con arredor de 120 nacementos malia o mes no que estivo pechada a sala de partos tras a decisión do Sergas

Son todas cifras superiores ás dos partos atendidos no hospital de Verín en 2018 (89) e 2019 (64), este último dato influenciado xa á baixa polas derivacións "excesivas e moitas delas inxustificadas" a Ourense que persoal do servizo de Obstetricia e Xinecoloxía atribúe á intención do peche do paridoiro culminado a finais do pasado ano. 

Os 103 nacementos a data de 24 de novembro e as previsións ao remate do ano sitúan o número de partos en 2020 no hospital de Verín ao nivel de 2016, 2014 ou 2013. De ter en conta os nacementos frustrados alí polo peche do paridoiro, as cifras roldarían os 130 de 2015, un dos mellores anos dos últimos tempos, ademais de consolidarse como o mellor dato de partos atendidos do último lustro neste centro. 

O Sergas, para xustificar o peche do paridoiro logo revertido tras máis dun mes de mobilizacións, aludiu continuamente ao “consenso” de profesionais e sociedades científicas, que recomendarían “non dotar de maternidade” a aqueles hospitais que non cheguen a 600 partos anuais, unha cifra que non alcanza ningún centro comarcal en Galicia e que a área de influencia do hospital de Verín non alcanzou nunca na historia do centro. Nin tan sequera chegou a un terzo desa cifra desde que en 1994 foran inaguradas as instalacións, tal e como reflicten os datos de nacementos do Instituto Galego de Estatística (IGE). 

Sanidade sinalou o escaso número de partos para xustificar o peche do paridoiro; no que vai de 2020, o incremento é de máis do 60% con respecto ao ano anterior

A Xunta baseaba a súa argumentación nunha guía elaborada por varios expertos --algúns deles de asociacións que rexeitan a decisión do Sergas-- para o Ministerio de Sanidad en 2009. É o informe Maternidad Hospitalaria. Estándares y Recomendaciones, do que o propio Ministerio advirte que "non ten un carácter normativo para a autorización de apertura e/ou o funcionamento deste tipo de unidades". 

Nesta guía establécese que "parece prudente non dotar de Maternidade Hospitalaria a aqueles hospitais que non teñan un área poboacional de referencia (ou cuxo estudo de mercado non prevea) que xere unha demanda superior aos 600 partos ao ano", pero engade unha excepción a esta recomendación: "que razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade así o aconsellen". A duración media dunha viaxe desde a comarca de Monterrei e a área de influencia do hospital de Verín é dunha hora ata o CHUO de Ourense. 

Ademais, non hai hospital comarcal ningún en Galicia que alcance eses 600 partos anuais dos que fala a guía. Nin tan sequera o do Salnés, en Vilagarcía, onde naceron menos de 600 pequenos en 2018. O do Barco de Valdeorras superou por pouco os 100, o de Cee os 200, mentres que en Burela e Monforte pasouse de 300. En Verín, nese mesmo ano, roldáronse os 90, unha cifra que os profesionais do centro aseguran que se mantería en 2019 --onde baixou a 64-- de non multiplicarse as derivacións coa chegada de pediatras de garda desde Ourense. 

Ese importante descenso de partos en Verín foi logo outro dos argumentos dos que tirou o Sergas para xustificar o peche dun paridoiro que experimentou xa no que vai de 2020 un incremento de máis do 60% no número de nacementos con respecto a 2019. 

Coa contratación dun pediatra adscrito ao centro e a colaboración doutra pediatra de Atención Primaria que atende os partos, o hospital comarcal de Verín recuperou certa normalidade nun servizo que, segundo o xefe de Xinecoloxía, Javier Castrillo, precisaría aínda "un ou dous profesionais máis" para quedar completo. O número de nacementos supera a media dos dous últimos anos e sitúase ao nivel dos anteriores, sufrindo, con todo, o lóxico descenso provocado pola baixada na natalidade que é continua nas comarcas do sur de Ourense nos últimos 45 anos. En parte, tamén, pola falta de servizos públicos axeitados como os sanitarios, polos que a loita cidadá se implicou en Verín. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.